mércores, 7 de abril de 2021

A rúa do Príncipe de Ortigueira... a que príncipe se refire?

Alfonso XII en 1865, cando se lle
puxo o nome de Príncipe
á rúa de Ortigueira

A rúa do Príncipe do Ortigueira é unha das máis características de Ortigueira, entre outras cousas porque é a que conduce ao Cemiterio Municipal situado na punta de Requeixo. 
 A rúa sae da praza de Isabel II, tamén chamada do Concello ou da Igrexa, pois ambas institucións se sitúan nela, e incluso praza do Mercado, pois nela tiña lugar o mercado semanal de xoves e domingos ata os anos 70 de pasado século XX, do que queda o esbelto tinglado de columnas, con deseño modernista, recentemente restaurado en 2020.

A rúa do Principe foi, durante o século XIX, unha das 3 máis importantes do casco vello da localidade; recibía daquela o nome de rúa do Medio (había tamén a de Abaixo e a de Arriba) ou do Comercio, pois nela se situaban os establecementos comerciais da vila, ubicados en baixos con soportais, como nos ten lembrado Manel Bouzamayor na súa serie "Ortigueira en el siglo XIX" (*). Nun principio a rúa chegaba ata a antigua casa Rectoral do Ponto, se ben hoxe considérase que a rúa chega ata o cemiterio.

Unha dúbida que teñen moitos ortigueireses é: a que príncipe se refire a nome da rúa?

Para dilucidalo, imos facer a pescuda en dúas partes:

Alfonso XII de mozo

1. Desde cando ten o nome de rúa do Príncipe?

Para sabelo, recorremos aos datos que temos dos nacementos dos fillos de Florentino Castiñeiras Cao, o fundador da tradicion musical de Ortigueira a mediados do século XIX. Casada con Petra Villarnovo, o matrimonio tivo máis de 10 fillos, o primeiro dos cales foi Pedro, que máis tarde sería farmacéutico e artista destacado (*). Pois ben, Pedro naceu en 1851 na rúa do Medio, o mesmo que varios dos seus irmaos ata 1863 en que naceu Victor; pero cando nace Benigno, en 1866, o nome da rúa xa cambiara ao de Príncipe.

Pero xa uns meses antes, cando nace María Jesús Díaz Teijeiro, tía de Camilo Díaz Baliño e tía-avóa, por tanto, de Isaac Díaz Pardo, en outubro de 1865, a rúa se denomina "do Príncipe". Polo tanto, estimamos que o cambio debeu producirse a principios ou mediados de 1865.

Unha das razóns do cambio foi a orde do Goberno Central de 1859 de colocar róitulos cos nomes en todas as poboacións do reino. A iso seguiu, en 1860, a decisión de concello de titular con nomes de maior prestancia ás rúas, abandonando os nomes tradicionais

2. A que príncipe se refire?

Esta dúbida ten máis fácil solución. Sen pensalo moito, calquer ortigueirés pode pensar que se trataría de Alfonso XII ou Alfonso XIII, pero vendo os anos dos que estamos falando, todo nos conduce a Alfonso XII. Vexamos algún dato del:

Alfonso Francisco de Asís Fernando Pío Juan María de la Concepción Gregorio Pelayo de Borbón e Borbón naceu en Madrid o 28 de novembro de 1857; era fillo da raíña Isabel de Borbón, Isabel II (ver outra entrada no noso blog: Que lle debe Ortigueira a Isabel II?que se ben estaba casada con Francisco de Asís de Borbón (curmá da propia raíña) e era o rei consorte, non foi o pai biolóxico do príncipe. En efecto, está recoñecido que o pai verdadeiro foi o 

Caricatura cos diferentes periodos
do Sexenio Democrático

capitán de enxeñeiros Enrique Puigmoltó, un aristócrata, que foi un dos numerosos amantes que tivo a raíña (unha tradición borbónica, á que despois se dedicaron con amplitude Alfonso XII, Alfonso XIII e o actual "rei emérito" Juan Carlos I).

A vida do futuro Alfonso XII foi convulsa: en 1868 ten lugar a Revolución Gloriosa, coa derrota das tropas isabelinas na batalla de Alcolea, debido á que a familia real foxe a Francia, e hai unha sucesión de acontecementos vibrantes durante os 6 anos do chamado Sexenio Democrático:


  1. Goberno Provisional (1868-1871)
  2. Nomeamento de Amadeo I de Savoia (1871-1873) como rei de España.
  3. Primeira República (1873-1874), que remata cun pronunciamento militar pro-monarquía.
  4. Restauración da monarquía na persoa do rei Alfonso XII.

Este último retorna a España en xaneiro de 1875. Tería un reinado curto, pois en novembro de 1885 morre de tuberculose, a escasos días de cumprir os 28 anos.

Cando se lle da (sen saber o motivo) a nova designación da rúa en 1865, o futuro Alfonso XII tiña 9 anos; tras iso, non sabemos se o concello ortigueirés suprimiría o nome en 1868 ou en 1873, durante o periodo revolucionario e republicano, e se sería restaurado en 1875. En todo caso, o nome de  rúa do Príncipe foi o que chegou a nós nesta altura do século XXI.

Finalmente, aclarar, como saberán moitos, que en realidade Alfonso XIII, fillo póstumo de Alfonso XII, naceu xa rei, polo que nunca foi principe, nin por tanto se lle puido dedicar a él a nosa rúa.


Bibliografía

(*) Publicada inicialmente en La Voz de Ortigueira e despois en La Prensa Ortegana, o semanario que el mesmo editou durante 3 anos, entre 2016 e 2018.

- Torres Bouza, Xosé María. "Pedro Castiñeiras Villarnovo (1851-1927), farmacéutico músico e artista". Inédito


Ningún comentario:

Publicar un comentario