![]() |
Diego P. Dopico, María Xosé Rodrígez (concelleira de Cultura de Cedeira) e Vicente Rodríguez. |
Tres de xaneiro, anoitecía en Cedeira, ía un frío glacial que animaba a xuntarse para respirar a calor humana que desprendían as persoas que agardaban impacientes a apertura da exposición de dous artistas ortigueireses, Vicente Rodríguez e Diego Pérez Dopico, que tiña lugar no Palacete municipal, un fermoso edificio do século XIX rehabilitado polo concello de Cedeira.

Nunha primeira ollada aos cadros de Vicente percibimos a minuciosidade do seu pincel, a figura engaiolante da nena sempre presente, as paisaxes realistas coas cores apropiadas, en definitiva, unha obra con personalidade propia e selo inconfundible do pintor de Cuíña.

Os pintores agradeceron o recoñecemento e boa acollida por parte do concello de Cedeira e da concellería de Cultura, polas facilidades amosadas e bo trato recibido. Agradeceron tamén a presenza dos amigos e veciños que quixeron compartir con eles una noite máxica.
![]() |
Os artistas co pintor Sergey Sozonov e o fotógrafo José Manuel Giz |
A exposición poderá verse no Palacete de Cedeira durante o mes de xaneiro. Merece a pena pasar por alí e disfrutar dos cadros ollando os vieiros que utilizan os artistas para achegarnos a un mundo diferente: Ás veces idílico, ás veces perturbador... Dous estilos. Parabéns!.
-------------------
Texto: Luli Dopico
Fotos: Álvaro F. Polo
Ningún comentario:
Publicar un comentario