mércores, 24 de outubro de 2018

Santa Marta e a lenda do «bicho da Barra» en Ortigueira.

Bicho da igrexa de Ortigueira. Imaxe en madeira
do séc. XVII




No concello de Ortigueira, a dous quilómetros e medio da vila de santa Marta, é dicir, da capital do municipio, atopamos a parroquia de Luama. Esta parroquia carece de igrexa parroquial e a súa freguesía é anexa da de Santa Marta. Una das praias de Luama é a de MorouzosPraia de mar aberto, de augas limpas e cristalinas e de áreas finas e mouras. Esta praia, ademais das dunas e o piñeiral, ten unha barra1.

As xentes dos distintos lugares desta parroquia e os seus veciños de Laxás, vivían felices e contentos cos seus traballos, que consistían principalmente en cultivar as terras, coidar os viñedos, mariscar e alindar os rabaños de ovellas nos xuncais preto de Laxás. Por suposto, tamén descansaban e se divertían. Un día, entrada xa a primavera, e disto hai xa moitísimos anos, uns rapaces que estaban alindando as ovellas no xuncal, leváronse un susto tremendo. Era á tardiña, entre o lusco e fusco, o ceo púxose mouro con ameaza de chuvia. De súpeto, comezou a levantarse un temporal e o mar a embravecerse.
Areal de Laxás (esquerda, ao fondo)
e Morouzos (dereita)

Os rapaces oíron un ruxido estrano que viña do lado da illa de san Vicente. Miraron cara onde viña o ruído e viron que polo medio do mar avanzaba cara o areal, e seguindo o vaivén das furiosas ondas, un bicho moi raro. Primeiro, sorprendéronse, pero non lle colleron medo, máis cando o tiveron cerca quedaron aterrados.
Aquel ser era un monstro, parecía un dragón, pero tiña un rabo coma se fora unha serpe; estirábao e enrolábao en espiral cada vez que collía pulo para se mover. Tiña unha especie de ás semellantes as dun morcego xigante. As súas robustas patas remataban en fortes gadoupas curvas. Na cabeza relucíanlle os ollos coma se fosen brazos. As fortes mandíbulas da súa boca estaban armadas de aguzados dentes, e de cando en cando, botaba bafaradas de lume.
Este animal raro e monstruoso, que xurdiu como por encanto nas embravecidas ondas do mar, avanzou dando grandes saltos pola praia ata chegar ao Xuncal, onde estaban os rapaces, e nun santiamén devorou un par de  ovellas, sen que os mozos puideran facer nada para llo impedir, xa que o ataque fora rápido einesperado. Coa mesma rapidez e axilidade coa que se achegou a terra, tomou o camiño de retorno, mergullándose e desaparecendo na espuma da forte ondada.
O susto daquel día só foi o comezo, pois aquel terrible animal, que mesmo parecía saído do inferno polas fumaredas que botaba pola boca, aparecía case todos os días sobre a mesma hora. Cada vez que aparecía facía a súa trasnada (de aí que moita xente lle chamara «o trasno») devorando animais. Algunha vez a punto estivo de atacar seriamente ás persoas.
As xentes de Luama e de Laxás estaban atemorizadas e antes de anoitecer xa se metían nas casas e trancaban as portas. Aínda así seguían tendo medo pois algúns veciños dicían que o oían andar retellando por riba dos seus tellados. A este diabólico ser comezou a chamarlle a xente «o trasno» e «o bicho da Barra», xa que foi pola zona da Barra por onde apareceu.
Os de Santa Marta ao principio pensaban que era un conto que se inventaran os de Luama, de aí o dito «A xente da Vila que diga o que queira, pero eu vin o bicho da Barra choutar pola tremoeira».
A xente comezou a decatarse da gravidade do caso e puxéronse a cavilar o que podían facer para matar ao famoso bicho. Xuntáronse os veciños e acordaron que os homes máis fortes, armados con mocas e fouciños, irían esperalo, e cando aparecese, atacaríano. Así foi, mais cando o viron aparecer comezaron a recuar e ao ver que se aproximaba a eles fuxiron espavorecidos ao tempo que invocaban á patroa, santa Marta, para que os librase do monstro ou, polo menos, que lles dese forza e valor para poder loitar contra el.
Imaxe de Santa Marta. Igrexa de Ortigueira
Aínda ben non acabaran de facer esta petición, e coma se dun soño se tratase, ou dun milagre, viron que na praia, non lonxe deles, e a poucos pasos do bicho, estaba santa Marta , que colleu o hisopo que levaba nunha man e meteuno dentro do caldeiriño, do acetre, que levaba na outra, cheo de auga bendita. Fixo co hisopo unha cruz no aire, sobre o bicho, ao mesmo tempo que o salpicaba coa auga que levaba dentro.


