Mes e medio no primeiro posto da lista de espera dos libros pendentes de lectura “obrigada” fixéronse longos… pola expectación que espertaba en min o que ía atopar neste A banda Garrote: música e músicos de Ortigueira de Xabier Garrote Cobelo, publicado por Dos Acordes.
En canto tiven tempo para adicarlle entregueime a unha maratón de lectura impropia de min, mais inevitable polo aditivo que me resultou páxina tras páxina das preto de 400 que o compoñen. Hai anos que esperaba ver este libro publicado e vindo de quen vén xa sabía que as miñas expectativas, por altas que fosen, ían quedar amplamente superadas polo resultado final.
Parto da base de que este traballo, dun xeito ou doutro, comeza a xestarse no ano 1975 co inicio do proceso de ordenación e catalogación do arquivo familiar herdado por Xabier e que se publica a finais de 2020. Creo que sobra todo comentario, aínda que nalgún momento non poderei evitalo.
Isto que escribo non pretende ser máis que un cúmulo de impresións que me produce toda a información que empezo agora a procesar e que unidade a unidade vai dando pezas de referencia para ordenar este inmenso puzle de imaxes dispersas percibidas ao longo da miña vida, inmersa irremediablemente no mundo da música desde antes de saber falar.
Xabier Garrote
Xabier Garrote foi para min a persoa que me introduciu academicamente, por dicilo así, no mundo do gaita e do folclore, dende a súa iniciativa no ano 1975 de fundar una escola de gaitas en Ortigueira, da que formei parte xunto cos meus irmáns e o meu pai.
Xabier Garrote facendo unha entrevista para o libro |
A figura do noso mestre e director sempre a vin como algo reverencial, dun respecto gañado, nunca imposto, dende a esixencia da perfección que sabía e facíanos saber que podíamos acadar os alumnos, e a camaradería de quen o fai dende a horizontalidade na relación mestre-alumno.
Puxo o listón moi alto para calquera que viñese despois a ocupar o papel de mestre na miña vida, e ata o de hoxe, que sigo e espero seguir a aprender dos demais, moi poucas persoas lograron igualalo.
Así atopo neste libro unhas primeiras referencias que me dan entendemento de como alguén pode acadar ese nivel de percepción nos demais. E atopo dúas básicas: por unha banda, o seu tio avó, o tío Paco na vertente máis altruísta do ensinante ao tempo que esixente coa materia na que educa, ofrecendo o espazo máis amigable aos nenos e maiores entre os que imparte o seu coñecemento, e por outra Andrés, o seu pai, dende a recta, incluso diría marcial postura como director dun proxecto musical, que fai que a súa soa presencia faga poñer alerta todos os sentidos do músico ao que se vai dirixir, para que en ningún momento destaque do conxunto, porque iso só podería ser para mal. O éxito individual aquí é a integración nun conxunto que logra a proxección do que entre todos ten que transmitir o grupo de músicos. As ferramentas son a cooperación, responsabilidade, unidade e a perfección técnica, e o obxectivo a través de todo isto, acadar o que Huxley definía con aquela frase… «Despois do silencio, o que máis se achega a expresar o inexpresable é a música», e que así o perciban desde o outro lado do palco.
Pois logo, o que unha xeración de rapaces dos anos 70 tivemos a fortuna de desfrutar foi a arte do ensino destilada en Xabier como sexta xeración de ensinantes que vén de pais a fillos desde Patricio (1749) e pasa por José, José María, Manuel e o seu pai Andrés (1910).
A Banda Garrote actuando en Sada, no ano 1952 |
Percíbese con claridade unha contextualización social e política na cronoloxía dos sucesos que marcan a vida da sociedade na que estes músicos, xeración tras xeración, van desenvolvendo o seu papel. Así, pódese dicir que estamos a ler un libro de historia, mais non da historia ao uso que adoitamos atopar, senón da historia non oficial, a historia que o pobo constrúe, mais que poucas veces se ve reflectida nos papeis. Unha gran oportunidade de entender como viviron os nosos devanceiros e por tanto comprender tamén o mundo no que hoxe vivimos nós, porque creo que non sabemos cara a onde imos se non sabemos de onde vimos.
