xoves, 18 de outubro de 2018

Pioneiras II: María Luisa Cao Prieto, a primeira muller universitaria de Ortigueira


.


As mulleres na universidade
Os datos de que dispomos hoxe, que difundimos con certa precaución, á espera de que calquera nos poida corrixir, permítennos dicir que foi María Luisa Cao Prieto a primeira muller nacida no concello de Ortigueira que realizou estudos universitarios. Este dato inclúe ao actual concello de Cariño e non sabemos se tamén de todo o Ortegal. María Luisa, ou Sisa, como era coñecida no ambiente familiar, naceu en Santa Marta hai exactamente 100 anos: en outubro de 1918, o dia 9 deste mes.
É sabido que as mulleres tiveron vedada ou restrinxida a educación superior ata tempos non moi lonxanos; en España, ata o segundo decenio do pasado século XX (Real Orde de 8 de marzo de 1910). Ata entón, únicamente podían acceder a certas carreiras ou profesións, como enfermaría ou maxisterio, que se ben hoxe son universitarias, naqueles tempos eran alleas á Universidade. Certo é que xa no último terzo do século XIX houbo excepcións -fabas contadas- con mulleres de toda España que lograban acceder á Universidade. En Galicia, a primeira titulada universitaria foi Manuela Barreiro Pico (1877-1953), nacida en Viveiro e que se licenciou en Farmacia en 1900, e abreu unha farmacia en Ribadeo en 1901.
A familia Cao-Prieto
María Luisa era a primoxénita do matrimonio formado por Vicente Cao López Isabel Prieto Cao, sendo os seus avós paternos Manuel Cao Martínez e Gregoria López López; os avós maternos eran Andrés Prieto Fernández e María Josefa Cao López. Sisa tería cinco irmáns máis: Ramón (nac. 1923, e falecido ese mesmo ano), Sara (nac. 1919), José Manuel Vicente (nac. 1921), Gonzalo (nac. 1924) e María Isabel (nac. 1926), estes últimos coñecidos no ambiente familiar e veciñal como Sarola, Tito, Chalo e Lulú.
Actual nº 86 da avda. Escola de Gaitas, onde se
situaba a casa co comercio e vivenda
da familia Cao-Prieto
O pai, nacido en 1870, era de San Adrián, mentras que a nai era de Santa Marta, onde nacera en 1897. D. Vicente estivera en Cuba, e cando regresou casou en 1917 con Isabel Prieto Cao, que curiosamente era a súa sobriña, polo que a parella tivo que pedir a pertinente autorización eclesiástica, que lles foi otorgada (tamén é certo que a relación de consanguineidade era atípica). Entre ambos había unha diferencia de idade notable, 28 anos, pero que non resultaba extrana nesa época. D. Vicente tiña unha tenda de alimentación na estrada que cruza Ortigueira -hoxe avenida Escola de Gaitas- no actual número 86, contigua á ferretería Prieto, rexida naquel momento por Gonzalo Prieto Cao, irmán da súa muller.
Gonzalo Prieto Cao, dono da ferretería Prieto,
e tío de María Luis Cao Prieto

No exterior da tenda eran habituais sacos de castañas pilongas, hoxe pouco frecuentes para alimentación, pero si daquela. Home afable, non era ríxido na medida dos produtos que vendía, e cos nenos era afectuoso e regaláballes uns caramelos grandes, denominados na época caramelos rusos (*). Lamentablemente faleceu de forma repetina a víspera de Noiteboa do ano 1936 -mal ano, pois foi o do estallido da Guerra Civil- deixando á sua viúva, Isabel, con 5 fillos, todos menores de idade, se ben a filla maior estaba xa na universidade. A sua muller encargaríase da tenda, pero pouco despois tería que cerrala. 
Estudios de María Luisa Cao
Sisa destacou desde moi nova nos estudios, con gran aplicación e intelixencia, como aínda lembran algunhas compañeiras súas vivas. O día 1º de xuño de 1929 fai no instituto da Coruña o exame de Ingreso para acceder ao bacharelato, que seguirá durante 5 cursos, do 29-30 ao 33-34, seguramente na Academia de Bacharelato que tiña o vista de Aduanas de Ortigueira, D. Ricardo Añino, no 1º andar da casa da Cordeira, no Cantón ortigueirés. Con todo, os exames debía facelos a final de curso no Instituto Concepción Arenal de Ferrol, mixto nesa época; no seu currículo destacan 9 Sobresaíntes e 3 Matrículas de Honra. O título de Bacharelato seríalle expedido polo rectorado da universidade de Santiago o 8 de novembro de 1934.
Meses antes, aínda con 16 anos, comezara xa -con matrícula Oficial- a carreira de Ciencias, en realidade de Ciencias Químicas, que era a única especialidade que se impartía en Santiago. Aproba con comodidade as 4 asignaturas do primeiro curso -selectivo para varias carreiras- e de maneira máis brillante aínda o curso seguinte:
    Expediente académico
    da alumna María Luisa Cao Prieto
    1º curso(1934-1935)
  • Matemáticas Especiais: Aprobado
  • Xeoloxía: Notable
  • Bioloxía: Notable
  • Química Experimental: Sobresaínte

