Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta narciso. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes
Amosando publicacións ordenadas por relevancia para a consulta narciso. Ordenar por data Amosar todas as mensaxes

luns, 27 de xullo de 2020

NARCISO LUACES, UN HOME CHEO DE VIDA

Debuxo de Luís, fillo de Herminia e Narciso,
que conforma a portada do libro editado
en 2018 por Terras do Ortegal



Un 20 de xullo, ás 17:30, poderíamos pensar nunha tarde ateigada de luz e vida, mais desta vez estaba a nos agardar unha xornada vespertina onde unha nebulosidade invernal aseñorouse da fermosa paisaxe de Devesos, coma se unha raiola de luz tivera vergoña dunha intromisión extemporánea, ou un nada de medo a ferir a despedida dunha vida que sempre estivo chea, porque Narciso Luaces Pardo morreu vivo, a súa curiosidade infantil acompañouno até o derradeiro día con nós; o seu interese por coñecer, e dar coñecer todo aquilo que tivera algunha relación coa nosa historia, a máis achegada a nós e, xa que logo, a máis grande, foi o motor que sempre o mantivo vivo e expectante ó tempo que conseguiu que os seus miolos tiveran a capacidade dun rapaz que xamais deixou de ser. Os andeis da súa memoria ficaban en perfecto estado de revista, e botaba man dela cunha envexable eficacia.
En Meixido en agosto de 2018, diante do Museo,
no acto de presentación do libro «Homenaxe
a Narciso Luaces Pardo. O libro dos amigos
».
De esq a dereita: Xosé Mª Torres, Vanesa Trevín,
Xosé María López, Narciso Luaces e Emilio Castro.

Lembro unha das derradeiras andainas con Narciso, todas elas frutíferas, ás claras, polos dominios de Freires na que teimou en ensinarme a casa (o que quedaba dela) que servira de sede ó vello concello de Freires, época da nosa historia pola cal eu tiña certa curiosidade; lembro tamén a súa advertencia de que xa non estaba en condicións de se mover axeitadamente por certos lugares pois as súas pernas dis que non lle respondían; e lembro, ó fin, coma eu ía tras el, coma me custaba seguirlle o paso e coma, vareando co que tiña a man, conseguiu que as vellas pedras daquela casa agromaran receosas para, unha vez apoiado nelas, escoitar dos seus beizos outra marabillosa historia do lugar: a necesidade que tiña de sacar á luz a vida dos nosos antigos era maior que os impedimentos físicos do seu corpo que loitaban, en baleiro, co rapaz que o noso amigo levaba agochado no seu interior.

Ensinando o museo aos nenos,
unha das súas paixóns
Narciso comprendeu que a mellor maneira de lle dar vida ás súas inquedanzas polo noso pasado, o mellor xeito de facelo máis achegado, até tocalo, e o modo máis idóneo de podelo compartir, incluso de poder abrirlle ós ollos a aqueles que non deran en pensar niso, era erguendo un museo etnográfico. Así foi, tan só co seu traballo e a axuda inestimable da súa dona Herminia Covelo naceu o Museo Etnográfico de Meixido. Os que alí nos achegamos, sempre adozados pola compaña de Narciso, e un recendo de forno do fogar que Herminia tiña sempre axeitado, eramos quen de nos mergullar nos tempos idos, os nosos devanceiros saíanos a saudar en tódolos recunchos, e todos sabiamos que, entre aquelas paredes, Narciso conseguira gardar as nosas raíces, aquelas que temos que ollar, porque delas aprendemos tamén a forxar o noso futuro. 

As ansias de Narciso, grande autodidacta, por compartir o que el puidera xuntar en obxectos, contos e lendas levouno tamén a facer incursións no mundo da narrativa. «O Carreiro. Memorias do tío Santos» é un libro no que deixou escrito todo o que puido escoitar do Tío Santos, amigo do seu pai, mais imaxino ó curioso rapaz Narciso preguntándolle todo o que se lle ocorrera e poñendo a orella para non perder fío dunha historia que sabía digna de gardar. E, coma non, «Traballo, oficios e crenzas populares dos nosos antergos», onde Narciso da renda solta á súa afección e converte cada páxina nun museo da nosa vida ateigado de explicacións dun home que o viviu ou que lle contaron, que para el viña sendo o esmo pois os contos vivíaos coma se estivera mergullado neles.


Foi, coma dicíamos ó comezo, unha tarde ateigada de tristura sen límites, mais preto de nós, un pouco ó norte de onde estabamos a nos despedir do noso amigo, unha estrela alumeaba para nos sinalar un punto de gozo: o fogar onde Narciso ergueu o seu gran pequeno museo, onde agocha grandes capítulos das nosas vidas, onde podemos atopar a razón de ser o que somos e coma chegamos até aquí, ou sexa, o noso alicerce, do que precisamos para seguir en pé; esa luz ten que seguir alumeando para que Narciso non morra dúas veces, iso é o peor que lle pode acontecer a un home e, dende logo, todos temos por certo que Narciso, amigo de todos, por todos e para todos, sen excepción algunha, sen fisura algunha, non sería merecedor desa aldraxe: se o Museo Etnográfico de Meixido desaparece acontecería un segundo, e máis definitivo, xa que logo máis doloroso adeus ó noso amigo.

E unha mágoa que fiquemos nas mans das Administracións Públicas, sempre inhumanas e cheas de números sectarios, mais a esperanza, xa sabemos, é o último que se perde, e pode que esa estrela tamén consiga alumear algunha mente xestora.

-----------------

Texto: Manel Bouzamayor
Fotografías: Álvaro F. Polo e libro «Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O libro dos amigos»

martes, 19 de decembro de 2017

Homenaxe a Narciso Luaces na Devesana

.




O pasado sábado 16 de decembro tivo lugar, na edificio da antigua escola da Devesana, unha homenaxe a Narciso Luaces Pardo, promotor do Museo Etnográfico de Meixido.
O acto contou cunha nutrida asistencia de veciños e amigos do homenaxeado que enchían a planta superior do edificio inaugurado en 1912.


Foi presentado por Romina Reborido, presidente da SIR Devesana, que explicou os motivos da homenaxe, entre eles a participación do pai de Narciso entre os fundadores de Devesana, os traballos publicados por Narciso sobre a escola na revista Terras do Ortegal e por suposto a organización do Museo Etnográfico de Meixido en Freires, parroquia contigua a Devesos. 

A continuación interveu Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia, pero sobre todo devesano e amigo de Narciso; cómpre lembrar que Emilio é neto do Tío Santos, retratado na obra “O Carreiro, memorias do tío Santos”, coa que Narciso comezou a súa andaina literaria. Emilio fixo un canto, moi sentido pero rigoroso, da figura de Narciso, a quen non dubidou en calificar de intelectual, louvando a sua formación autodidacta, a súa sinxeleza humana, e citando tamén –de forma moi oportuna- a Herminia Covelo, muller de Narciso, hoxe falecida, que foi a primeira directora do Museo.

A seguinte en participar foi Vanesa Trevín, concelleira de Cultura e Patrimonio, que interveu na súa condición de arqueóloga, e que tras superar con destreza algúns problemas técnicos, fixo unha presentación máis académica, sobre a Etnografía de Galicia, desde os seus comezos con Vicente Risco ou Xaquín Lourenzo ata chegar ao museos actuais, como o de Meixido e o seu promotor. Con todo, Vanesa, entrou no terreo persoal, revelando a influencia que tivo Narciso como exemplo para que ela elixise a carreira de Historia; cabe lembrar que Vanesa naceu en Freires, na mesma parroquia do homenaxeado, aínda que tamén  ten vinculación con Devesos por parte materna. Deixou no ar varias reflexións, entre elas a proposta dunha asociación de amigos do museo de Meixido que deberá debatirse e considerarse como primeiro paso para asegurar a continuidade do Mueso
Finalmente, Romina deu paso ao propio Narciso, que fixo una intervención breve, na que quixo precisar que se ben A Devesana foi fundada como escola laica, a maioría dos seus promotores non eran -nin moito menos- ateos, e que acudían a misa regularmente, desmentindo así unha das acusacións coa que se quería destruir un proxecto de innovación docente como foi a Devesana, e perseguir aos seus promotores na época negra da Guerra Civil.
O acto finalizou coa entrega por parte  de dous directivos da Devesana duns  agasallos a Narciso: primeiro unha placa de recordo por parte de Yolanda Sanjurjo, mentras que Emilio Soto lle entregou un agasallo moi significativo: unha pluma estilográfica, para que seguira escribindo e amosando o seu maxisterio.

