luns, 13 de outubro de 2025

Visita ao Arouca Geopark (Portugal) dunha delegación do Xeoparque Cabo Ortegal



Membros de Cariño e Ortigueira na expedición. Entre eles,

José Miguel Alonso Pumar, novo xerente do noso Xeoparque

e Ana María López, alcaldesa de Cariño (Foto Julio Eiroa)

 

Unha delegación composta por unha vintena de persoas entre cargos e técnicos municipais, representantes de empresas e asociacións do noso xeoparque (que se extende polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) visitaron a primeiros de outubro o Xeoparque de Arouca, no distrito de Aveiro, na área metropolitana de Porto (Portugal).

A viaxe foi patrocinada pola deputación da Coruña, enmarcada nun plan sustentabilidade turístico financiado con fondos europeos, co obxectivo de coñecer a organización, gobernanza e actividades daquel xeoparque do país veciño, xa recoñecido pola Unesco en 2009. 

Trátase de aprender das súas boas prácticas e implantalas no noso xeoparque, que como é ben sabido foi recoñecido pola Unesco en maio de 2023), e que nestes días acaba de completar —nun proceso que durou case 15 meses, algo sorprendente— o seu plantel técnico básico, composto por un xeólogo e un director xerente.

Estrutura do xeoparque portugués

Acollidos de forma moi atenta polo persoal do xeoparque portugués, a expedición recibiu información da gobernanza e participación do xeroparque portugués, que se estende polo territorio dun único concello, o de Arouca, o que simplifica seguramente algunhas actuacións, e que permite aos cidadáns, asociacións e empresas dese concello identificarse máis facilmente con él.

Cabe dicir, ademáis, que as asociacións e empresas do territorio do Arouca están integrados no órgano xestor (AGA – Associação Geoparque Arouca), en igualdade de condicións que as administracións públicas, e incluso forman parte da Directiva, unha diferencia fundamental co noso, pois, como é coñecido, en AXCO, o órgano xestor do xeoparque Cabo Ortegal só participan concellos, estando as empresas e asociacións que o solicitan simplemente adheridas como “Entidades Amigas”, inivitadas a asistir ás Asembleas, pero sen ningunha capacidade de participar na toma de decisións, un modelo que cabería preguntarse se responde ao definido pola UNESCO para os xeoparques, de «enfoque construído de abaixo arriba» e de «involucrar ás comunidades locais».

Visitas realizadas en Arouca

Acompañada sempre de forma atenta por persoal do xeoparque de Arouca, tanto pola directora Daniela, como por Pedro, un dos guías, a expedición galega visitou o centro histórico de Arouca, coñecendo alí o magnífico mosteiro de Santa María de Arouca, para despois desprazarse a Canelas para ver o museo de trilobites (fósiles do Paleozoico) con exemplares xigantes, descobertos nunha explotación privada de lousa da zona e reunidos e conservados polo empresario, Manuel Valério de Figueiredo, con exemplar interese científico e filantrópico.

Outros lugares visitados foron as pasarelas de madeira do río Paiva, de máis de 8 km de lonxitude, se ben só eran visitables a metade, pois o resto sufriu un incendio polo que están en proceso de ser rehabilitadas ou substituídas. Outra visita espectaculat foi a da ponte colgante peatonal de Arouca, que con 516 metros é a segunda máis longa do mundo) e tal vez o atractivo turístico máis destacado do xeoparque e unha das súas fontes de ingresos máis importante.


Grupo completo da expedición ortegalesa
trala visita na serra da Freita (Foto Julio Eiroa)


Finalmente, a expedición achegouse o último día á Casa das Pedras Parideiras, na aldea de Castanheira na serra da Freita; son estas pedras unhas formacións graníticas nodulares de cor oscura, únicas no mundo e de orixe descoñecida, que están recoñecidas como xeositio de relevancia internacional, un dos 41 dos que conta o Arouca Geopark, e ás que están ligadas lendas populares referentes a ritos de fertilidade.

Tras esta visita a expedición regresou ao Ortegakl nun recorrido en autobús similar ao inicial. Cabe resaltar a excelente organización e atención personalizada prestada por Julio Eiroa e Alfonso Polvorinos, técnicos da consultora galega Observer, contratada pola deputación coruñesa para xestionar a visita.

 

NB. Na actualidade a Unesco ten designado 195 xeoparques mundiais nun total de 48 países. Para ser recoñecidos como tal deben contar, como mínimo, con 1 Lugar de relevencia xeolóxica internacional.

--------------- 

Texto: Xosé Mª Torres (Terras do Ortegal)

Fotos: Julio Eiroa

Ningún comentario:

Publicar un comentario