Foto: Diego Dopico |
Pouco máis se pode falar de Santo André de Teixido en canto á súa situación xeográfica e tamén no que atangue ós milleiros de viaxeiros e turistas que se achegan até este recuncho do noso país. O que se ten escrito arredor del e da súa maxia enche andeis enteiros das bibliotecas, mais o misterio que leva consigo segue a fomentar as historias e, por riba de todo, lendas que leva o camiño de Santo André ó seu carón; por iso, a curiosidade e interese que agroma ó escoitar o nome de Teixido foi dabondo para que o venres día 8, o Salón de Plenos do Concello ortigueirés se enchera de xente disposta a escoitar ós intervintes no faladoiro.
A Fundación Santo André de Teixido naceu no 2016 coa idea de lle dar outra volta ó inesgotable tema do que estamos a falar, e o seu cometido conta coa inestimable axuda de Garañón Editora para darnos a coñecer o seu traballo. A Asociación Terras do Ortegal, sabedora da labor desenvolvida por eles, e tendo coma interese común darlle un pulo ó Camiño de Santo André, coma ven de demostrar cunha xuntanza reivindicativa do mesmo diante do antigo Hospital de San Roque, non dubidou en lles propoñer un faladoiro no que puideran expoñer as súas obras.
O resultado foi este agradable parladoiro, no que, despois da presentación dos conferenciantes polo concelleiro Juan Cao, coma representante do Concello, Francisco Javier Martínez Prieto, coma historiador e directivo de Terras do Ortegal, logo de relacionar o acontecido en Santo André coa Orde de San Xoán, non dubidou en recoñecer a inxente labor de Federico Maciñeira a prol do tema da reunión, pois é preciso, incidiu, recuperar os roteiros e a historia, moitos deles xa esquecidos pola perda e destrución dos arquivos; son grupos, engadiu, coma esta Asociación, os que poden darlle continuidade e revitalizar todo o relacionado con Teixido; as mesmas palabras de agradecemento foron para a editorial Garañón.
Pedro X. Blanco Llano, director de Garañón, e tamén vicepresidente da Fundación, falou do nacemento da mesma, fai dous anos, coma un esforzo con vontade de facer chegar ó maior número de xente posible, quizais unha quimera, todo o que teña que ver con Santo André e o seu Camiño. Falou de Santo André e da súa importancia, incidindo en que é anterior no tempo a Compostela, a súa creación tivo que ver có telúrico, coa simple conexión do home coa terra na que vivía, e polo tanto, non precisa dunha creación imposta para arranxar problemas da sociedade do momento, coma ben puido ocorrer en Compostela. Están tan mergullados en Teixido, que o feito de poñerlle o nome de Garañón á editora non responde á unha casualidade, senón que ven sendo unha homenaxe ós garañóns que corren pola Capelada.
Xa metidos nos tres libros protagonistas do acto: “San Andrés de Teixido. Historia, leyendas y tradiciones”, de Maciñeira; “Viaje a A Capelada y su Santuario de San Andrés de Teixido”, de Antonio Rodriguez; e “Concurso fotográfico Camiño a Santo André de Teixido 2017”, reportaxe fotográfica, Pedro Blanco comentou que, no caso de Maciñeira, quixeron facer unha edición digna do autor na que, ademais, non dubidaron en incluír, no comezo do libro, unha carta de Fermín Bouza Brey, na que explica, ás claras quen foi e o que conseguiu Maciñeira, aventurándose tamén nalgún comentario arredor de Maciñeira coma sufridor do réxime ditatorial que lle tocou vivir nos seus últimos anos.
O segundo libro, naceu dunha casualidade, en concreto duns folios que tiña Rafel Usero, Cronista Oficial de Cedeira, que lle deixaran no ano 1976 e que tiña esquecidos nun caixón; son as letras, engadiu, dunha persoa que goza ó máximo ó descubrir Santo André de Teixido e o seu territorio, da súa paisaxe, da xente que atopa, dos montes, do saber popular… unha vez recuperado o texto non dubidaron en sacalo á luz, aínda que non foron quen de dar co autor destas letras ateigadas de agarimo.
O terceiro ven sendo unha ampla interpretación de todo o que se pensa pode ter relación có Camiño. É o resultado dunha convocatoria fotográfica e o acadado coa dita certame.
Ó final do parladoiro, os oíntes participaron coas súas opinións, nas que quedou clara a necesidade de reivindicar este Camiño, até o punto de relacionalo, sen dúbida, có de Santiago, este último produto da complicada necesidade, e aquel do sinxelo maxín do home.
-------------------------
Texto: Manel Bouzamayor.
-------------------------
Texto: Manel Bouzamayor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario