mércores, 26 de setembro de 2018

Un crego carismático e polifacético: Antonio Rúa, vigairo parroquial de Santo André de Teixido


D. Antonio Rúa (cedida)



Hai agora un ano que don Antonio Rúa Saavedra foi nomeado párroco de Cervo (Santa Olalla), Régoa (Santa María), Montoxo (San Xulián), Montoxo (San Román), Esteiro (San Fiz), Vilarrube (San Martiño) e vigairo parroquial de Teixido (Santo André), lugar onde tivemos o gusto de coñecelo cando fomos facer unhas fotos do Santuario para ilustrar o meu próximo libro: «Viaxe ao Alén».

Grazas ao noso cura de Ortigueira, don Xavier Martínez Prieto, que nos falou del, amosándonos os seus debuxos e cadros, o crego Rúa foi todo un descubrimento, artisticamente falando, porque primeiro foi a obra e seguidamente a súa palabra a que nos engaiolou, e pasamos dúas horas gozando coa súa conversa.
Vista de San Andrés (cedida)
Don Antonio naceu en santo Tomé de Lourenzá, o 19 de xaneiro de 1968, estudou o bacharelato en Mondoñedo e continuou a carreira en Santiago, no Instituto Teolóxico Compostelano, facendo tamén a licenciatura en Historia do Arte e ampliando estudos en Madrid, nunha academia de Restauración do Patrimonio Histórico. Dende moi neno pinta e debuxa. O seu mestre foi Puchades, con quen aprendeu as variadas técnicas que domina.

Entramos en cuestión:
Hai máis turistas que romeiros en Teixido?
Digamos que ao cincuenta por cento, está nivelado, veñen moitos turistas, pero tamén moita xente ofrecida e agradecida ao santo. O que me asombra e a gran cantidade de xente nova que acode á romaxe.
Cales son as tradicións que seguen vixentes?
Capela do Socorro
Oír a misa, poñer o santo, acender unha vela, baixar ata a fonte beber auga e lavarse, esas na parte relixiosa. Logo en plan lúdico levar como recordo a vara de abelá co ramiño de teixo e a herba namoradeira, mercar as típicas roscas, os sanandresiños. Como non! tomar unha caña e uns pinchos nos bares da contorna. E facer fotos, moitas fotos.
Cales son os días que acode máis xente ao Santuario?
O día da Romaxe, 8 de setembro, e o 30 de novembro, día do Santo, que tamén toca unha banda. Pero agosto e setembro está cheo de persoas que veñen de todos os lugares, especialmente da zona das Rías Baixas, tamén andaluces, madrileños e moitos brasileiros. Vén xente do mundo enteiro.
Cristo ou cruceiro dos Carrís
Seguen levando exvotos?
Si, mércanos alí, como as candeas, e déixanos na igrexa.
Falenos da 'cripta', por chamarlle dalgún modo.
Aquelo debeu ser como un almacén, pois cando se afundiu o teito, apareceron restos de caixas de mortos. Un bispo mandou retirar os cadaleitos  que había na igrexa porque era un pouco tétrico e gardáronse alí. Logo amañouse e agora hai todo tipo de testemuñas dentro.
Pero aínda queda unha caixiña branca…
Foi dunha nena que xa é maior, aínda vive e vén sempre dar grazas pola súa milagrosa curación.
Que ten de máxico santo André?
Baixando para o Santuario
E un lugar vinculado á morte e á fertilidade dende hai miles de anos. Foi un bosque sagrado celta, lugar de teixos, cunha liturxia panteísta que cambia cos tempos, pero as tradicións veñen de antes, lavarse na fonte é un rito de purificación, levar un paxel dun morto e deixalo por alí colgado, levar unha pedra para o amilladoiro, o símbolo da barca de pedra, os sanandresiños, imitación das reliquias das casas, colgar un pano co que se refregou a pel…  
Procesión en Teixido 2018 (foto cedida)
Todos eses costumes aparecen en moitos santuarios galegos que transmigraron ata aquí. E logo está o eslogan máis vello do mundo: «A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo». Xa se sabe que non se pode pisar ningunha sacarrancha que vaia polo camiño, pois pode ser unha alma que vai penando, segundo a tradición, o lugar vén sendo o paso das almas para o máis alá, «ou de vivo ou de morto hai que pasar por alí!»
Que falta en santo André?
Pois creo que habería que embelecer o lugar, facer un estudo do entorno e que non se vexa só como un posto de tenderetes. Falta un espazo museo e que arranxen a pista que sobe por San Adrián, polos Socorros, que está desfeita. Hai pouco creouse unha Asociación que pode ter futuro. Editan libros e teñen un posto informativo onde entregan unha credencial (tipo Compostela) conforme se visitou —de vivo— o lugar, tamén dan folletos e dan as explicacións pertinentes.
Cripta


Cóntenos algunha anécdota.
Unha que me contaron a min. Había un señor que xa morreu, viña tódolos anos e alugaba unha habitación por un tempo. Polo visto herdara un gran capital e a xustiza ía acabarlle con todo, no último momento, anteo xuíz, cando xa daba todo por perdido, pediulle axuda a santo André e presentouse na vista un avogado descoñecido para el, que o defendeu maxistralmente e ganou o pleito. Aquel home chegaba a igrexa, sentábase nun banco e rezaba todo o día.
Para rematar, explíquenos o valor artístico do lugar.
Debuxo de D. Antonio Rúa (cedida)
É unha igrexa tardogótica, na fachada norte hai unha porta que constitúe un dos máis valiosos elementos do edificio. O interior presenta un retablo do século XVIII cunhas fermosas columnas barrocas e un apostolado que rodea o relicario dourado que contén a reliquia do santo, unha peza única, de gran valor.


Volver a Teixido de viva, mergullarme na beleza do entorno, vibrar coa fe ancestral que se respira no ambiente, falar con don Antonio e quedar con el para facer unha exposición dos seus traballos na Casa Reitoral de Ortigueira, cando se presente o meu libro, resultou ser o epílogo que lle faltaba á novela.
Que Deus llo pague.

-------------------  

Publicado no semanario La Voz de Ortigueira nº 5.332. 14 setembro 2018.

Texto: Luli Dopico.
Fotos: D. Antonio Rúa ("cedidas") e Luli Dopico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario