xoves, 19 de agosto de 2021

REENCARNACIÓN DE OLIVIA, por Luli Dopico

 

22 edición Relatos de verán de La Voz de Galicia
Publicado o 14 de agosto de 2021 no periódico


Hai uns días tiven unha visita inesperada. Exactamente o quince de xullo, unha do mediodía, estaba soa na casa e vin de novo unha preciosa bolboreta que se pousaba na entrada da porta que da ao campón, xa aparecera alí horas antes, sobre as nove da mañá, pero non lle fixen moito caso. Pareceume raro que estivera tan quieta e non saíra voando…

De súpeto quedei ollando para ela, fixeime no seu aleteo e tiven un estraño presentimento. Pregunteille: eres Olivia? E a bolboreta deu en mover as ás como dicindo: Siiii. Dicía si, estou segura. De seguido voou dende o chan ata pousarse na miña man e din en chorar como hai anos non facía: Olivia, bonitiña, estás aquí. Quérote. Non me esquezo de ti. Eres preciosa, máis linda miña cadeliña...
Estivo un bo rato batendo as ás ao meu redor, logo tranquilamente pousouse na hamaca onde leo, colocándose ao meu carón como facía sempre. Nese momento pensei, se hai millóns de persoas no mundo que cren na reencarnación, porque non vai ser Olivia esta choruma de cores irisados? Era Olivia, sen dúbida.

Rin, chorei, dinlle as grazas porque me viñera visitar e dei en chorar tanto, que non tiña consolo. Cando acordei de que tiña unha pota ao lume, entrei na cociña, remexín o compango e volvín saír para seguir admirando aquel milagre. Estaba agardando por min para despedirse, ollámonos fixamente, tendinlle a man, chuchouma e saíu voando cara aos buxos. Abur, miña nena!!!

Olivia morrera en abril, enterrámola no campeiro, preto das camelias e do daphne, ao pé da ruda que plantamos o mesmo día que nos deixou, pero segue viva no meu pensamento.
Logo do triste e á vez alegre episodio narrado, chamoume por teléfono unha amiga e comenteille… Non daba creto e pensou que me volvera tola, pero nun momento de sinceridade contoume que hai un tempo, cando ela pasara por unha depresión grave pensando que ía morrer porque tiña o mal dentro, unha gaivota peteiraba cada atardecer na galería da súa casa, baténdose coma unha tola contra os cristais, avisándoa de que fora mirarse ao médico. A gaivota en cuestión era a súa nai…

Nada que dicir. Ela foi a Santo André de Teixido, curou da depre e o paxaro non volveu dar acción de si nin de non.

Luli Dopico

Fotografía: Álvaro Fdez. Polo

martes, 10 de agosto de 2021

LUSCO. Exposición de pintura en Sargadelos de Ángel Picos, Diego P. Dopico e Sergey Sozonov




LUSCO 

Exposición de pintura en Sargadelos ata o 30 de agosto. Un marabilloso paseo cultural.


O día 31 de xullo inaugurouse nas Carboeiras de Sargadelos (concello de Cervo), unha exposición de tres pintores vinculados dalgún xeito á comarca do Ortegal: Ángel Picos Pérez, Diego Pérez Dopico -que asina as súas obras co seudómino de J. Peak- e Sergey Sozonov.

O máxico entorno do conxunto histórico-artístico da vella fábrica, impregnado de historia, deu paso á obrigada visita á sala de arte, e de camiño nos mergullamos no mundo fascinante da pintura, percorrendo o espazoso lugar e abrindo uns ollos máis grandes que os da muller asustada da primeira obra que vemos colgada, para seguir dando un paso adiante e contemplar o lobo-lobiño, que nos indica o camiño a seguir.

Paporroibo no cristal,
de Ángel Picos

Preto de setenta obras que vamos admirando paseniñamente, cunha luz entre lusco e fuscoque fai que moitos dos cadros adquiran unha cuarta dimensión e que cobren vida nos lenzos dos artistas.

  • Ángel Picos Pérez. Dende moi novo este cedeirés amosou predilección polo debuxo, realizando as súas primeiras obras de xeito autodidacta. Leva nove anos como pintor artístico, especializado no estilo impresionista e tratando de transmitir as súas emocións en cada unha das súas obras. Con el mantemos unha conversa moi interesante.
  • Sergey Sozonov. Natural de Yacutia (Rusia), traballou en Moscú nunha empresa de publicidade, e logo de viaxar por Europa atopou no Baleo (Ortigueira)  o lugar soñado para vivir e decidiu apousentarse. Aquí pinta as caras e as almas dos seus veciños e amigos, cunha precisión tal que nos deixa engaiolados diante do cadro Maruxa.
  • Muller, de Diego Pérez

  • Diego Pérez Dopico, J. Peak: Nace Diego en Ortigueira, estuda Maestría Industrial en Viveiro e seguidamente Maxisterio na Coruña. Amplía os seus estudos en Xixón e traballa en distintos países europeos, regresando a súa vila natal no 2010, onde reside. Cursa Ciencias Relixiosas na universidade San Dámaso (Madrid). Actualmente traballa no Concello, como Técnico de Cultura e Secretario da Escola de Música. Presidente da Asociación Cultural Galioart, escribe e promove numerosos eventos culturais, aínda que a súa paixón é pintar.
  • Lobo, lobiño, de Diego Pérez

Logo de ver, charlar e admirar a obra dos pintores, que se pode visitar ata o 30 de agosto en horario de mañá (de 10 a 14 h) durante a semana e tamén polas tardes os sábados e domingos, aproveitamos para dar un paseo polo entorno, chegando a través do Paseo dos Namorados ata a represa artificial do río Xunco, que abastecía de auga a antiga fábrica de louza e que se fixo mediante un sistema chamado de cantería gradual no ano 1791, unha paisaxe idílica e ineludible evocación sentimental, que ten a súa lenda particular. Regresamos pola senda botánica, no frescor da tardiña, lendo os paneis das diferentes especies arbóreas e escoitando o murmurio das augas e as voces dos felices nenos que a cabalo pasean polo recóndito lugar.

Maruxa, de Sergei Sozonov


Que máis podemos visitar?

Se levamos unha orde xeográfica, empezaremos polo Museo da Antiga Fábrica de Sargadelos, seguiremos ata os restos das antigas fundicións e fábricas de louza, e chegamos a Pousada dos Foráneos e outras dependencias como os fornos de calcinar, as caballerizas e as carboeiras. Antes de regresar a Ortigueira, bebemos auga na Fonte da Tella e saboreamos un xeado de abelá no bar Sacabeira.

Presa artificial do río Xunco,
no Paseo dos Namorados.
De volta encontramos o gran complexo industrial que hoxendía é a fábrica de Sargadelos e que queda para outro día de visita, así como o corazón de Cervo, coas preciosas casas de pedra magnificamente restauradas e a Praza onde se celebra a Noite Meiga.


                                  LULI DOPICO


Fotos LULI

1. Paporroibo no cristal (Ángel Picos)

2. Muller (Diego Pérez)

3. Lobo, lobiño (Diego Pérez).

4. Maruxa (Sergey Sozonov)

5. Presa artificial do río Xunco, no Paseo dos Namorados.