luns, 4 de xaneiro de 2021

Cubertos polo manto da Historia: Camilo Díaz Baliño e o belén da Grande Obra de Atocha

 

A Esfinxe xunto as pirámides dos faraóns, incluíndo a Grande Pirámide, no deserto de Guiza
A Esfinxe xunto as pirámides dos faraóns,
incluíndo a Grande Pirámide,
no deserto de Giza



Unha das obras de maior complexidade da produción de Camilo Díaz Baliño foi a realización do belén para a Grande Obra de Atocha na Coruña. Firmado polo artista en 1927, trátase do seu segundo belén, sendo o primeiro o disposto para Ortigueira en 1924. Se o primeiro se trata dunha grande estrutura montable, con efectos lumínicos engadidos e de profundidade mediante velos, este belén concibiuse dunha forma diferente. Nembargantes, no que respecta ao seu estilo, trátase dunha obra enteiramente fiel a personalidade creativa do artista.

. Detalle dos templos e palacios exipcios situados no Delta do Nilo.
Detalle dos templos e
palacios exipcios situados
no Delta do Nilo

Palacios dos reis xudeus (ao fondo)
e palacios dos gobernadores
romanos (diante) na cidade
de Xerusalén
.

O belén da Grande Obra de Atocha pensouse para ser instalado de forma permanente. Dispoñía dun espazo libre dentro da edificación, polo que Díaz Baliño adecuou a ambientación conforme as dimensións dispostas. As paredes pasaron de ser superficies lisas a transformarse nunha viaxe visual que trasladaba aos observadores o Antigo ExiptoO artista engadiu detalles inspirados en libros de xeografía, arte e arquitectura resultando finalmente tan realista como romántico.

Detalle do xardín romano pintado,
 coas árbores características
das vilas de Roma. 


Maqueta coa representación
dun templo romano.


Cando se entra  a ver este belén, atópase con todo un fondo no cal aparecen representadas as tres pirámides: a das tumbas do faraón Kefrén, o faraón Micerinos e a do faraón Keops, coa Gran Esfinxe de Giza na fronte contemplando o ilimitado. Este conxunto -acompañado de pequenas pirámides, estelas e obeliscos con xeroglíficos- aparece nun deserto bañado por unha luz cálida, que matiza o ceo ata adquirir un ton anil. Ao seguir a vista, o artista lévanos polas areas do deserto e as montañas rochosas, atravesando os templos dos Láxidas entre palmeiras verdes, ata deslizarnos polas beiras do río Nilo. As casas de adobe salpican as montañas, mentres as falúas aparecen preparadas para viaxar polo Mediterráneo. 


Un muíño situado no camiño de Belén


Como se o observador zarpara dende Alexandría, a vista transcorre aínda por Exipto ata a fronteira de Pelusio. Que Díaz Baliño envolveu este belén na fascinación polo antigo reino exipcio vese, por exemplo, na inclusión das grandes construción faraónicas a beira do río. As entradas adinteladas, as salas rectangulares de cerimonia e as altas torres aparecen iluminadas con pequenos puntos luminosos. Continuando a vista ante os ollos aparece unha nova paisaxe: a das altas montañas do territorio romano de Xudea, fronte as cales aparecen edificacións imperiais.

Escritos de Camilo
para artellar a obra
.
As fontes de pedra aparecen acercando abundante auga fresca mentras que os templos dos deuses, construídos en mármore, se erguen fronte a seca paisaxe. Os templos están recreados con todo luxo de detalles; un deles mostra unha construción con dúas escalinatas, ornamentados cunha baranda deseñada con liñas intercaladas. Esta baranda serve para dar presenza a edificación, servindo de base para un pórtico elegante de tres columnas corintias. Este pórtico cuberto serve de entrada para este templo rectangular, engalanado coa aguia imperial, mentres dúas pombas brancas voan ao seu arredor.   

Plano da perspectiva para o
visionado das pirámides de Guiza


Indicacións xeográficas e orientacións
para sinalar o percorrido do belén.



 O selo da arte imperial romana vese tamén na paisaxe. Como correspondía os xardíns das vilas dos patricios, Díaz Baliño pintou altos cipreses e oliveiras escuras a maneira dos frescos de Herculano e Pompeia. Tamén aparecen representadas, en diferentes planos, grandes edificios monumentais. No telón aparecen as murallas e os palacios dos antigos reis de Xudea, mentras que fronte a ela a maqueta levantada representa tras a muralla erguida e no alto de todo, o palacio imperial dos gobernadores romanos. Querendo acentuar a evocación orientalista da obra, Díaz Baliño introduciu xunto a entrada a este palacio un obelisco exipcio. Atravesando as casas mais pequenas, a paisaxe vaise facendo mais recóndita e os pasos entre montañas, mais estreitos e retirados. A Lúa estende o seu halo no amencer da noite, iluminando un muíño. So entón se ve entre o abrigo das montañas o lugar de nacemento de Cristo. 

O artista e o seu fillo Isaac,
nun autorretrato feito
coa cámara de Camilo Díaz Baliño
A firma: unha aguia coroada,
o seu nome e o ano en
números romanos


Como fixera co belén da igrexa de Ortigueira, o artista deixara un escrito completo para armalo. Co título de Proyecto de un Belén para la Grande Obra de Atocha de La Coruña. Descripción y procedimientos, explicaba todo o proxecto e incluíu o esbozo no cal aparecían o estudos de perspectivas, cal debía ser a sua secuencia e nomes concretos para comprender a sua colocación. Neste senso mostraba un coñecemento estudado da xeografía do sitio, escribindo no esbozo o “Camiño dos Reis” ou o “Mar” (Morto), así como representando a cordilleira de Xudea.


Trátase dunha obra que, como a maior parte da produción do artista, está realizada con grande coidado, repleto de citas e inspirado no coñecemento. Nada disto impide, a sua vez, que transmita un poder de fantasía que en nada anula o obxectivo co que foi construído. Precisamente é este equilibrio o que fai destacar esta obra como unha das mais singulares de Camilo Díaz Baliño.

----------------

Texto e fotos: Iria-Friné Rivera Vázquez. Prégase respectar a autoría.

Pes de fotos:

1º. A Esfinxe xunto as pirámides dos faraóns, incluíndo a Grande Pirámide, no deserto de Giza.

2º. Detalle dos templos e palacios exipcios situados no Delta do Nilo.

3º. Detalle do xardín romano pintado, coas árbores características das vilas de Roma. A contextualización está proxectada facendo un contraste da paisaxe romana en terras orientais.

4º. Maqueta coa representación dun templo romano. O seu estilo correspóndese a etapa inicial do Principado, concretamente durante a consolidación de Augusto como imperator.

5º. Representación dos palacios dos reis xudeus (ao fondo) e os palacios dos gobernadores romanos (diante) na cidade de Xerusalén.

6º. Vista do espazo deseñado por Díaz Baliño: o fondo, as maquetas e o aspecto físico crean un todo para escenificar o nacemento.

7º. Un muíño situado camiño de Belén: as referencias empregadas polo artista percorren dende os libros de arquitectura antiga ata os cadros do século XVII holandeses, adicados a plasmar o camiño a Belén.

8º. Os escritos de Camilo para artellar a obra. 

9º. Plano da perspectiva para o visionado das pirámides de Giza.

10º. Indicacións xeográficas i orientacións para sinalar o percorrido do belén.

11º. A firma: unha aguia coroada, o seu nome e o ano en números romanos. 

12º. Retrato do artista e o seu fillo, Isaac, nun autorretrato feito coa cámara de Camilo Díaz Baliño.

Todas as fotografías son de Iria-Friné Rivera Vázquez.

 


Ningún comentario:

Publicar un comentario