venres, 11 de setembro de 2020

Suaves fantasías. O novo libro do ortigueirés Mario Páez



Suaves fantasías

O novo libro do ortigueirés Mario Páez Álvarez adianta no seu título unha chamada de atención. ¿Haberá lugar, no mundo bulideiro e atarefado no que vivimos, para suaves fantasías? Por suposto; de feito, hoxendía a máxima fantasía sería acadar a propia suavidade; nestes tempos de liñas rectas, o fantástico reside nun lugar curvo, suave e quente onde, sinxelamente, mirármonos a nós mesmos. Xa que logo, e velaí a mensaxe, todas as fantasías son suaves.

Os relatos de Mario remiten a tal lugar fantástico, vencellado inevitablemente á infancia. Os nenos aparecen nos contos ás veces como protagonistas, ás veces como destinatarios duns relatos lixeiros que gustarán aos lectores infantís. Pero as máis das veces aparecen como donos da mirada do narrador; estes relatos son os máis suxerentes. 

A inxel mirada do neno está no protagonista que diante dun chan axedrezado avanza en saltos de cabalo, ¡ai de quen nunca tal fixera!, na tentación de recoller propinas abandonadas das mesas valeiras, na nostalxia de Tito Gobbi, do tabaco Capstan, das partidas de pinacle, na lembranza dun libro chamado, ¡nada menos!, «Solón Publícola Temístocles Camilo», na mirada de quen fala dos seus maiores --Pompilio, Cosme, o Fraco, o Ferradura-- con acenos míticos, ou nos pesadelos de quen imaxina unha invasión de barquiños de papel.

Esta mirada chega a ser a raque, a espiña dorsal duns contos que, dende esta perspectiva, se converten propiamente en estampas; os relatos non nos falan de cousas que pasan, senón máis ben do rapaz que contempla as cousas que pasan, moitas veces en longas frases discursivas, outras tantas en liñas de diálogo que xogan con trampantollos e relatos dentro do relato. Mario escribe contos tristes con final feliz e contos felices con final triste; non é sinxelo. 

Afirma Mario que os contos foron escritos a vuelapluma. E será certo, porque se len a vuelaojo; en ocasións, este voo de pruma deixa traslucir, coido que á mantenta, certo desgairo e abandono; describindo relampos de nostalxias, parecerá o propio que a escrita veña urdida en fío de pespunto, en bocetos espontáneos e urxentes, sen moita cociña nin manoseo. 

Comprei o libro de Mario na coruñesa rúa do Padre Feijóo, nunha libraría que trata o material con tanto primor que se negan a magoar os exemplares con pegatiñas, selos ou carimbos da libraría; nin sequera garabatean o prezo no seu interior, por respecto ao libro. Despois de ler estas suaves fantasías, penso que se algún libro é merecente desta donda delicadeza, é sen dúbida o libro de Mario.  

Carlos López-Keller Álvarez

----------------------------

Ficha técnica: 

Páxinas: 146. Formato: 150 × 230 mm. Prezo 17 €

ISBN 978-84-17784-18-8. ISBN dixital 978-84-17784-19-5. Depósito legal: M-3402-2019

Máis información:

- Editorial Adarve: https://editorial-adarve.com/mario-paez-suaves-fantasias/

- Entrevista a Mario Páez: https://editorialadarveblog.blogspot.com/2019/06/entrevista-mario-paez-autor-del-libro.html

https://revistagaleradas.com/libro/suaves-fantasias/




Ningún comentario:

Publicar un comentario