Vista do Santuario á nosa chegada |
O sábado 29 de setembro, día de San Miguel arcanxo, un grupo de amigos e seareiros do noso, atendendo á chamada de Terras do Ortegal, embarcámonos nun gratificante percorrido até o Santuario de Santo André de Teixido, Santo André de Lonxe.
Camiñando pola península de Leixa
(San Adrián)
|
Dun xeito tradicional, con saída desde o peirao de Santa Marta na barca pilotada polo ortigueirés-gaditano Rafa Rguez. Teijeiro, e membro da Directiva da asociación, cruzamos a ría e fixemos terra en Fornelos, peirao de San Adrián, para continuar a pé até chegar ó coñecido Santuario.
Na capela do Socorro Vello |
Foron 13 km e andaina, nun día que semellaba feito adrede para nós, e na compaña dun guía impagable e bo coñecedor das terras que ían ser testemuña do noso paso: Pepe Riola; grazas a el soubemos algo máis do vello camiño e, xa que logo, das calamidades que tiñan que pasar os nosos devanceiros para poder levar unha codia de pan ós beizos; da historia, produto da liorta entre particulares e cregos, das capelas do Socorro Novo e Socorro Vello; das interpretacións que Ramón Bascoy dera a algún punto sinalado; dos amilladoiros, coma penitencia dos peregrinos na teima da axudar ás almas en pena, e hoxe silenciosas testemuñas do noso pasado; e das historias e lendas, pequenas ou grandes, das poboacións dos lugares que atravesamos: Cerdeiras, Biduido, Meizoso, Chao da Armada ou Teixidelo.
No Santuario, algúns dos romeiros con D. Antonio Rúa |
O recibimento por parte do crego de Santo André e de Régoa, D. Antonio Rúa, e a misa que dedicou a esta singular, amena e sen par peregrinaxe, rematou nun xantar de confraternidade que, entre faladoiros varios, foi o colofón desexado para conseguir converter unha ancestral andaina nun tesouro de coñecemento e amizades.
Un dia xurdio para a Romaxe |
Sinal do que vimos de redactar é que, aínda non rematada a odisea, xa tiñamos anotadas algunhas ideas para as seguintes a realizar; ó fin e ó cabo, a Capelada está tan preto de nós na distancia coma lonxe nos segredos que ten agochados, e a nosa teima é desentrañalos; Pepe Riola xa ten o título de mestre e grandes desexos de compartir a súa sabedoría.
---------------
Texto: Manel Bouzamayor
Fotos: Mª Jesús Rodríguez Rey
Ningún comentario:
Publicar un comentario