Ortigueira uns anos despois dos feitos. Vista do pintor Ricardo Balaca (4.09.1868) Aínda segue en pe a vella igrexa do Ponto |
Como ben sabía Cervantes, unha liña lixeira, case invisible, separa o heroico do ridículo. Hai 175 anos Manuel Fernández Poyán, avogado e fiscal en Santa Marta, decidiu transitar ese delicado fío de ronsel.
O 2 de abril de 1846 o coronel Miguel Solís protagonizaba un levantamento militar en Lugo; o 15 de abril Santiago sumábase ao movemento co respaldo de referentes do progresismo galaico como Antolín Faraldo ou Juana de Vega, viúva do guerrilleiro Espoz y Mina. Para o 20 de abril Manuel xa tiña organizado en Ortigueira un comando na compaña de Ramón Díaz (avó de Julio Dávila), Fernando Pita, Valentín Camba e Jacobo Álvarez. Aquela mesma tarde o grupo reivindica as súas primeiras accións: aprópianse da correspondencia dun correo real, a quen deixan mallado na pousada, e rouban un cabalo a Manuel Teijeiro, que un criado chamado Vicente Soto, alcumado Carrizo, levaba á corte.
Retrato oficial de Manuel Fernández Poyán como deputado nas Cortes |
Na mañá do día seguinte abandonaban Santa Marta. O grupo contaba xa cunha ducia de membros; sobre os cinco orixinarios, xuntáranse Ramón Almoina (cirurxán), Vicente Rivadeneira, Francisco Pita, Ricardo Cao, José Villamil, Vicente Cuevas e Vicente Nieto (ex-carabineiro). Antes de marcharen, Manuel despediuse do seu pequeno afillado de dez anos, Ramón Álvarez Caneiro, quen sería tío carnal de Ramón Álvarez Fustes.
O comando dirixiuse a Santiago; Manuel sobre o cabalo roubado, e os outros once andando. Na mañá do 23 de abril, mortos de cansazo, chegaron ás portas de Compostela, apenas para contemplar dende os altos de Salgueiriños a derrota da pequena revolución, novamente frustrada.
Foi entón cando Manuel fixo chamar nun aparte a Ramón Díaz e díxolle que fuxía. Aproveitando que aínda tiña o cabalo do Carrizo, escaparía a Portugal, abandonando ao resto á súa sorte nunha terra inzada de militares. E tal cual fixo. O grupo esgazouse: Rivadeneira e Camba marcharon a Portugal, Nieto escapou cara o monte e os outros oito quixeron regresar a Santa Marta, mais foron detidos o día 27. Os soldados comentáronlles entre risos que o día anterior os dirixentes da revolta foran fusilados no camposanto de Paleo, perto de Carral, e que os seguidores dos sediciosos correrían a mesma sorte.
Ramón Díaz, Fernando Pita, Valentín Camba e Jacobo Alvarez foron condenados a pena de morte, por participaren no ataque contra o correo; os outros cinco, Ricardo Cao, Ramón Almoina, Francisco Pita, José Villamil e Vicente Cuevas foron condenados ao desterro en África.
Por fortuna, a sentenza non se cumpríu. Despois de cinco meses na cadea, todos eles foron amnistiados (ver neste mesmo blog: Que lle debe Ortigueira a Isabel II?).
Monumento aos mártires de Carral |
Ramón Díaz, o vello lugartenente de Poyán, foi o pai de Dolores Díaz, quen aínda hoxe presta o seu nome ao asilo de Santa Marta, e avó de Julio Dávila. O seu neto atopou entre os seus papeis un vello caderno de sesenta e tres páxinas titulado “Los doce amigos” onde se relataba a historia. De regreso a Arxentina, Julio Dávila publicou na revista Almanaque Gallego, en 1902, un espléndido artigo sobre o caderno que atopara entre as pertenzas do seu avó.
O 23 de abril de 1521 o exército do Emperador Carlos rematou nas campas de Villalar co soño comuneiro; cúmprense agora cincocentos anos. Pero Ramón Díaz lembraría a derrota doutro 23 de abril; o día de 1846 no que ás beiras do Tambre o seu xefe abandonounos chorando, baixo unha choiva de torrenteira, para fuxir a Portugal. Dalí regresaría meses despois, heroico e ridículo, preparando un peito enchido de fachenda para recibir as medallas dos mártires.
Sic transit gloria mundi.
------------------------------
Texto: Carlos López-Keller Álvarez
Para máis información:
- López-Keller Álvarez, Carlos (2014): "Santa Marta na revolta de 1846. Peripecias da cuadrilla de Poyán, revista Terras do Ortegal nº 1, 75-84.
Ningún comentario:
Publicar un comentario