Cando esta auga rozou a pel daquel monstro, este perdeu os bríos, quedou como aparvado, e pouco a pouco foise transformando nunha especie de nube que se foi alongando ata desaparecer no horizonte.
Dende entón, santa Marta, ademais de levar nas súas mans o acetre e o hisopo, tamén leva ao seu carón a figura dun dragón.
Esta lenda é a que se coñece polos nosos lares, transmitida de boca en boca e de xeración en xeración. Trátase dunha lenda popular, e tamén, dado o seu contido, dunha lenda fantástica. En parte podemos considerala relixiosa, xa que polo medio anda santa Marta co seu caldeiriño cheo de auga bendita. Quizais tamén estea relacionada con aquela outra do monstro do lago Ness, de Escocia.

Barra: baixo fondo sedimentario paralelo á costa. Rompemento regular das olas en forma de bucles, distribuídas en liñas paralelas próximas á beira. Tamén é a zona onde se exerce dito fenómeno.

-------------------------- 
Texto: Carmen Gómez Martínez, mestra.
Fotos: F. Xavier Martínez Prieto (1 e 3), párroco. 





xoves, 18 de outubro de 2018

Pioneiras II: María Luisa Cao Prieto, a primeira muller universitaria de Ortigueira


.


As mulleres na universidade
Os datos de que dispomos hoxe, que difundimos con certa precaución, á espera de que calquera nos poida corrixir, permítennos dicir que foi María Luisa Cao Prieto a primeira muller nacida no concello de Ortigueira que realizou estudos universitarios. Este dato inclúe ao actual concello de Cariño e non sabemos se tamén de todo o Ortegal. María Luisa, ou Sisa, como era coñecida no ambiente familiar, naceu en Santa Marta hai exactamente 100 anos: en outubro de 1918, o dia 9 deste mes.
É sabido que as mulleres tiveron vedada ou restrinxida a educación superior ata tempos non moi lonxanos; en España, ata o segundo decenio do pasado século XX (Real Orde de 8 de marzo de 1910). Ata entón, únicamente podían acceder a certas carreiras ou profesións, como enfermaría ou maxisterio, que se ben hoxe son universitarias, naqueles tempos eran alleas á Universidade. Certo é que xa no último terzo do século XIX houbo excepcións -fabas contadas- con mulleres de toda España que lograban acceder á Universidade. En Galicia, a primeira titulada universitaria foi Manuela Barreiro Pico (1877-1953), nacida en Viveiro e que se licenciou en Farmacia en 1900, e abreu unha farmacia en Ribadeo en 1901.
A familia Cao-Prieto
María Luisa era a primoxénita do matrimonio formado por Vicente Cao López Isabel Prieto Cao, sendo os seus avós paternos Manuel Cao Martínez e Gregoria López López; os avós maternos eran Andrés Prieto Fernández e María Josefa Cao López. Sisa tería cinco irmáns máis: Ramón (nac. 1923, e falecido ese mesmo ano), Sara (nac. 1919), José Manuel Vicente (nac. 1921), Gonzalo (nac. 1924) e María Isabel (nac. 1926), estes últimos coñecidos no ambiente familiar e veciñal como Sarola, Tito, Chalo e Lulú.
Actual nº 86 da avda. Escola de Gaitas, onde se
situaba a casa co comercio e vivenda
da familia Cao-Prieto
O pai, nacido en 1870, era de San Adrián, mentras que a nai era de Santa Marta, onde nacera en 1897. D. Vicente estivera en Cuba, e cando regresou casou en 1917 con Isabel Prieto Cao, que curiosamente era a súa sobriña, polo que a parella tivo que pedir a pertinente autorización eclesiástica, que lles foi otorgada (tamén é certo que a relación de consanguineidade era atípica). Entre ambos había unha diferencia de idade notable, 28 anos, pero que non resultaba extrana nesa época. D. Vicente tiña unha tenda de alimentación na estrada que cruza Ortigueira -hoxe avenida Escola de Gaitas- no actual número 86, contigua á ferretería Prieto, rexida naquel momento por Gonzalo Prieto Cao, irmán da súa muller.
Gonzalo Prieto Cao, dono da ferretería Prieto,
e tío de María Luis Cao Prieto

No exterior da tenda eran habituais sacos de castañas pilongas, hoxe pouco frecuentes para alimentación, pero si daquela. Home afable, non era ríxido na medida dos produtos que vendía, e cos nenos era afectuoso e regaláballes uns caramelos grandes, denominados na época caramelos rusos (*). Lamentablemente faleceu de forma repetina a víspera de Noiteboa do ano 1936 -mal ano, pois foi o do estallido da Guerra Civil- deixando á sua viúva, Isabel, con 5 fillos, todos menores de idade, se ben a filla maior estaba xa na universidade. A sua muller encargaríase da tenda, pero pouco despois tería que cerrala. 
Estudios de María Luisa Cao
Sisa destacou desde moi nova nos estudios, con gran aplicación e intelixencia, como aínda lembran algunhas compañeiras súas vivas. O día 1º de xuño de 1929 fai no instituto da Coruña o exame de Ingreso para acceder ao bacharelato, que seguirá durante 5 cursos, do 29-30 ao 33-34, seguramente na Academia de Bacharelato que tiña o vista de Aduanas de Ortigueira, D. Ricardo Añino, no 1º andar da casa da Cordeira, no Cantón ortigueirés. Con todo, os exames debía facelos a final de curso no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, mixto nesa época; no seu currículo destacan 9 Sobresaíntes e 3 Matrículas de Honra. O título de Bacharelato seríalle expedido polo rectorado da universidade de Santiago o 8 de novembro de 1934.
Meses antes, aínda con 16 anos, comezara xa -con matrícula Oficial- a carreira de Ciencias, en realidade de Ciencias Químicas, que era a única especialidade que se impartía en Santiago. Aproba con comodidade as 4 asignaturas do primeiro curso -selectivo para varias carreiras- e de maneira máis brillante aínda o curso seguinte:
    Expediente académico
    da alumna María Luisa Cao Prieto
    1º curso(1934-1935)
  • Matemáticas Especiais: Aprobado
  • Xeoloxía: Notable
  • Bioloxía: Notable
  • Química Experimental: Sobresaínte

        2º curso(1935-1936)
  • Física Teórica e Experimental: Aprobado
  • Química Analítica I: Notable
  • Matemáticas II: Sobresaínte
  • Química Inorgánica I: Sobresaínte con
    Matrícula de Honra
Terminado o curso en xuño do 1936, pouco despois estalla a Guerra Civil tralo levantamento de Franco, co que se pechan as universidades; a final dese ano terá lugar un suceso que marcará a vida familiar: o 23 de decembro. como xa dixemos, falece de forma repetina o pai, Vicente Cao, á idade de 65 anos. Sisa, tal vez polas dificultades económicas familiares, non se pode reincorporar á universidade cando remata a guerra en abril do 39; non se examina en xullo do 39, nin se matricula dos cursos Intensivos que se lles ofreceron aos estudantes universitarios para rematar pronto as súas carreiras e cubrir os baleiros de licenciados que provocara a guerra; nunca volve á Universidade. 
Edificio central da Universidade de Santiago,
onde se impartían os estudos de Ciencias
De feito, durante a guerra, tal vez a partir do curso curso 37-38, foi contratada como profesora na Academia de bacharelato Santa Marta, dirixida polo reverendo D. Jesús Márquez Cortiñas. Alí estaría apenas dous anos, pois as desgrazas familiares continúan: Sisa e o seu irmán José Manuel Vicente morrerían de tifus(**) en xaneiro e febreiro de 1940.  Tras isto, a nai, afectada de depresión, marcha coa filla pequena, Isabel, e con Sara e Gonzalo, para Coruña.
Vaia por tanto a nosa lembranza e aplauso para María Luisa Cao Prieto, a primeira muller de Ortigueira en facer estudios universitarios, pero que non puido rematar; teremos que espera ata 1943 para que unha muller de Ortigueira obteña un título universitario, asunto do que falaremos nunha proxima ocasión.
A irmá pequena da familia, Isabel Cao Prieto, foi asimesmo unha excelente estudiante: tiña varias carreiras: Química, Farmacia e Óptica, e quizáis tamén a de Perito Mercantil (que se realizaba na Escola de Comercio), se ben realizou os estudos universitarios a partir da segunda metade dos anos 40, e polo tanto, sen o carácter de pioneira da súa irmá e doutras ortigueiresas.
Notas
(*) Na época eran moi habituais apelacións xeográficas como bocadillos holandeses, empanadillas monfortinas e outras .
(**) Ortigueira tivo varios episodios de tifus nos anos 40; falamos do tifus exantemático, transmitido polos piollos; o máis grave foi a epidemia que tivo lugar en 1949, que causou 7 mortos, e que foi estudiada polo médico cariñés Adolfo de la Lama e Lago en varios artigos, traballos interesantes e hoxe difíciles de atopar.

Bibliografía
  • Archivo Histórico da Universidad de Santiago. Expediente académico de Maria Luisa Cao Prieto. Legaxo 194/8
  • Casals, Quintí. El acceso de las mujeres a la Universidad en España: el caso de las primeras universitarias leridanas (1882-1920).CIAN Vol 20, No 2 (2017). CIAN-Revista de Historia de las UniversidadesUniversidad Carlos III de Madrid. Accesible en: https://e-revistas.uc3m.es/index.php/CIAN/article/view/3943
  • Fernández Garcia, Isabel: Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada. Primera Licenciada en Farmacia de Galicia (1900). Deputación Provincial de Lugo. 2017.
  • de la Lama e Lago, Adolfo: Cloromycetina y recidivas tíficas. Med. Esp. Nov 1949.


-----------------


Texto: Xosé Mª Torres
.







luns, 8 de outubro de 2018

Exposición de pintura de Sergey Sozonov: "La Chica del Pazo"


.



O pasado venres, 5 de outubro, tivo lugar a inauguración da exposición de pinturas de Sergey Sozonov, titulada "La Chica del Pazo" no claustro superior da Casa Consistorial de Ortigueira. 
Sozonov, como moita xente  sabe, é un ruso -nacido na lonxana Yakutia- que desde 2008 reside en Ortigueira, no Baleo, en concreto, tras abandonar Moscú, onde residía e traballaba no mundo da publicidade. Chega a Ortigueira coa idea de poñer en marcha un hotel de turismo rural, se ben tópase coas dificultades burocráticas habituais en España, e coa consabida resistencia dos galegos a ceder as súas terras, aínda que estén improductivas.
Sen abandonar o seu proxecto inicial, adícase a pintar, a dar clases de pintura e a integrarse na zona onde vive: así, ademáis dos necesarios cursos de lingua española -que xa iniciara en Rusia- cursou cursos de galego, o que merece o noso aplauso.
É un pintor novel, se ben xa realizou desde 2008 exposicións en Rusia e Galicia; en Ortigueira ten feito xa dúas exposición nos anos 2015 e 2016. Neste ano de 2018,  en que xa particioara noutra exposición en febreiro, compartida con Diego Dopico, reseñada neste blogrepite outra vez en Ortigueira, onde a falta de autoridades ou expertos que louvasen a súa obra, foi o propio pintor quen fixo a presentación dos cadros expostos; e fíxoo dunha maneira moi persoal: lendo a historia da "Chica do Pazo", unha serie de pinturas inspiradas nunha visión dunha muller nun pazo non identificado, pero real, da nos comarca.
A súa formación universitaria de xornalista nótase na facilidade coa que escribe este fermoso relato, onde cada apartado do relato se corresponde cunha pintura en concreto, e que transcribimos tal cual foi escrito:
Nota: os cadros que ilustran esta entrada do blog non se corresponden coa serie de "La chica del Pazo".