Non atopo moitas citas bibliográficas, e as que atopo parécenme imprescindibles. Polo camiño desta lectura ía sorprendéndome este feito mais non hai lugar a moita sorpresa, porque este libro non é un cúmulo ou recompilación dese tipo de citas. É, entre outras cousas, o extracto de moitos testemuños individuais dende múltiples posicións que en primeira persoa nos fan chegar a información que constrúe unha realidade global. Claramente a este documento correspóndelle a honra de ser fonte bibliográfica de moitos futuros traballos. Eu mesmo sen ir máis lonxe marquei na primeira lectura 25 referencias que me incitan a desenvolver con cada unha delas a escrita de ideas que van apuntalando conceptos, uns que xa tiña previamente e vense reforzados e outros que se me abren por novas vías complementarias. Cando isto me sucede invádeme a agradable sensación de que creo que na vida non me vai dar tempo a facer todo o que teño que facer. Agradable porque constato que nunca vou aburrirme.
O mundo da gaita e dos gaiteiros
Estou na lectura atento a referencias ao mundo da gaita, inseparable da figura do autor, aínda que el manteña nesta obra a lóxica estanquidade por estar a tratar un tema cunha identidade propia da que tamén desfruta ese outro mundo que a min me interesa tanto, mais que aquí non se entrecruzan mais que na coexistencia puntual das dúas figuras da banda e do gaiteiro como centro da festa. E así aínda percibo algo das figuras de Chumín de Céltigos, do Coco de Espasante, de Gumersindo Parapar, de Freixo, de Roxelio de Leonardo Bouza… mais atopo a referencia que buscaba. A composición de Andrés, Romaxe da Escola de Gaitas, que adica á "banda do seu fillo". E atopo esa visión que eu percibín dende o palco, dunha banda de gaitas que executa unhas composicións e uns arranxos que poñen á gaita nun espazo que non ocupara antes da chegada dos Garrote a ese mundo da gaita. Obras e arranxos para darlle á gaita, dende unha agrupación en número semellante ao dunha banda de música, a capacidade da modulación da que carece como instrumento solista ou nos tipos de formación previos a esta escola. Sen entrar na abraiante daquela experimentación harmónica que tamén se explorou iniciando un camiño para outros. Sempre vin a Escola de Gaitas de Ortigueira baixo a dirección de Xabier como unha pequena sinfónica de gaitas e percusións, e confirmo no que leo esa percepción. E non fai falla moito máis que un pequeno parágrafo entre estas case 400 páxinas para ver a mensaxe. Este libro é un universo…
Carnet de músico profesional de Andrés Garrote Armada |
Andrés Garrote, pai de Xabier
Cando recordo a imaxe de Andrés á porta da tenda de Sargadelos que rexentaba en Ortigueira ou a unha certa distancia arredor da escola de gaitas nos ensaios (concretamente recordo o ensaio da peza antes mencionada da súa autoría), ou nas actuacións, revivo aquela sensación de respecto que infundía a súa presencia e paréceme comprender o que no libro se describe como unha certa tensión ou estrés dos músicos baixo a súa dirección (por outra parte imprescindible no músico para atender a obriga de ter os sentidos alerta e estar á altura do que ten que ofrecer no conxunto do que participa) que era necesaria para ao baixar do palco saír coa satisfacción do traballo ben feito. E profundando no libro nas súas fontes educativas, claro, topamos coa realidade do seu tempo. Quen tiña a formación máis exquisita e cualificada para a educación musical ao alcance dos músicos nas vilas e pequenas cidades do seu tempo eran os músicos militares. Así persoeiros da música como Arana, Oliva, Vilumbrales, Baudot e algún máis son a cerna educativa na que os Garrote das últimas xeracións se foron formando musicalmente, e como non… tamén nas máis estritas normas do comportamento social, facendo do músico unha figura que se fai respectar polo respecto que ten por si mesmo e polos demais. Esa é unha característica de Andrés que se recolle no libro, que completa a imaxe que eu tiña del e é unha desas pezas guía no puzle das miñas imaxes mentais dispersas para facer unha composición de lugar coherente e sólida.
