A principios de ano dábamos conta da iniciativa que está levando a cabo SEITURA-22 (entidade que xestiona o programa europeo Leader nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal) para poñer en valor e recuperar o uso do Camiño do Arrieiros, que transcorre entre As Pontes e o Porto de Bares.
Desde aquela, e pese ás restriccións brigadas pola pandemia de COVID-19, a inciativa segue en marcha coa participación de diferentes entidades, entre elas a asociación Terras do Ortegal.
O pasado martes, 21 de xullo, fíxose o terceiro recorrido de identificación e marcaxe con GPS da ruta entre a Cruz do Monteirón, en Mogor, nas aforas do Barqueiro, e o Porto de Bares. En semanas anteriores fíxose un seguimento e identificación do Camiño entre a vila das Pontes, o alto da serra Faladora, no Caxado, pasando polas parroquias do Freixo, As Grañas, Mañón, Couzadoiro e Loiba, feita en 2 recorridos e días diferentes. Participamos 14 persoas
que fixemos o recorrido, pero non a pé, senón en vehículos 4 x 4, necesarios para acceder a determinadas zonas agrestes e cunha orografía complicada.
Muiño rehabilitado polo pintor Secundino Rivera, e hoxe habitado polos seus familiares |
Recorrido efectuado
Vista de conxunto da igrexa de Santa María de Mogor, no Barqueiro vello |
Parte do equipo foi facendo a pe algún tramo, como o que pasa ao lado do colexio CEIP Francisco López Estrada, do Barqueiro. Despois seguimos polo monte Cañoles, onde está a mina de cuarzo Sonia -xestionada pola empresa Cuarzos Industriales, S.A- unha imponente e dificultosa subida aínda para os potentes todoterreos que nos levaban.
Tras cruzar polo Chao das Caldeiras, conseguimos, non ser esforzo e a traveso dun cortalumes recentemente desbrozado, chegar ao alto onde está a Garita de Maeda, en excelente estado de conservación grazas aos esforzos do concello de Mañón. Alí o equipo fixo unha parada e unha das fotos do grupo.
No Barqueiro, unha paradiña para mirar un cruceiro |
Muiño dos Turrós, no Barqueiro, e ben rehabilitado |
Finalmente, pasando cerca da antigua estación semafórica -hoxe hotel Semáforo- seguimos ata o mesmo Porto de Bares, chegando ao Coído por unha baixada espectacular -e pouco recomendada para espíritos medoñentos- pasando cerca das rocas da Muller Mariña. Alí procedemos a finalizar o recorrido de identificación e a tomar un refrixerio.
Alí tivemos a sorte de atoparnos ao historiador do Barqueiro, Hixinio Puente, cronista oficioso de Mañón (para cando Cronista Oficial de verdade?), e que se acercara a Bares nunha constante patrullaxe polo territorio que estuda e ama. Este investigador, co que mantivemos unha animada conversa, ilustrounos con algúns detalles históricos de varios puntos do recorrido. Hixinio, colaborador habitual da revista Terras do Ortegal, xa presentara no número 4 (2017) da revista, dedicada a Mañón un artigo titulado “Ataques ao Porto de Bares”, e no número 7 (2020) que está a punto de saír presenta outro titulado “Garitas ou fachos na ribeira mar de Galicia”.
Outra vista da Garita de Maeda |
Hai que agradecer a participación e implicación do concello de Mañón neste último recorrido, coa presenza de Alfredo, tennete de Alcalde, a quen acompañaba Mario, que puxeron a disposición do equipo 2 vehículos 4 x 4, indispensables para poder seguir o Camiño. Similar aplauso hai que facer a Cultureume, presente con outro 4 x 4 ecoa asistencia de 3 participantes que ían tomando nota do percorrido.
Resume da iniciativa
Vista do observatorio de aves e dos muíños de auga da punta da Estaca |
No Chao da Caldeira, preparándonos para subir polo cortalumes cara á Garita de Maeda |
Desde Terras do Ortegal queremos felicitar a SEITURA22 e a Anxo Zas, xerente da entidade, por esta iniciativa feita de modo participativo, coa presenza da base social da bisbarra, modelo que nos gustaría fose seguido por outras iniciativas que se están xestando na zona como o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal, restrinxido na actualidade só a administracións públicas.
Obxectivo
Na base americana, parte do grupo mirando o mar da Estaca |
Está prevista enviar este mesmo ano a proposta básica, que se tería de completar posteriormente.
Agardamos que este proxecto liderado por SEITURA-22, que parece contar co apoio tácito da deputación provincial da Coruña, chegue a bo porto. Así sexa!
----------------
Texto: Xosé Mª Torres
Fotos: Xosé Mª López, Ana del Valle e Xosé Mª Torres
Texto: Xosé Mª Torres
Fotos: Xosé Mª López, Ana del Valle e Xosé Mª Torres
Ningún comentario:
Publicar un comentario