Na Fábrica Vella (no Areal de Cedeira), Eduardo Couto sobe un caldeiro de auga para as tinas |
A industria conserveira desenvolveuse con moito pulo na comarca. Só entre Cedeira e Cariño chegou a haber preto de dúas ducias de fábricas, entre conserva en aceite, salgado e fariña de peixe -e mesmo escabicheiras (vinagre)-.
Os inicios veñen de moi lonxe no tempo. Xa antes da romanización se conservaban os alimentos en olas de barro, mergullándoos en aceite, sal ou viño. No século XVIII os comerciantes cataláns que chegaban ás nosas costas vendendo os seus produtos, cargaban os barcos de sardiña salgada para a volta. Axiña viron o negocio e decidiron instalarse acó, investindo capital para introducir melloras técnicas e en infraestruturas, tanto na pesca coma no proceso de salgadura, aumentando a rendibilidade. Eran os "fomentadores". Con todo, houbo tamén familias empresariais galegas que participaron activamente na dita modernización.
Contra o final dese século e primeiros do XIX desenvolveríase a industria conserveira na Bretaña francesa e no País Vasco como hoxe a entendemos: en caixa hermética. Porén, unha súbita crise da sardiña nas costas do Golfo de Vizcaya, por volta do 1880, lévaos á formación de sociedades mixtas que comercializan baixo as marcas francesas, na altura xa recoñecidas internacionalmente. Con produto e envasado galegos, dan unha nova puxanza industrial ao sector. Andando o século XX as empresas autóctonas recuperan a súa autonomía financeira e comercial, e créanse outras novas.
Na Fábrica Vella (no Areal de Cedeira), que nun tempo sería de Leopoldo Rubido (pai), Eduardo Couto sobe un caldeiro de auga para as tinas, onde van lavar as sardiñas recente quitadas da salmoira que dúas raparigas, aprendices, traen no cesto. Do pozo sacaban auga do mar, limpa e doce, filtrada na area a varias brazas de profundidade. Atrás vemos catro traballadoras, cada unha co seu cesto e o seu tabal, empacando a sardiña.
Porén, como adoita suceder cando se conta a historia, as mulleres quedan invisibilizadas cando, en realidade, foron unha parte substancial e imprescindible en todo o proceso evolutivo:
O brazo frío da marea apertábache a cintura
e o teu corpo anegado pousouse no courel
arrastrando unha mirada.
Dixémonos...
nun segundo o universo enteiro.
("No traballo e na vida compañeira", fragmento)
As lanchas achegábanse ata tocar fondo, varando no areal. As traballadoras, con caixas e patelas, metíanse na marea para carretaren o peixe e o sal ata a conserveira. Mulleres afoutas que diariamente desenvolvían o seu traballo cunha inmensa coraxe.
-----------------------------
Texto: Antom Labranha, socio colaborador do museo "Mares de Cedeira".
Fotografías, por volta de 1925: Imaxes para unha historia (André López-Willy) / Arquivo Fotográfico de Sotavento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario