Intervención de Felipe Senén na inauguración do museo. Ao fondo, o ortigueirés Narciso Luaces e o director do museo, José María López Ferro |
Nun ambiente festivo, coma non podería ser doutro xeito, e realzado pola compaña dunha luz primaveral impoluta, ven de inaugurarse nas Pontes o Museo Etnográfico Monte Caxado”. 2.000 obxectos amoreados ó longo de 30 anos polo profesor José Mª López Ferro atoparon acougo neste novo fogar erguido nun espazo tamén case máxico: a Praza da Igrexa Vella, xerme do pobo que hoxe coñecemos.
Este evento, celebrado o pasado 30 de marzo, é o culmen merecido ó traballo de López Ferro, un traballo lento e rigoroso co que foi amoreando e catalogando as pezas que ía atopando ou lle ían achegando, algo que, coma ben dixo, comezou coma un xogo e rematou nesta obra que dende hoxe podemos gozar. Agora xa podemos ter preto de nós as pezas e utensilios que son o fío que aínda nos une ós nosos devanceiros, ó través delas seguen a falar con nós, a nos contar coma era a súa vida, e por riba de todo, fannos ver que ós conservar tamén o facemos cos noso orixes, as nosas raíces, as cales son necesarias para nos manter e alcanzar o futuro dun xeito máis doado.
O acto en si comezou coas palabras, sempre sentidas e ateigadas dunha forza engaiolante, do museólogo Felipe Senén, quen non dubidou en enfrontar este Museo co mundo actual de “cocanilización” ou “macdonalización”, a arte e singularidade das pezas aquí expostas coa banalización e frialdade dos tempos que vivimos, porque son pezas que reflicten as nosas orixes e, xa que logo, a nosa orixinalidade. Isto é, rescatar a nosa identidade, a dos labregos e mariñeiros.
Aproveitou a ocasión para dedicarlle unhas palabras a Narciso Luaces, home que tamén leva dentro de si o espírito da terra. Tamén, coma non, ó verdadeiro artífice deste Museo, López Ferro, que levou adiante este proxecto coma un auténtico viacrucis, coma unha especie de “Xogo da Oca”, e a Secundino García, do Museo etnográfico Pazo da Capela, homes, todos eles, que acolleron esta cultura popular hoxe menosprezada, mais o fan porque lles gusta, o viven e, ó fin, é o seu mundo. Xente que, coas súas más, en silencio, e día a día, foron quen de levar adiante proxectos coma este cando, ás veces, os grandes poderes non son capaces tendo amplas organizacións e tecnoloxías ó seu servizo.
José María López Ferro, director do Museo (foto: Fundación MMC) |
Unha vista do museo |
Tomou a palabra Secundino García para resumir en catro puntos os pasos a seguir para erguer con éxito un museo: a) coleccionar, e facelo a cotío; b) conservar o conseguido; c) investigar e documentar, sobre todo baseándose nos nosos maiores; d) e divulgar, que é traballo máis difícil para que a xente se chegue até aquí.
Narciso Luaces, pausado pero rexuvenecido ó se atopar no seu mundo, o que mellor coñece, fixo un resumo de porque chegou a levar adiante o seu Museo de Meixido no que Ferro tamén tivo algo que ver, razón pola que non dubidou en loar a súa figura.
López Ferro rematou o acto facendo unha morea de agradecementos a persoas, institucións, organismos e empresas que nos da unha idea da cantidade de xente que colaborou nesta obra, algo, amais, necesario e imprescindíbel para chegar onde chegou. Mais, dixo, isto non rematou, pois teño un soño que non é outra cousa que ampliar este museo e engadir unha forxa, unha carpintaría.., ó fin, facer das Pontes unha vila etnolóxica.
------------------------
Texto: Manel Bouzamayor
Fotos 1 e 4: Manel Bouzamayor
Fotos 1 e 4: Manel Bouzamayor
Ningún comentario:
Publicar un comentario