sábado, 28 de decembro de 2019

O traballo das mulleres na conserva. O caso da conserveira Massó




Na Cidade da Cultura de Galicia, no Monte Gaiás en Compostela, están abertas dúas exposicións moi interesantes; a primeira delas leva por título “Día das Bibliotecas, e está dedicada a amosar unha ampla colección de tarxetas postais de toda Galicia de diferentes autores como Kasado, ou Vieitez.

Recolle os álbumes orixinais destes autores galegos e outros, e nela pódense ollar paisaxes rurais, urbanas, tipos, oficios, o mar, a terra, etc., de toda Galicia.

Polo que vin exposto, o Ortegal e a Mariña están ben representadas pero chama a atención a orixinalidade das fotos e a amplitude do ámbito xeográfico e social representado, todo un repertorio gráfico de como era esta Galicia nosa nos anos de principios do século XX. 

A mostra leva aberta dende outubro de 2019 e poderá visitarse ata xaneiro do 2020.




Mulleres nas conserveiras
A segunda exposición é outra fermosura, e tan orixinal nos documentos e fotografías como a primeira. Leva por título “A memoria conservada, un mar de mulleres” e está referida ás traballadoras da conserveira Massó.

 Esta empresa foi pioneira da introducción da salga e posterior salto á conserva hermética de peixe en Bueu, Cangas, en definitiva, en Galicia, tanto nas fábricas de Cangas do Morrazo como a que abriu en Avilés, en Asturias. Pódense ver nóminas, relación de salarios coas diferencias entre homes e mulleres, fichas de filiación laboral, fotos das actividades industriais e do labor social da empresa como gardería, hospitalillo e paritorio; e tamén fotos do proceso produtivo tanto na salga como na conserva, grupos humanos, dureza do traballo, carga-descarga de matería prima e produto elaborado, etc.

A exposición amosa fondos procedentes da fabrica Massó de Avilés que ten o Arquivo de Galicia


En definitiva, esta exposición tenta poñer de manifesto, segundo o meu parecer e o dalgún título exposto nos paneis informativos, que a historia da pesca e os seus transformados, salga e conserva hermética, hai que reescribila outorgándolle á muller o verdadeiro papel e relevancia que tivo nestas tarefas. Remato coa anterior das postais. A miña opinión é que ben paga a pena nestas vacacións darse unha volta por Santiago e disfrutar enchoupándonos de algo tan noso.

Polo demáis, indicar que en Bueu pode visitarse o Museo Massó, un magnífico exemplo de como preservar a memoria industrial de Galicia.
-----------

Texto e fotosChema Leal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario