xoves, 4 de outubro de 2018

Ortigueira na memoria I: O chalet de Segunda Calvo e do seu esposo Manuel García Blanco


Chalet deseñado polo arquitecto Leoncio Bescansa


O chalet do que falamos é unha construcción que, coa súa palmeira diante, aínda chama a atención a cantos pasan ao seu lado en Ortigueira. Foi construido nunha época en que nesa parte da marxe dereita da avenida de Alonso Pernas (actual avenida Escola de Gaitas), había moi poucos edificios construídos; existía a casa do notario José Antonio Calvo Montero, unha casa -non a actual, que se edificaría pouco después- do industrial ferreteiro Gonzalo Prieto Cao (dous veces alcalde de Ortigueira); ao seu carón a do comercio de alimentación de Vicente Cao, e algo máis alá a do médico Bermúdez Cobián, sempre con destacados colores, e que ainda conserva unha breve escaleira con tres chanzos de acceso desde a beirarrúa.
Segunda Calvo Moreiras naceu en Ortigueira en 1888, os seus pais decidiran darlle unha educación sólida, que non podía impartirse en Ortigueira. Recordemos que nesa época o Grupo Escolar do Salgueiro aínda non se construira (erixiríase en 1909, durante a alcaldía de Manuel Sandomingo Crego, con deseño e dirección de obra do arquitecto provincial Julio Galán), e a escola de nenas estaba instalada na praziña dos Ánxeles, no edificio do antiguo consistorio, en non moi boas condicións, nin educativas nin materiais. Por iso é enviada interna(1) ao Colexio das Esclavas do Sagrado Corazón de Xesús de Salamanca; alí, nese centro educativo inaugurado en 1899 e ubicado no casco histórico salmantino, estaría interna Segunda e completaría a súa educación primaria e secundaria. Neste mesmo colexio estudiarían tamén varias nenas das máis de importantes familias orteganas.
Palacio de Blanco. Cienfuegos (Cuba)
Tras recibir una educación esmerada, Segunda casa en 1910, cando contaba 21 anos, con Manuel García Blanco, de 42 anos, veciño da Coruña; Manuel nacera en 1868 en Santa Cruz de Rivadulla (Vedra), se ben a súa nai era de Ortigueira; Manuel estaría asimesmo relacionado coas familias orteganas Teijeiro e Maciñera. Era un importante propietario e rentista, ao ser apoderado do seu tío, o ortigueirés Manuel Blanco Ramos (nacido no barrio da Magdalena en 1828-A Coruña, 1905), e dono desde mediados de 1870 do inxenio azucreiro Santa Rosalía, e cuxa memoria se conserva no Palacio Blanco de Cienfuegos (Cuba), un fermosísimo edificio construido en 1871, e enclavado no casco histórico cienfueguino. Manuel García Blanco a primeiros de séculos vivía en Galicia, tendo un Cuba un encargado.
Manuel, coa súa esposa, Segunda, decide adquirir o solar contiguo á vivenda do pai de Segunda, o notario José Antonio Calvo Montero, e construir alí unha vivienda. En marzo de 1921(2), solicitaba ao concello ortegano permiso para edificar unha casa de "sótano, planta baja y piso alto” nun terreo que adquirira previamente. O permiso, tralo informe e visto bó do enxeñeiro provincial de Obras Públicas, Enrique Molezún, sería asinado polo alcalde accidental, Vicente Sandomingo CregoDo autor do proxecto constructivo, o arquitecto Leoncio Bescansa, e do director das obras, o enxeñeiro suizo Mathias Wirz, falaremos nunha próxima ocasión.
Ao cabo de 12 años de matrimonio, e sen ter fillos, Manuel García Blanco falece en 1922 na Coruña, pouco despois de ver construído o chalet, cando tiña 55 anos. Nel seguiría vivindo Segunda ata a década dos 70, cando faleceu, compartindo as estancias co seu domicilio en Madrid, onde vivía na época invernal, así como viaxando por diversos países do mundo. Segunda adicaríase ao cuidado de seu pai, por quen sentía verdadeira admiración, e do resto da familia, irmaos e sobriños.
Primo de Rivera en Ortigueira
Ubicado na entrada da vila, en lugar estratéxico, o chalet fue testemuña en xullo de 1924 da chegada a Ortigueira do Xeneral Primo de Rivera, á sazón Xefe do Goberno e do Directorio Militar desde o ano anterior. Diante do chalet, como sinala Rosende(3):
"A avenida de Alonso Pernas estaba engalanada con flores, colchas, vistosos gallardetes, e un arco trunfal frente ao chalet de Segunda Calvo, coa seguinte adicatoria: <<Ortigueira y su comarca al salvador de España>>”. 
Curiosamente, nesa misma ocasión, o alcalde Ramón de la Peña e outras autoridades orteganas marcharan ao Campo do Hospital a esperar a comitiva presidencial, no "magnífico automóvil, que nun acto patriótico lle cedera dona Segunda Calvo”. Tratábase do elegante Packard propiedade da familia Calvo.
Elena Quiroga en Ortigueira
Unha das persoas máis destacadas que fixo unha estancia no chalet, para visitar a Segunda Calvo foi a escritora Elena Quiroga(1), no ano 1949; nesa estancia dun par de meses, xurdiría a idea da novela Viento del Norte -que se desenvolve no cercano pazo de Brandaliz- coa que a puxante e novel escritora gañaría en xaneiro de 1951 o premio Nadal 1950.
O edificio na actualidad, e desde hai varias décadas, pertence aos irmáns Vicente e Emilio (este último xa falecido) Castro Sanjurjo, que desde Venezuela, onde residían, soían acudir regularmente a esta singular edificación.

NOTAS
(1) Torres Bouza, Alfredo. Elena Quiroga, autora de Viento del Norte, en Ortigueira. Ed. Terras do Ortegal. Ortigueira, 2018 (en prensa).
(2) Arquivo Municipal de Ortigueira. Sección Obras. 1921.

(3) Rosende, Ánxel M. (1990). Un día diferente. Crónicas da vida social dos orteganos (1881-1931). Imprenta Fojo, Ortigueira. 1990.
------------------

Texto: Xosé María Torres




Ningún comentario:

Publicar un comentario