O outono chega á nosa comarca cunha nova obra de creación da nosa amiga Luli Dopico: «Viaxe ao Alén».
Este sábado 26 de outubro, ás 8 da tarde, terá lugar a presentación no Teatro de Beneficencia de Ortigueira, nun acto que contará coa presenza da autora e da profesora Carmen Loureiro, que se encarga do prólogo da obra. Pero antes das palabras e do coloquio coa nosa escritora, poderemos disfrutar dunha proxección audiovisual con imaxes de Álvaro Fernández Polo, autor asimesmo das fermosas fotografías a cor que ilustran cada capítulo do libro.
Luli amósanos nesta nova novela outra aventura da sarxento Tona Andújar, sarxento da Guarda Civil, a personaxe creada por ela e que xa nos deu varias entregas: A pena das calandras, editada pola autora e O segredo da runa, editado por Terras do Ortegal en 2018.
Cal é o argumento do libro? Mäis alá do título, suxerente e misterioso, non hai moitos datos nas guardas ou na contraportada do libro, pero á espera de lelo con calma, podemos aventurar que teña algo que ver co Santuario de Santo André de Teixido, do que temos vista algunha imaxe, co característico enfoscado branco das paredes exteriores, nunha ollada rápida ás súas páxinas.
Hai que agradecer que os concellos da comarca (Cariño, Cedeira, Cerdido, mañón e Ortigueira), así como proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal e a plataforma Turismo do Ortegal, apoiaron a saída desta obra.
O deseño e maquetación, así como a montaxe e selelcción da música do audiovisual, corre a cargo de Toñi Girón, que presta a súa experiencia nesta difícil arte de forma altruista á nosa escritora e a tantas outras iniciativas da zona.
Desde Terras do Ortegal aplaudimos con agarimo esta nova mostra de creatividade da nosa amiga Luli Dopico, a escritora máis destacada da nosa comarca na actualidade.
--------------
--------------
Ningún comentario:
Publicar un comentario