As intervención foron seguidas con atención polo público, entre o que se atopaba, ademáis Luis, fillo de Narciso, numerosos veciños de Devesos e parroquias cercanas e en xeral de toda zona; entre eles, a Juan P. Muras, alcalde de Ortigueira –veciño de Devesos- e outros membros da corporación, como o exalcalde Rafael Girón e Juan Cao; tamén o Cronista Oficial de Ortigueira, Carlos Breixo, o director do Museo Etnográfico Monte Caxado, Xosé María López Ferro, ou a escritora Luli Dopico; tamén Carlos Caramés,  luthier e director da Coral Polifónica Ortegana, a exconcelleira de Cultura Mari Cruz Sabio, Enma Sandá, exdirectora da fundación Ortegalia e colaboradora de Narciso no catálogo do Museo de Meixido que está a piques de entrar en imprenta, ou Manel Bouzamayor, vicepresidente da asociación Terras do Ortegal.
A continuación, e baixo o son do grupo de gaitas que amenizaron o acto, procedeuse ao descubrimento dunha placa conmemorativa cos nomes dos promotores da SIR A Devesana.


Cuns pinchos ofrecidos pola entidade organizadora finalizou o acto nunha fría tarde de outono, que foi superada co cálido ambiente que había no interior do fermoso edificio da Devesana.

sábado, 29 de outubro de 2022

Ortigueira acolle con agarimo a reedición de «O carreiro. Memorias do Tío Santos» de Narciso Luaces Pardo

 

De esq. a dereita: Felipe Senén López, Luis Luaces,
Emilio Castro e Xosé Mª Torres (no atril)



O pasado 28 de outubro de 2022, venres, tivo lugar no Teatro de Beneficencia de Ortigueira a presentación da nova edición do primeiro libro de Narciso Luaces Pardo, creador e impulsor do Museo Etnográfico de Meixido (Freires).

A anterior edición do libro —esgotada desde hai anos— fora publicada por Galaxia no ano 2000, e reimprimida en 2002; agora, a mesma editorial reedítaa na súa colección Literaria, cambiando a portada e cun formato de maior tamaño, pero moi manexable. 

A iniciativa partiu de Luis, fillo de Narciso quen, como declarou na presentación, propuxo a Galaxia a reedición pola frecuencia coa que a xente lle preguntaba onde podería adquirir algún exemplar deste fermoso libro.

No acto do Teatro participaron Emilio Castro, Felipe Senén López e Luis Luaces, amais do vicepresidente de Terras do Ortegal, Xosé María Torres, quen fixo unha intervención breve para encetar o evento, e na que explicou que este tiña unha especial relevancia para a asociación xa que Narciso fora un dos seus membros máis destacados —publicando varios artigos na revista anual— e polo agarimo que se lle tiña dado seu labor cultural, lembrando o seu falecemento hai dous anos, en xullo de 2020.

Deu paso ao verdadeiro mantedor do acto, Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia, socio así mesmo de Terras do Ortegal e, dende hai pouco tempo, presidente da sociedade de instrución e recreo A Devesana. Emilio, por certo, neto de Santos Castro, o Tío Santos evocado no relato, describiu o valor da obra, unha narración biográfica do que fora un carpinteiro especializado na construción de carros do país, pero que tamén tivera outros oficios como obreiro na construción da ponte do Barqueiro, pois o Tío Santos viviu no último terzo do séc. XIX ata a metade do séc. XX, un período de grandes transformacións sociais na bisbarra.

Libro homenaxe a Narciso,
editado en 2018
por Terras do Ortegal

Louvou a riqueza lingüística que atesoura o texto, espello do mundo rural que coñecía de primeira man, como non podía ser doutra maneira, Narciso, o seu autor. Emilio, que xa coordinara en 2018 o libro Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra, editado por Terras do Ortegal e que o propio Narciso puido disfrutar en vida, relatou a importancia que lle daba o biografado aos libros e á educación, e tamén ao progreso social, algo cortado de raíz pola sublevación militar, e posterior ditadura, do xeneral Franco. 