        2º curso(1935-1936)
  • Física Teórica e Experimental: Aprobado
  • Química Analítica I: Notable
  • Matemáticas II: Sobresaínte
  • Química Inorgánica I: Sobresaínte con
    Matrícula de Honra
Terminado o curso en xuño do 1936, pouco despois estalla a Guerra Civil tralo levantamento de Franco, co que se pechan as universidades; a final dese ano terá lugar un suceso que marcará a vida familiar: o 23 de decembro. como xa dixemos, falece de forma repetina o pai, Vicente Cao, á idade de 65 anos. Sisa, tal vez polas dificultades económicas familiares, non se pode reincorporar á universidade cando remata a guerra en abril do 39; non se examina en xullo do 39, nin se matricula dos cursos Intensivos que se lles ofreceron aos estudantes universitarios para rematar pronto as súas carreiras e cubrir os baleiros de licenciados que provocara a guerra; nunca volve á Universidade. 
Edificio central da Universidade de Santiago,
onde se impartían os estudos de Ciencias
De feito, durante a guerra, tal vez a partir do curso curso 37-38, foi contratada como profesora na Academia de bacharelato Santa Marta, dirixida polo reverendo D. Jesús Márquez Cortiñas. Alí estaría apenas dous anos, pois as desgrazas familiares continúan: Sisa e o seu irmán José Manuel Vicente morrerían de tifus(**) en xaneiro e febreiro de 1940.  Tras isto, a nai, afectada de depresión, marcha coa filla pequena, Isabel, e con Sara e Gonzalo, para Coruña.
Vaia por tanto a nosa lembranza e aplauso para María Luisa Cao Prieto, a primeira muller de Ortigueira en facer estudios universitarios, pero que non puido rematar; teremos que espera ata 1943 para que unha muller de Ortigueira obteña un título universitario, asunto do que falaremos nunha proxima ocasión.
A irmá pequena da familia, Isabel Cao Prieto, foi asimesmo unha excelente estudiante: tiña varias carreiras: Química, Farmacia e Óptica, e quizáis tamén a de Perito Mercantil (que se realizaba na Escola de Comercio), se ben realizou os estudos universitarios a partir da segunda metade dos anos 40, e polo tanto, sen o carácter de pioneira da súa irmá e doutras ortigueiresas.
Notas
(*) Na época eran moi habituais apelacións xeográficas como bocadillos holandeses, empanadillas monfortinas e outras .
(**) Ortigueira tivo varios episodios de tifus nos anos 40; falamos do tifus exantemático, transmitido polos piollos; o máis grave foi a epidemia que tivo lugar en 1949, que causou 7 mortos, e que foi estudiada polo médico cariñés Adolfo de la Lama e Lago en varios artigos, traballos interesantes e hoxe difíciles de atopar.

Bibliografía
  • Archivo Histórico da Universidad de Santiago. Expediente académico de Maria Luisa Cao Prieto. Legaxo 194/8
  • Casals, Quintí. El acceso de las mujeres a la Universidad en España: el caso de las primeras universitarias leridanas (1882-1920).CIAN Vol 20, No 2 (2017). CIAN-Revista de Historia de las UniversidadesUniversidad Carlos III de Madrid. Accesible en: https://e-revistas.uc3m.es/index.php/CIAN/article/view/3943
  • Fernández Garcia, Isabel: Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada. Primera Licenciada en Farmacia de Galicia (1900). Deputación Provincial de Lugo. 2017.
  • de la Lama e Lago, Adolfo: Cloromycetina y recidivas tíficas. Med. Esp. Nov 1949.


-----------------


Texto: Xosé Mª Torres
.







5 comentarios:

  1. El Ricardo Aniño del que hablas podría ser Ricardo Añino Constanti, represaliado por el franquismo, fusilado el 1 de diciembre de 1936. Ricardo era de A Coruña. Era vista de Aduanas y tenía 37 años cuando fue fusilado.

    https://15mpedia.org/wiki/Ricardo_Añíno_Costante

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Si, claro!.
      Ten Vde. algún dato máis sobre Ricardo Añino??

      Eliminar
  2. Creo que antes de ponerse por su cuenta en la casa de la Cordeira fue profesor de matemáticas de una de las dos academias que había entonces en Ortigueira.

    ResponderEliminar
  3. Pudiera ser. La verdad es que no hay datos publicados (que conozcamos) sobre las Academias de bachillerato que había a principios de los años 30 en Ortigueira, pues tuvieron una vida no muy larga. Ya a mediados, en 1935-1936 la Academia del reverendo D. Jesús Márquez Cortiñas duró tres décadas, y la de D. Ovidio Fontela tuvo también larga vida. Habría que documentar su existencia para poder confirmarlo. Cualquier otro dato suyo sobre el señor Añino será bien recibido para el artículo que se está elaborando sobre el. Gracias

    ResponderEliminar
  4. Eu a quen coñecinna fui ao seu fillo don jose Añino Garrido de quen só podo dicir boas cousas:bó, amable, nombre inteligente de trato exquisito. Fun o seu último traballador antes de retirarse en 1995. Tamén pensó q o seu impenetrable idearium era lonxano ao q supoño do seu seu pai represaliado. En todo caso si me inspira gratitude e cariño a sua lembranza en contraposición ao q me inspiraba o mundo notarial coruñés de principios dos noventa. Manada de pavos empachado e reaccionarios.

    ResponderEliminar