La Chica del Pazo

En el valle, escondido de las miradas indiscretas por viejos robles y castaños, un Pazo abandonado vivió lentamente su vida. Los matorrales de zarzamora y hiedra enredaban las puertas forjadas, saltando casualmente sobre una pared de mampostería cubierta de musgo y líquenes, que rodeaba la casa y las dependencias. El Pazo ha estado vacío por un largo tiempo, pero estaba vivo. Durante los inviernos largos y lluviosos se congelaba, encogiéndose de la humedad penetrante. En las primaveras y los veranos se despertaba, calentaba sus vigas de castaño y bruñidas tablas de parquet de roble. En el otoño sus ojos miopes miraban a través de las opacas ventanas al patio, sin darse cuenta de cómo los frutos amarillos del viejo manzano caían sobre el camino de piedra cubierto de maleza ...

1. Y un día, tal vez sucedió en verano, o tal vez en otoño, el Pazo sintió que no estaba solo; como si una larva grande de un insecto escarbase en la viga hecha de un único tronco de castaño, algo respiraba, moviéndose, algo vivo. En el gran salón del segundo piso, debajo de los rayos cálidos del sol del mediodía, la Chica dormía en el piso de roble...

Soñando el dia
Óleo sobre lienzo, 100x67 cm

(2016-2017)

2. Apareció de la nada, como si el viento trajese la semilla alada de un arce a través de una ventana rota. Y al igual que una semilla, cayó en el suelo cálido y húmedo,  el destino cobró vida, y pronto su presencia insufló vida al viejo Pazo. Los días fueron reemplazados por la noches, los aguaceros resonantes de invierno cedieron al tañido de las lluvias de primavera ... La Chica y el Pazo navegaban a lo largo del río del tiempo como un barco fantasma con las velas perdidas hace mucho tiempo …

Espera del tiempo 
Óleo sobre lienzo, 60x80 cm
(2016)


3. La calma del mar dormido, escondida de todos los patrones del mundo por densas y pegajosas nieblas. Nadie jamás encontraría el tesoro de un barco hundido en la intemporalidad ...
Medallón
Óleo sobre lienzo 70x100 cm 
(2017)

4... Si por la voluntad del destino la perla no esta en su hora para acercarse a la luz ... ¿Qué la atrae? ¿Cuáles son los enjambres de coloridas mariposas que estallan en sus sueños?

Presentimiento
Óleo sobre lienzo, 56x79 cm
(2016-2018)

5. Es el momento de metamorfosis. Una mariposa aparece de la larva. Una mujer nace de la niña.
Nacimiento de Venus
Óleo sobre lienzo, 80x120 cm
(2017)

6. El faro de la pasión es el más brillante de la noche. A través de borrascas y tormentas eléctricas, a través del olvido y la decadencia, el rayo de amor conduce la nave hacia la bahía de salvación. Pero los abrazos de la deseada solo por un momento, sacia el hambre del marinero, y, despertando, vuelve a emprender su viaje ...

Pasión
Óleo sobre lienzo, 80x160 cm
(2017)

7. ... ¿Es una realidad o un sueño? ¿Qué fué? El juego de su propia imaginación, o revivido por el capricho del Pazo, ¿Es uno de sus antiguos habitantes? ¿Qué bello príncipe ha visitado esta casa en tiempos inmemoriales?
Despertamiento
Óleo sobre lienzo, 80x100 cm
(2017-2018)

8. Existe la creencia de que los viejos espejos lo saben todo. Caras, eventos, vidas: sus reflejos están impresos para siempre en plata mate. Y si conoces el hechizo, el espejo te responderá ...
El espejo
Óleo sobre lienzo, 100x70 cm
(2018)

9.
La Chica del Pazo
Óleo sobre lienzo, 80x100 cm
(2018)
-------------------

Texto: Xosé Mª Torres
Fotos: Xosé Mª Torres

xoves, 4 de outubro de 2018

Ortigueira na memoria II: O arquitecto Leoncio Bescansa e o enxeñeiro suizo Mathias Wirz e o chalet de Segunda Calvo