Rematou a súa intervención apelando a quen corresponda a conservar a colección etnográfica que con tanto amor e dedicación xuntaron Narciso e Herminia Cobelo no seu propio casal de Meixido; unha colección formada por 4.000 pezas, como testemuña o Catálogo do Museo recentemente editado.

Catálogo do Museo de Meixido, editado
neste mesmo ano de 2022
pola Deputación da Coruña

Se a fluidez oratoria é unha das virtudes que adorna ao mantedor do acto, non menor é a elocuencia que distingue a Felipe Senén López, arqueólogo, exdirector do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña, e promotor de moi diversas iniciativas culturais en Galicia ao longo da súa vida. Felipe Senén fixo un canto ao labor desempeñado por Narciso recollendo pezas que describen ese mundo rural que está a piques de perderse.


O investigador gabou a riqueza cultural que cada instrumento evoca, signo dunha Galicia que se vai:«Somos a última xeración que coñeceu o cultivo da terra, o uso dos muíños, os magostos, as tradicións...». Apelou a conservar estas últimas, como a da Santa Compaña, signo dunha riqueza de identidade moi presente, por exemplo, neste tempo de Defuntos, que con tanta forza se vive no noso país, ocasión que aproveitou para rexeitar tradicións alleas como a do Halloween, importada pola televisión e os filmes estadounidenses. Rematou a súa intervención lembrando a súa relación con Ortigueira, onde tan a gusto se sente, o propio Teatro de Beneficencia, marabilla arquitectónica que instou a conservar, e lembrou o seu vencello con persoas de aquí como o propio Narciso e o seu Museo, ou co farmacéutico Alfredo Torres Pajón, con quen o unía unha estreita relación tras a publicación do libro «Las ortigas. Una revisión interesada»editado por edicións O Paporroibo en 1994 e para o que fixo un fermoso prólogo.


A última das intervencións, xa máis breve, correu a cargo de
Xosé Mª López Ferro fai entrega a Narciso
dun obsequio o día da presentación
do libro-homenaxe en Meixido
(agosto de 2018)
Luis Luaces, quen lembrou como el fora testemuña das conversas entre seu pai e a súa avoa —amais de madriña— rememorando a vida e vivencias do Tío Santos, e lembrando a amizade que unía ás dúas familias, amizade que segue a conservarse hoxe en día entre Emilio, neto do Tío Santos, e el mesmo.

O acto contou coa presenza no público do concelleiro de Cultura de Ortigueira, Juan Cao, e dalgún outro membro da corporación municipal, do director do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes, Xosé María López Ferro, bo amigo de Narciso e Herminia, e que anunciou que o libro será presentado dentro de poucas semanas nas Pontes nas instalacións do seu Museo. Estiveron tamén presentes membros da directiva da asociación Nordés, e outros amigos e coñecedores da obra de Narciso chegados de Cariño, Cedeira e outros puntos do Ortegal. O acto finalizou coa sinatura e dedicatoria, por parte de Luis Luaces, de exemplares do libro a algunhas das persoas asistentes.

Por parte da asociación Terras do Ortegal non resta máis que agradecer ao equipo técnico do departamento de Cultura do concello, a axuda e colaboración na organización do evento.

Con esta actividade entrañable deron comezo as previstas pola asociación para o presente curso e que seguirán desenvolvéndose nos vindeiros meses, entre as que destacan, no mes de novembro, a presentación dun novo libro da colección Guías da que se informará proximamente.


----------------------


Texto: Xosé María Torres.

Fotos: Marta Fraga, técnica do dpto. de Cultura do Concello de Ortigueira e equipo de Terras do Ortegal.





sábado, 8 de setembro de 2018

Presentación do libro: "NARCISO LUACES PARDO. O infatigable compromiso coa terra"






O libro dos amigos, como así se chama, foi presentado o sábado 11 de agosto en Freires, cando se cumpría o XIX aniversario da inauguración do museo etnográfico de Meixido, que con tanta paciencia e cariño foron levantando Narciso e a súa dona Herminia, que en paz descanse.

Nunha agradable tarde agosteña déronse cita ao pé da entrañable casa de Narciso —chegado de Viveiro para a ocasión— un nutrido grupo de familiares, veciños e amigos, convocados pola S.I.R. La Devesana e por Terras do Ortegal, nun acto no que quixeron amosarlle a Narciso a súa admiración polo traballo realizado ao longo de tantos anos.


Logo da visita guiada, percorrendo as estancias nas que se gardan os tesouros de outrora da nosa terra galega, deuse paso a presentación do libro, editado pola asociación Terras do Ortegal, que consta de 128 páxinas. Na portada vemos unha ilustración de Luís Luaces Covelo, fillo de Narciso, as fotografías do interior son de Enma Sandá e Antonio Bello, a coordinación editorial estivo a cargo de Emilio Castro Fustes.


Presenta artigos de diversos autores, entre eles Vicente Peña Saavedra (licenciado en Ciencias da Educación, e promotor do MUPEGA), escribe sobre «Verbas amigas de veciñanza para termar do legado patrimonial do museo etnográfico», Emilio Castro Fustes (mestre e licenciado en Pedagoxía), logo dun limiar cunha entrañable crónica dunha velada que da paso ao libro dos amigos, fala de: «Narciso, coñecemento e intelixencia ao servizo da cultura popular. 

Carlos Breixo, Cronista de Ortigueira, abrangue a figura do homenaxeado, considerando a Narciso: «Un home do seu tempo»; 
César Martínez Yáñez, mestre vencellado aos movementos de renovación pedagóxica e normalización lingüística, titula o seu artigo: «Do medieval ao dixital». 
Bernardo Penabade (profesor no IES de Burela e licenciado en Filoloxía Galego Portuguesa) achéganos «A obra escrita de Narciso». 
Xosé María López Ferro, mestre e Director da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado (As Pontes de García Rodríguez), da conta na súa achega do que significa para todos Narciso como persoa.
Pecha o exemplar a relación completa da obra bibliográfica de Narciso-


O libro é unha homenaxe máis que o pobo de Ortigueira desexa tributar a tan egrexio fillo. 






Ao remate do acto, os presentes degustaron saborosas viandas regadas con bo viño galego, recibindo Narciso as felicitacións de todos e regresando de novo a Viveiro, onde reside actualmente.
------------

Texto: Obdulia Dopico
Fotos: Álvaro F. Polo

Publicado no Heraldo de Vivero, nº 4.125, do 17.08.2018 e en La Voz de Ortigueira, nº 5.330, de 31.08.18


mércores, 1 de marzo de 2023

Presentación de "O carreiro", de Narciso Luaces, na SIR La Devesana

 


Terras do Ortegal ven de realizar a última homenaxe ó inesquecible Narciso Luaces, mais non a derradeira pois o inxente traballo deste home a prol de recuperar, gardar e compartir con todos os que quixeran acudir a el a nosa memoria histórica está reflectido nunha morea de libros, artigos, faladoiros e, coma non, no propio Museo Etnográfico de Meixido, peza visible e tanxible do seu traballo que implica que o seu estudo polo miúdo dea lugar a moitos máis recoñecementos.

Nesta quenda lembramos a Narciso pola reedición da súa publicación O carreiro. Memorias so Tío Santos despois de facelo tamén nas pasadas semanas en Ortigueira, As Pontes e Mañón. Nela temos un resumo inigualable dunha época por el vivida ó través das pegadas que os contos do Tío Santos, amigo da súa familia, deixaba nun neno coma Narciso, cos ollos ben abertos e cunha curiosidade abraiante e receptiva a todo o que vía e escoitaba, un neno que xa daquela ventaba que o pasado é o alicerce do que agora somos, ou coma dicía Ortega: estamos feitos de Historia. Nesta ocasión, amais, o libro presentouse nun lugar ben relacionado coa publicación pois o seu autor, Narciso sempre levaba presente este lugar, a Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana, e da cal amais o protagonista, o Tío Santos, chegou a ser un dos socios fundadores.

E na mesa tamén uns participantes de luxo coma é o caso do propio fillo de Narciso, Luis Luaces, alma vivinte e protectora do legado do seu pai, e sabedor de que Narciso segue entre nós, que o único xeito dun adeus definitivo é a perda do tesouro que foi amoreando ó longo da súa vida, e Emilio Castro, presidente da sociedade acolledora do evento e tamén dalgún xeito protagonista do libro pois polas súa veas corre o sangue do protagonista por ser neto do mesmo Tío Santos.