Un suceso no primeiro Festival do Mundo Celta en 1978
Recordo agora, polo contexto, unha imaxe estando no palco na inauguración do 1º Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, no ano 1978, e aquela situación tremenda de empezar a tocar, non lembro agora se o Himno Galego ou a Alborada de Veiga, nun arranxo moi longo, moito… e nada mais rematada a introdución comezou a chover o que nunca antes nin despois choveu, e como grupo a muda intención, percibida claramente polo director foi: Saímos correndo a abrigar os traxes novos e as gaitas!.
Unha soa mirada colectiva de Xabier e unha compostura impertérrita dirixíndonos baixo a choiva deixounos claro que unha peza non se deixaba a medias, que de alí non saía ninguén ata rematar a obra. Xa sabendo o que tiñamos que facer e o inexorable da situación, tocamos os sete ou oito minutos restantes e finalmente saímos ordenadamente e con máis dignidade que o gaiteiro a soldo da catedral de Santiago. Iso é herdanza dunha saga e este libro da as claves de por que foron sempre tan respectados eles e os seus músicos.
Tamén atopo no libro pinceladas de humor espontáneo e aberto unhas, e outro fino e sutil nas figuras dos mestres Garrote, especialmente de agradecer no que respecta a esa figura de Andrés que eu vía pola vila con ese halo que describín. Vénme á memoria unha anécdota del co meu pai pero faise moi longo o meu relato. Choro de risa.
O espectro de sensacións e de frontes que abre este libro é tan amplo que tería que escribir eu un libro para expresalas e non é o caso para o que me puxen agora.
Primeira parte do detallado índice da obra sobre a Banda Garrote de Ortigueira |
Un traballo monumental feito con humildade
Mais non podo menos que dicir que o que percibín foi o traballo inesgotable de moitos anos para condensar nun pequeno espazo un legado que é un tesouro imprescindible, e de ter en conta na primeira liña dentro da nosa cultura como pobo. Mentres ía lendo era consciente de que cada hora miña de lectura era cando menos un ano de traballo do autor… Se somos conscientes disto nunca seremos quen de pagar a entrega de persoas así a unha causa altruísta como é a fixación da memoria colectiva, a responsabilidade individual asumindo a do colectivo. Sen obras así a nosa historia sería parcial, subxectiva. Sería feita a instancia de quen ten a capacidade e o poder de dicir para o futuro quen fomos e quen somos. Aquí o pobo fala por si mesmo, en primeira persoa. O Ortegal fala en nome de todas e todos, fala do que sentimos, do que sufrimos, do que desfrutamos e de como o entorno condiciona e/ou favorece todo iso.
Percibo coma sempre a humildade de quen facendo unha obra monumental aínda recoñece o pouco que somos individualmente e ofrece o seu traballo e os seus fondos arquivísticos como trampolín de saída para que outros profunden aínda máis e fagan expansivo este xeito de estar no mundo, sempre cunha visión cooperativa e colectiva.
Tampouco podo deixar de mencionar que me parece incrible que un traballo coma este non goce dun apoio institucional claro e aberto na defensa da investigación sobre fontes culturais tan valiosas, que evidentemente non teñen outro fin que o enriquecemento do acervo colectivo. Creo que a nivel cultural nada é máis merecedor deses apoios nin nada pode xustificalos máis.
Deixo aquí xa a expresión das miñas impresións, porque fáiseme expansivo e imposible transmitir o que só pode percibirse na inmersión lectora de cada un.
Este libro é unha grande oportunidade…
---------------------
Texto: Alfonso Cheda. Gaiteiro da Escola de Gaitas na etapa de Xabier Garrote (1975-1983).
Ficha técnica:
Garrote Cobelo, Xabier (2020). A banda Garrote: música e músicos en Ortigueira. Baiona (Pontevedra). Ed. Dos Acordes. 379 páxs. 30 €.
ISBN: 978-84-121573-1-
Interesante artigo e interesante historia. Noraboa a Alfonso polo artigo e grazas por achegarnos a figura de Xabier Garrote e o seu libro.
ResponderEliminar