Na entrada anterior falábamos do coñecido chalet de Ortigueira construido polos esposos Manuel García Blanco e Segunda Calvo. O arquitecto da obra foi Leoncio Bescansa Casares, mentras que o aparellador foi o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, de quen imos falar primeiro, pois foi o que máis relación tivo con Ortigueira e as terras do norte da Coruña.
O enxeñeiro suizo Mathias Wirz
Como dicíamos, o aparellador ou director das obras, foi o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, ao que cita Anxo Rosende(1) na sua Guía de Ortigueira, e califícao de autor do deseño do chalet, extremo inexacto dacordo coas informacións disponíbeis da familia Calvo. Mathías Wirz Jenny, segundo a páxina web “falamedesansadurnino.org” (da que tomamos numerosos datos e a foto do enxeñeiro Wirtz) naceu en 1885 en Basilea (Suiza); era un enxeñeiro especializado en sistemas de calefacción. De feito, chega a España en 1906 para instalar a calefacción no Palacio Real e no Senado en Madrid; alí conocería ao senador -por Segovia- Francisco de Asís Arias-Dávila-Matheu e Bernaldo de Quirós, marqués consorte de San Sadurniño(2), para quien faría obras no pazo da súa esposa, María Natividad Quindós e Villarroel. Por certo, que do marqués-consorte tense dito que era un curioso e rancio personaxe que se opoñía á chegada da luz a San Sadurniño -que él sí tiña no Pazo- porque "los campesinos no necesitan la luz eléctrica para nada". Tamén conseguiu afastar a estación de tren de San Sadurniño a tres kilómetros do pazo, a pesar de que iso supuxo alonxala do núcleo da vila, para non verse perturbado polo fume das locomotoras nas súas terras. Con todo, isto semella unha visión algo maniquea; por un lado, quen coñeza a orografía da zona sabe que o camiño de ferro non pode seguir o trazado da estrada (que por outro lado, partiu polo medio a finca do pazo, eliminando a capela), con pendentes imposibles para un tren. Por outro lado, consta a acción benefactora da Marquesa cara os seus veciños.
O arquitecto coruñés Leoncio Bescansa

Wirz sería, porén, autor do proxecto da chegada da luz a San Sadurniño en 1919, en donde tiña casa, se ben o seu domicilio habitual e centro de negocios estaba na capital provincial. Era este un personaxe destacado, de relixión protestante, e que ingresaría na Masonería española; realizou diversas obras para importantes familias galegas, como a García Blanco-Calvo de Ortigueira; durante as estancias que tería que facer en Ortigueira por motivo das obras, sábese que residía no hotel Comercio, ubicado nun edificio existente no solar que ocupa hoxe a sucursal ortigueiresa de Abanca. O hotel, do que falaremos noutra ocasión, estaba rexentado pola familia Blanco-Pérez.

O arquitecto do chalet


O autor do proxecto do chalet foi Leoncio Bescansa Casares (1879-1957), un importante arquitecto coruñés, discípulo de Gaudí, e calificado como un dos últimos modernistas, aínda que despois derivou hacia o eclecticismo. Estudiara arquitectura en Madrid (graduado en 1903), e tras diversas ocupacións, instalouse na Coruña en 1912. Foi tamén arquitecto diocesano de Mondoñedo; por iso, especializouse en proxectos eclesiais e escolas, entre as que destacan as Escolas Labaca (1912), a sede do Banco de La Coruña (1923) -hoxe sede do BBVA no Cantón Pequeno- así como a Maternidade Labaca –hoxe hospital Oncológico– e a Capela Labaca de 1926, todas na Coruña.


Notas

(1) Rosende, Anxo. Ortigueira. Guía histórica e social da vila de Santa Marta e as parroquias do seu concello. Concello de Ortigueira. 1992.

(2) Consultado en: http://www.falamedesansadurnino.org/imaxe/mathias-wirz-en-san-sadurnino

------------------

Texto: Xosé María Torres

Ortigueira na memoria I: O chalet de Segunda Calvo e do seu esposo Manuel García Blanco


Chalet deseñado polo arquitecto Leoncio Bescansa


O chalet do que falamos é unha construcción que, coa súa palmeira diante, aínda chama a atención a cantos pasan ao seu lado en Ortigueira. Foi construido nunha época en que nesa parte da marxe dereita da avenida de Alonso Pernas (actual avenida Escola de Gaitas), había moi poucos edificios construídos; existía a casa do notario José Antonio Calvo Montero, unha casa -non a actual, que se edificaría pouco después- do industrial ferreteiro Gonzalo Prieto Cao (dous veces alcalde de Ortigueira); ao seu carón a do comercio de alimentación de Vicente Cao, e algo máis alá a do médico Bermúdez Cobián, sempre con destacados colores, e que ainda conserva unha breve escaleira con tres chanzos de acceso desde a beirarrúa.
Segunda Calvo Moreiras naceu en Ortigueira en 1888, os seus pais decidiran darlle unha educación sólida, que non podía impartirse en Ortigueira. Recordemos que nesa época o Grupo Escolar do Salgueiro aínda non se construira (erixiríase en 1909, durante a alcaldía de Manuel Sandomingo Crego, con deseño e dirección de obra do arquitecto provincial Julio Galán), e a escola de nenas estaba instalada na praziña dos Ánxeles, no edificio do antiguo consistorio, en non moi boas condicións, nin educativas nin materiais. Por iso é enviada interna(1) ao Colexio das Esclavas do Sagrado Corazón de Xesús de Salamanca; alí, nese centro educativo inaugurado en 1899 e ubicado no casco histórico salmantino, estaría interna Segunda e completaría a súa educación primaria e secundaria. Neste mesmo colexio estudiarían tamén varias nenas das máis de importantes familias orteganas.
Palacio de Blanco. Cienfuegos (Cuba)
Tras recibir una educación esmerada, Segunda casa en 1910, cando contaba 21 anos, con Manuel García Blanco, de 42 anos, veciño da Coruña; Manuel nacera en 1868 en Santa Cruz de Rivadulla (Vedra), se ben a súa nai era de Ortigueira; Manuel estaría asimesmo relacionado coas familias orteganas Teijeiro e Maciñera. Era un importante propietario e rentista, ao ser apoderado do seu tío, o ortigueirés Manuel Blanco Ramos (nacido no barrio da Magdalena en 1828-A Coruña, 1905), e dono desde mediados de 1870 do inxenio azucreiro Santa Rosalía, e cuxa memoria se conserva no Palacio Blanco de Cienfuegos (Cuba), un fermosísimo edificio construido en 1871, e enclavado no casco histórico cienfueguino. Manuel García Blanco a primeiros de séculos vivía en Galicia, tendo un Cuba un encargado.
Manuel, coa súa esposa, Segunda, decide adquirir o solar contiguo á vivenda do pai de Segunda, o notario José Antonio Calvo Montero, e construir alí unha vivienda. En marzo de 1921(2), solicitaba ao concello ortegano permiso para edificar unha casa de "sótano, planta baja y piso alto” nun terreo que adquirira previamente. O permiso, tralo informe e visto bó do enxeñeiro provincial de Obras Públicas, Enrique Molezún, sería asinado polo alcalde accidental, Vicente Sandomingo CregoDo autor do proxecto constructivo, o arquitecto Leoncio Bescansa, e do director das obras, o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, falaremos nunha próxima ocasión.
Ao cabo de 12 años de matrimonio, e sen ter fillos, Manuel García Blanco falece en 1922 na Coruña, pouco despois de ver construído o chalet, cando tiña 55 anos. Nel seguiría vivindo Segunda ata a década dos 70, cando faleceu, compartindo as estancias co seu domicilio en Madrid, onde vivía na época invernal, así como viaxando por diversos países do mundo. Segunda adicaríase ao cuidado de seu pai, por quen sentía verdadeira admiración, e do resto da familia, irmaos e sobriños.
Primo de Rivera en Ortigueira
Ubicado na entrada da vila, en lugar estratéxico, o chalet fue testemuña en xullo de 1924 da chegada a Ortigueira do Xeneral Primo de Rivera, á sazón Xefe do Goberno e do Directorio Militar desde o ano anterior. Diante do chalet, como sinala Rosende(3):
"A avenida de Alonso Pernas estaba engalanada con flores, colchas, vistosos gallardetes, e un arco trunfal frente ao chalet de Segunda Calvo, coa seguinte adicatoria: <<Ortigueira y su comarca al salvador de España>>”. 
Curiosamente, nesa misma ocasión, o alcalde Ramón de la Peña e outras autoridades orteganas marcharan ao Campo do Hospital a esperar a comitiva presidencial, no "magnífico automóvil, que nun acto patriótico lle cedera dona Segunda Calvo”. Tratábase do elegante Packard propiedade da familia Calvo.
Elena Quiroga en Ortigueira
Unha das persoas máis destacadas que fixo unha estancia no chalet, para visitar a Segunda Calvo foi a escritora Elena Quiroga(1), no ano 1949; nesa estancia dun par de meses, xurdiría a idea da novela Viento del Norte -que se desenvolve no cercano pazo de Brandaliz- coa que a puxante e novel escritora gañaría en xaneiro de 1951 o premio Nadal 1950.
O edificio na actualidad, e desde hai varias décadas, pertence aos irmáns Vicente e Emilio (este último xa falecido) Castro Sanjurjo, que desde Venezuela, onde residían, soían acudir regularmente a esta singular edificación.

NOTAS
(1) Torres Bouza, Alfredo. Elena Quiroga, autora de Viento del Norte, en Ortigueira. Ed. Terras do Ortegal. Ortigueira, 2018 (en prensa).
(2) Arquivo Municipal de Ortigueira. Sección Obras. 1921.

(3) Rosende, Ánxel M. (1990). Un día diferente. Crónicas da vida social dos orteganos (1881-1931). Imprenta Fojo, Ortigueira. 1990.
------------------

Texto: Xosé María Torres




luns, 1 de outubro de 2018

Terras do Ortegal en Santo André de Teixido

Vista do Santuario á nosa chegada







O sábado 29 de setembro, día de San Miguel arcanxo, un grupo de amigos e seareiros do noso, atendendo á chamada de Terras do Ortegal, embarcámonos nun gratificante percorrido até o Santuario de Santo André de TeixidoSanto André de Lonxe

Camiñando pola península de Leixa
(San Adrián)
Dun xeito tradicional, con saída desde o peirao de Santa Marta na barca pilotada polo ortigueirés-gaditano Rafa Rguez. Teijeiro, e membro da Directiva da asociación, cruzamos a ría e fixemos terra en Fornelos, peirao de San Adrián, para continuar a pé até chegar ó coñecido Santuario.


Na capela do Socorro Vello



Foron 13 km e andaina, nun día que semellaba feito adrede para nós, e na compaña dun guía impagable e bo coñecedor das terras que ían ser testemuña do noso paso: Pepe Riola; grazas a el soubemos algo máis do vello camiño e, xa que logo, das calamidades que tiñan que pasar os nosos devanceiros para poder levar unha codia de pan ós beizos; da historia, produto da liorta entre particulares e cregos, das capelas do Socorro Novo e Socorro Vello; das interpretacións que Ramón Bascoy dera a algún punto sinalado; dos amilladoiros, coma penitencia dos peregrinos na teima da axudar ás almas en pena, e hoxe silenciosas testemuñas do noso pasado; e das historias e lendas, pequenas ou grandes, das poboacións dos lugares que atravesamos: Cerdeiras, Biduido, Meizoso, Chao da Armada ou Teixidelo.
No Santuario, algúns dos romeiros con D. Antonio Rúa

O recibimento por parte do crego de Santo André e de Régoa, D. Antonio Rúa, e a misa que dedicou a esta singular, amena e sen par peregrinaxe, rematou nun xantar de confraternidade que, entre faladoiros varios, foi o colofón desexado para conseguir converter unha ancestral andaina nun tesouro de coñecemento e amizades.
Un dia xurdio para a Romaxe



Sinal do que vimos de redactar é que, aínda non rematada a odisea, xa tiñamos anotadas algunhas ideas para as seguintes a realizar; ó fin e ó cabo, a Capelada está tan preto de nós na distancia coma lonxe nos segredos que ten agochados, e a nosa teima é desentrañalos; Pepe Riola xa ten o título de mestre e grandes desexos de compartir a súa sabedoría.

 ---------------  

Texto: Manel Bouzamayor
Fotos: Mª Jesús Rodríguez Rey