Luis Luaces, amais de agradecer a aqueles que fixeron que esta nova edición saíra do prelo, non dubidou en afirmar que o libro axuda tanto coma o museo de Meixido a manter os recordos de todo aquilo que seu pai foi amoreando nos seus últimos anos. Emilio Castro, na súa intervención, votou man da súa profesión de mestre e pedagogo para facer unha análise do libro e nos dicir que nel temos un resumo exemplar de todos os temas que se poidan tocar coma é o relacionado coa emigración, os mestres, as familias, os oficios varios, a nosa historia, as feiras, a Santa Compaña, os léxicos xa desaparecidos e esquecidos, e ata o submarino que visitou O Barqueiro durante a Segunda Guerra Mundial; non dubidou en afirmar que Narciso atopou na figura do seu avó Santos, labrego, carreiro e construtor, un home que lle deu moito xogo para tocar todos estes temas que rebulían na súa prodixiosa mente.

Narciso, que sabía de moitas cousas, tamén era sabedor da fraxilidade da nosa memoria, por iso non dubidou en deixarnos moitos escritos e moitas reflexións que no caso do noso amigo, verdadeiro e inesquecible amigo é aínda máis de agradecer polo esforzo que supuxo ó vir dun home autodidacta. E neste libro O carreiro. Memorias do tío Santos fala diso cando no seu limiar di, ás claras, que «soamente pretendo narrar feitos que aconteceron ó longo da vida dun home que viviu entre os anos 1870 e 1951, sendo consciente de que dentro de poucos anos ninguén os poderá contar».

Desde Terras do Ortegal agardamos que estas homenaxes a Narciso, necesarias e sempre insuficientes, poidan servir para espertar a conciencia daqueles que teñen nas súas mans a continuidade da xoia que representa o traballo de Narciso; estamos a falar de xente que sabemos se move tan só polos réditos a corto prazo, mais teñen que saber que non loitar para que o noso pasado permaneza é perder a nosa esencia da que eles, queiran ou non, tamén forman parte. Se se pon o peche a un edificio pódese facer outro, incluso á súa imaxe e semellanza, mais a nosa historia non se pode pechar, nin tan só ignorar, pois é varrernos do mapa xa que a historia é única e non se pode repetir, nin os réditos acadados sairían a relucir.

----------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: SIR La Devesana


xoves, 19 de xuño de 2025

Carlos Breixo, 10 anos de Cronista Oficial de Ortigueira





 O 4 de abril de 2015 o historiador Carlos Breixo Rodriguez tomaba posesión do cargo de Cronista Oficial do Moi Nobre Concello de Ortigueira.

O expediente iniciárase o 27 de febreiro dese ano por unha providencia da alcaldía, desempeñada por Rafael Girón Martínez (alcalde entre 2007 e 2015), en aplicación do Regulamento de Honras e Distincións vixente do concello.

Como resultado da proposta, o nomeamento fora acordado, por unanimidade, polo pleno da corporación ortigueiresa en sesión celebrada o 11 de marzo de 2015, que aprobaba o ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do concello no que propoñían designar a Xosé Carlos Breixo Rodríguez para tal posto en base aos seus méritos. Nese acordo indicábase que “deberá aceptar expresamente, ante a Alcaldía, nun acto público e nun prazo máximo de 15 días o devandito nomeamento, do que levantará a correspondente acta…”

Carlos Breixo con Rafael Girón,
no despacho da Alcaldia
asinando a aceptación do posto


Finalmente, o 4 de abril de 2015, sábado, ás 12.00 h asina no despacho da alcaldía a acta na que acepta o nomeamento, e pouco despois celebrábase no teatro de Beneficencia, o que foi designado como “Acto oficial de entrega do nomeamento de Cronista Oficial do concello de Ortigueira a Xosé Carlos Breixo Rodríguez”.



O acto contou, como é habitual nestes eventos protocolarios, coa participación dun encargado de louvar os méritos, neste caso do profesor Vicente Peña Saavedra, amigo persoal do novo Cronista, e natural como él da parroquia de San Claudio. O profesor Peña leu con brillante elocuencia unha extensa laudatio salientando detalles persoais do homenaxeado, así como os traballos que o novo Cronista publicara. Na súa resposta, Carlos Breixo describiu as características do posto de Cronista Oficial, lembrando aos seus predecesores no cargo, Federico Maciñeira e Pardo de Lama, Julio Dávila Díaz e Laureano Álvarez Martínez.

