![]() |
De esq. a dereita: Felipe Senén López, Luis Luaces, Emilio Castro e Xosé Mª Torres (no atril) |
O pasado 28 de outubro de 2022, venres, tivo lugar no Teatro de Beneficencia de Ortigueira a presentación da nova edición do primeiro libro de Narciso Luaces Pardo, creador e impulsor do Museo Etnográfico de Meixido (Freires).
A anterior edición do libro —esgotada desde hai anos— fora publicada por Galaxia no ano 2000, e reimprimida en 2002; agora, a mesma editorial reedítaa na súa colección Literaria, cambiando a portada e cun formato de maior tamaño, pero moi manexable.
A iniciativa partiu de Luis, fillo de Narciso quen, como declarou na presentación, propuxo a Galaxia a reedición pola frecuencia coa que a xente lle preguntaba onde podería adquirir algún exemplar deste fermoso libro.
No acto do Teatro participaron Emilio Castro, Felipe Senén López e Luis Luaces, amais do vicepresidente de Terras do Ortegal, Xosé María Torres, quen fixo unha intervención breve para encetar o evento, e na que explicou que este tiña unha especial relevancia para a asociación xa que Narciso fora un dos seus membros máis destacados —publicando varios artigos na revista anual— e polo agarimo que se lle tiña dado seu labor cultural, lembrando o seu falecemento hai dous anos, en xullo de 2020.
Deu paso ao verdadeiro mantedor do acto, Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia, socio así mesmo de Terras do Ortegal e, dende hai pouco tempo, presidente da sociedade de instrución e recreo A Devesana. Emilio, por certo, neto de Santos Castro, o Tío Santos evocado no relato, describiu o valor da obra, unha narración biográfica do que fora un carpinteiro especializado na construción de carros do país, pero que tamén tivera outros oficios como obreiro na construción da ponte do Barqueiro, pois o Tío Santos viviu no último terzo do séc. XIX ata a metade do séc. XX, un período de grandes transformacións sociais na bisbarra.
![]() |
Libro homenaxe a Narciso, editado en 2018 por Terras do Ortegal |
Rematou a súa intervención apelando a quen corresponda a conservar a colección etnográfica que con tanto amor e dedicación xuntaron Narciso e Herminia Cobelo no seu propio casal de Meixido; unha colección formada por 4.000 pezas, como testemuña o Catálogo do Museo recentemente editado.
![]() |
Catálogo do Museo de Meixido, editado neste mesmo ano de 2022 pola Deputación da Coruña |
O investigador gabou a riqueza cultural que cada instrumento evoca, signo dunha Galicia que se vai:«Somos a última xeración que coñeceu o cultivo da terra, o uso dos muíños, os magostos, as tradicións...». Apelou a conservar estas últimas, como a da Santa Compaña, signo dunha riqueza de identidade moi presente, por exemplo, neste tempo de Defuntos, que con tanta forza se vive no noso país, ocasión que aproveitou para rexeitar tradicións alleas como a do Halloween, importada pola televisión e os filmes estadounidenses. Rematou a súa intervención lembrando a súa relación con Ortigueira, onde tan a gusto se sente, o propio Teatro de Beneficencia, marabilla arquitectónica que instou a conservar, e lembrou o seu vencello con persoas de aquí como o propio Narciso e o seu Museo, ou co farmacéutico Alfredo Torres Pajón, con quen o unía unha estreita relación tras a publicación do libro «Las ortigas. Una revisión interesada»editado por edicións O Paporroibo en 1994 e para o que fixo un fermoso prólogo.
![]() |
Xosé Mª López Ferro fai entrega a Narciso dun obsequio o día da presentación do libro-homenaxe en Meixido (agosto de 2018) |
O acto contou coa presenza no público do concelleiro de Cultura de Ortigueira, Juan Cao, e dalgún outro membro da corporación municipal, do director do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes, Xosé María López Ferro, bo amigo de Narciso e Herminia, e que anunciou que o libro será presentado dentro de poucas semanas nas Pontes nas instalacións do seu Museo. Estiveron tamén presentes membros da directiva da asociación Nordés, e outros amigos e coñecedores da obra de Narciso chegados de Cariño, Cedeira e outros puntos do Ortegal. O acto finalizou coa sinatura e dedicatoria, por parte de Luis Luaces, de exemplares do libro a algunhas das persoas asistentes.
Por parte da asociación Terras do Ortegal non resta máis que agradecer ao equipo técnico do departamento de Cultura do concello, a axuda e colaboración na organización do evento.
Con esta actividade entrañable deron comezo as previstas pola asociación para o presente curso e que seguirán desenvolvéndose nos vindeiros meses, entre as que destacan, no mes de novembro, a presentación dun novo libro da colección Guías da que se informará proximamente.
----------------------
Texto: Xosé María Torres.
Fotos: Marta Fraga, técnica do dpto. de Cultura do Concello de Ortigueira e equipo de Terras do Ortegal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario