venres, 12 de xullo de 2019

«Estío de cenizas», de José María Noguerol, unha vida decantada en poemas




Dez anos de inquietude poética decantados en Estío de cenizas, terceiro libro de poemas en castelán do comunicador, xornalista, publicitario e poeta coruñés, José María Noguerol. 
Licenciado en Filosofía, desenvolveu a sua traxectoria profesional no ámbito das institucións públicas, como o goberno de Canarias e o ministerio de Fomento, así como en diversos medios de comunicación como TVE, Cambio 16, Interviú e o Grupo Prensa Ibérica. Recentemente foi nomeado director de comunicación e relacións informativas do Teatro Real de Madrid. Coñecéndoo, descubrimos que se sente influenciado pola Xeración do 27: Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez, Rubén Dario, o Lorca de «Poeta en Nova York», e sobre todo, por Leopoldo María Panero, da Xeración do 36 e Gil de Biezma do 50.
En “Estío de cenizas” dosifícanos as emocións dividindo esta obra en tres fases, xenerosas de recordos, frases que lle marcaron e asfalto. Desde as cadeiras dun pasado, abundantes personaxes, despedidas e escenarios que foron facendo ao home.
Desde “El claustro de las mañanas” convídanos a "dejar testigo del sol de las Cíes y del Cabo Ortegal”, rompendo ondas en catalán contra os gastados dentes do Colexio Teresa Herrera. Con “O alimento da devoración” intima con evocacións de adolescencia e mocidade, .. 
«[...] Éramos niños de pedernal y aroma
Que entrelazaban dedos de porcelana». 
Confesa, «ávido de substancias enamoreime». Coa paixón das balas exprésanse os seus versos 
«Cuando apareces te reconvierto
Te escribo te retuerzo te ignoro... 
...Cuando apareces yo desvanezco.»
O que se sabe de ningún lado nos convida a ser militantes da xenerosidade e exclama: «Soy humano ser humano». «Me sobran las soflamas», se automotiva mentres reflexiona «La tierra para el que la trabaja, o llano azul no admite esbirros». Trashumante polo territorio español, na terceira parte da sua obra, “Las páginas del viaje”, que ben poderían lerse como un só poema, fai metáforas á vida, ás ausencias e ao amor. En versos escritos, como moitos de Alberti, desde o madrileño paseo de Rosales, fálalle ao mar imaxinario, trasladándonos a praias urbanas, como oda que suple a ausencia da area. 
Pasean os seus versos desde Montserrat ata o Atlántico do Grove e Carnota, perfilando o Guadarrama pérdese naquel roteiro de Lavapiés a Peixaría, sobe a Érmua e ao Sedabal para chegar en tren a Monforte de Lemos. 
Ao seu criterio, e como perlas, redondea os seus poemas con aderezos en galego, catalán ou inglés. Recupera na súa contraportada o prólogo do seu anterior libro Alfinetes para Carlota, de Ana María Moix, quen nos di «Su victoria contra el tiempo consiste en entregarnos fragmentos de una vida que nunca llegaron a desvanecerse...»
Unha película de Godard, Salinas, Gandalf, Ifefix, Lennon & Mc Cartney, ata o Quixote e Sancho... todos conviven na súa «praia... de tolos—. Vagóns repletos, o Metro de Madrid ou unha bicicleta sen pedais, para escoitar jazz en Barcelona, un adeus desde a plataforma onde «vivía o meu soño»; todos os escenarios viven nesta obra. 
Apaixoante viaxe a inmersión en Estío de cenizas  de Noguerol, que foi repousado e acabado na nosa Ortigueira, onde está dispoñible na Biblioteca Municipal. Tamén pode atoparse nas librarías de Ortigueira e a través de diversas plataformas dixitais.



------------------
Texto: Fernanda Hermida Garel (poeta).


Ningún comentario:

Publicar un comentario