Carlos Breixo lucindo xa a medalla de Cronista Oficial,
entre o profesor Vicente Peña e o alcalde Rafael Girón,
no acto celebrado no teatro de Beneficencia

Entre o público que ateigaba a sala estaban os cronistas oficiais de Cedeira, Rafael Usero, e o de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, así como outras persoas destacadas da cultura de Ortigueira como Narciso Luaces Pardo, fundador —coa súa muller Herminia Covelo— do Mueso Etnográfico de Meixido.

Características do posto de Cronista

O posto de Cronista Oficial presenta, entre outras, varias características:

- Será desempeñado a título gratuito, isto é,  o designado non recibe remuneracion algunha do Concello.

- Conleva a obriga de emitir os informes que se lle requiran desde o Concello en relación coa Cultura, Patrimonio e a Historia do noso territorio.

Conleva, asimismo, a obriga de tomar nota dos acontecementos culturais que se desenvolvan ao longo do tempo na zona para elaborar, se procede, unha memoria desas actividades.

O Cronista Oficial ten á sua disposicion un despacho habilitado nos locais da Biblioteca e Arquivo Municipal de Ortigueira.

Traballos publicados

Cumpridos 10 anos desde aquelas datas,  Carlos Breixo segue contribuíndo ao coñecemento e estudo da Cultura e Patrimonio do concello, participando en charlas e conferencias relativas a diferentes ámbitos temáticos, e publicando traballos en revistas. Neste caso, cabe citar a súa participación na revista Terras do Ortegal, onde ten publicado varios traballos que reseñamos:

-       Nº 1 (2014): “Don Federico Maciñeira e don Julio Dávila. Unha relación de amizade exemplar”. Páxs. 115- 158.

-       Nº 3 (2016): “A xénese da vila de Santa Marta de Ortigueira e outros asuntos”. Páxs. 163-204.

-       Nº 5 (2018): “Orixes da asistencia hospitalaria en Ortigueira. Peregrinos a San Andrés e Compostela”. Páxs. 51-78.

-       Nº 7 (2020): “A presenza do apelido Rebollar nas terras de Ortigueira”. Páxs. 187-217.

Tamén colaborou no libro “Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra”, publicado por Terras do Ortegal en 2018 co capítulo titulado “Narciso Luaces Pardo, o home do seu tempo” (páxs. 53-89).

Ademáis diso ten participado en varios actos promovidos por Terras do Ortegal (como os de reivindación do paso do Camiño de Santiago polas nosas terras), así como en varios de presentación de diversos números da nosa revista en diferentes concellos da bisbarra.

Carlos Breixo co pergamiño de nomeamento,
entre o notario Federico Maciñeira Teijeiro
e Rafael Usero, Cronista Oficial de Cedeira 

Por outro lado ten colaborado na revista Hume, de As Pontes, da que é o colaborador máis asiduo, con traballos sobre a historia desa localidade, pero nos que as referencias a Ortigueira e o Ortegal son constantes.

Como exemplo, referenciamos os trabalhos incluídos nas últimas dúas revistas:

  • Revista Hume 17 (2025), en prensa:

"O partido xudicial de Santa Marta de Ortigueira e o concello das Pontes. Unha selección de apuntamentos históricos variados".

 

  • Revista Hume 16 (2024):

"Documentando o Camiño Francés ao seu paso polos lugares de Cheiván e San Antonio da Pena Eiriz, pertencentes á parroquia de Santa María de Vilavella, na antiga xurisdición da Vila das Pontes de García Rodríguez, e a súa relación coa Graña de Goente, e coa de San Miguel de Mera en San Xoán de Ínsua".


Os restantes traballos de Breixo en Hume, Cátedra e Estudios Mindonienses, 16 en total, poden consultarse aquí.

 

Web do concello de Ortigueira

Na web do concello de Ortigueira, no apartado “A Nosa Historia” hai unha sección titulada “Cronista Oficial”, na que se enumeran algúns traballos, aos que se pode acceder de forma completa.


Por último, felicitamos a Carlos por este décimo aniversario do seu nomeamento como Cronista Oficial de Ortigueira, animándoo a seguir traballando pola Cultura, o Patrimonio e a Historia da nosa comarca.


---------------------