xoves, 8 de abril de 2021

Prietas las filas: Os batallóns escolares en Ortigueira

Batallón infantil en Tui arroupando

ao arcebispo de Santiago con armas

e instrumentos musicais.




Malia o clima de crispación política e social no que estamos vivindo, e que teñen a escola tamén coma lugar de habituais enfrontamentos, de momento, a ningún dos nosos políticos e nomeadamente aos dese novo nacional populismo rampante se lles ocorreu resucitar aqueles antigos batallóns escolares, aos que imos dedicar unhas liñas. 

Os primeiros batallóns escolares xurdiron na Europa do século XIX (Francia regularizounos en 1882) respondendo ao interese da clase burguesa por disciplinar e domesticar aos fillos da emerxente clase obreira, ademais de ser un tempo no que se comezaba a aceptar as bondades da actividade física na educación dos infantes.

En España unha das primeiras experiencias púxoa en marcha o pai Andrés Manjón nas súas Escolas do Ave María en Granada (1888). Uniformou ao seu alumnado (xitanos, pobres e analfabetos), e aplicou un réxime castrense, mesmo dotándoos de réplicas en madeira das armas do Exército. Esta foi a liña de implantación dos primeiros batallóns españois, con nenos dos hospicios e de escolas públicas municipais. 

Batallón escolar nunha escola francesa
(1882-1900)

Porén, tivo tamén moitos detractores. A Institución Libre de Enseñanza (ILE) foi a máis firme nas súas críticas. Un dos seus seguidores, o coruñés Eduardo Vincenti, sendo director de Instrución Pública, prohibiu en 1894, a través dunha Circular, a participación dos mestres nestes proxectos “por temor a que esperte nos nenos un instinto belicoso”i

Sen embargo os ditadores militares foron moi proclives a fomentar e impor estas prácticas. Así Miguel Primo de Rivera (1924-1931) creou o Servizo Nacional de Educación Física, Cidadana e Premilitar co obxectivo de institucionalizar un sistema de educación física de adoutrinamento patriótico. A militarización dos escolares na España franquista foi un feito habitual que contou coa complicidade da xerarquía católica. Tratábase de formar dende a escola primaria a unha nova xeración da cruz e da espada que se identificara cos valores do novo Estado e seguise as pautas da nova ideoloxía nacionalcatolicista. Desfiles, saúdos, marchas e paradas militares mesmo con armas as máis das veces feitas de madeira por veciños habelenciosos son algúns dos aspectos que me traslada un veciño e amigo lembrando os seus anos de escola na súa aldea de Devesos:

  • —“ 
    La Voz de Ortigueira, 30.01.1937
    O que era escola, escola, poñía pouca. Entre as visitas daquel cura falangueiro, que adornaba a súa pequena figura cunha sotana na que sobresaía unha incontábel ringleira de botóns e un descolorido chapeu, e os continuos desfiles militares, que con mosquetóns de madeira feitos por un veciño carpinteiro, que mesmo parecían de verdade, botábamos a meirande parte do tempo
    ”.

Outra referencia destes batallóns infantís atopámola nesta ocasión no libro “Galicia: o oficio de vivir. Nenosii de Gonzalo Allegue, onde vemos un completísimo batallón infantil fotografado despois de facerlle unha parada militar de benvida ao arcebispo de Santiago de Compostela na súa visita á catedral de Tui

E por último para afondar máis nesa comuñón igrexa-escola-patria, reprodúcese unha crónica da festa patronal da parroquia devesana. Na páxina 3, o xornalista describe o fervor patriótico e relixioso daquela rapazada:

  • ..”A los acordes de la afinada banda «Lira Ortegana» y precedidos de la enseña de la Patria, aparecen, en correcta formación, los apuestos «CAMISAS AZULES*, escuadras de la Falange y «FLECHAS» que al mando de su Jefe local (el culto maestro nacional D. Salvador Díaz Manso) ocupan en perfecta línea la nave central, subiendo un piquete las gradas del altar para hacer guardia de honor al Señor de los Ejércitosiii.

Como epílogo do texto, o redactor pregúntase con certa ironía, se esta nova infancia- limpa, correcta e disciplinada- será a mesma que aqueloutra rebelde e agreste en cuxos corazóns depositaran os seus mestres o xermolo do rancor nun ambiente social infecto (sic), en clara referencia ao alumnado da escola laica La Devesana



Cara al Sol...

En sintonía co réxime dominante no país , a disciplina militar foi  ben vista por moitos profesores de educación física, rescatados do Exército,  que exerceron ata ben avanzados os anos sesenta do século pasado. Se quitamos as arañeiras dos nosos ollos aínda podemos lembrar con claridade as salas de ximnasia dos nos nosos institutos. mosaicos imaxinarios inzados dun aire espartano onde resoaba con aire marcial a voz do profesor:  “dereita, esquerda, media volta, aliñaaaaarse!!! ”.


  1. i El Correo Militar, Madrid, 13 de setembro de 1894.
  2. iiGalicia: o oficio de vivir. Nenos. Editorial Nigra Imaxe. Vigo. 1997.
  3. iiiLa Voz de Ortigueira. Nº 1080. Año XXII, 30 de xaneiro de 1937.

-------------------

Texto: Emilio Castro Fustes, mestre.




Ningún comentario:

Publicar un comentario