![]() |
Álvaro Dávila ante Carlos Breixo, Cronista, e Juan Cao, concelleiro de Cultura (foto: concello de Ortigueira) |
Onte, 11 de xuño, tivo lugar no cemiterio municipal de Ortigueira unha Ofrenda floral a D. Julio Dávila Díaz (1871-1971), xeógrafo e historiador, con motivo do cincuentenario da súa morte, acaecida en Madrid hai exactamente 50 anos. Foi o primeiro dos actos que promoverá a concello de Ortigueira durante os próximos meses para honrar o sexquicentenario do nacemento dun dos seus fillos máis ilustres. Lembremos que foi firme defensor en Madrid dos intereses de Ortigueira e Cronista Oficial do concello durante case 30 anos (entre 1943 e 1971), e sen dúbida unha das persoas máis queridas polos ortigueireses de onte e de hoxe.
No fermoso lugar que acolle ao cemiterio de Ortigueira, a punta de Requeixo, e ante o panteón familiar dos Dávila, tivo lugar o sinxelo acto que foi seguido con atención por unha trintena de persoas entre membros da corporación, familiares e amigos. O acto -que se pode visualizar aquí no video gravado polo concello- comezou cuns acordes de gaita do director da Escola de Gaitas de Ortigueira, Rodrigo López, e foi presentado por Juan Cao, concelleiro de Cultura e alcalde accidental, por ausencia de titular, Juan Penabad, que deu paso a Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira.Este fixo, en castelán, en atención á presenza de varios familiares de D. Julio chegados de Madrid, unha breve semblanza do autor da Geografía Descritiva da comarca de Ortigueira. Coa súa coñecida oratoria fixo un canto á súa figura e á sua amizade con Federico Maciñeira e Pardo de Lama, declarando que emitira un informe que lle fora solicitado pola corporación sobre a dedicación a D. Julio dunha rúa ou outro espazo público en Ortigueira en homenaxe á súa figura. Tempo teremos que coñecer a decisión do concello e o resto de actos que haberá ao longo do ano, entre os que a nosa asociación Terras do Ortegal terá unha pequena contribución coa reedición facsimilar dunha das súas obras.
Foto de grupo cos membros da familia e do concello que interviron no acto , |
A continuación, e previa á colocación da ofrenda floral no interior do Panteón familiar, tivo lugar a intervención de Álvaro Dávila García, bisneto de D. Julio, e encargado de intervir no nome da familia. A súa intervención, moi emotiva, foi realizada en galego, para sorpresa de moitos dos que alí estábamos. E ademáis nun galego moi correcto, por certo, pese a procedencia madrileña de Álvaro, que máis alá de vir nos periodos vacacionais, se está convertendo nun ortigueirés máis, como o demostra a súa permanencia na nosa vila durante moitos meses deste ano de pandemia. Por iso, e co seu permiso, pareceunos de interese reproducir o seu discurso, que contén trazos emotivos que gustará coñecer a moitos ortigueireses.
Por último, indicar que o acto rematou cunha nova intervención musical de Rodrigo, que interpretou o Himno Galego.
Parabéns a toda a familia Dávila e de forma moi especial a Álvaro!
.
Intervención de Álvaro Dávila García
Sr. Concelleiro de Cultura, Cronista Oficial, amigos:
![]() |
Rodrigo López, director da Escola de Gaitas |
Julio, como tantos galegos, tomou o camiño da emigración. Nos seus primeiros anos no Cono Sur non tivo unha vida doada senon chea de privacións. Porén afrontóunas coas mellores virtudes que se lle presupoñen aos galegos, a resistencia e capacidade de sacrificio. Grazas a esa perserveranza cedo chegaron éxitos profesionais que lle permitiron vivir con maior folgura e poder empregar cada vez máis tempo na súa paixón, a súa terra. Nun primeiro momento desde Buenos Aires con viaxes de ida e volta a Europa, pero marcado emocionalmente por unha desgraza decidíu acelerar o retorno. A morte en Arxentina do seu primoxénito Jesús Manuel, fixo que decidirá regresar coa sua muller Petra e os seus dous fillos máis novos, Isabel e Julio. Trouxeron con eles o corpo de Jesús Manuel a repousar neste panteón, onde anos despois virían a facelo tamén todos eles. Coa cicatriz anímica da perda e coas costas cubertas froito do traballo en Arxentina decidíu autoimporse una obriga gustosa de dedicación total á defensa dos intereses de Ortigueira.
Ese sino elexido, ben podería vir do seu carácter. Quen coñeceron ao meu bisavó Julio Dávila descríbeno como un home organizado, metódico e atento observador. Tal era a súa meticulosidade que anotaba centos de datos, como a temperatura e condicións meteorolóxicas observadas diaria e exhaustivamente. Esta afección polos detalles xunto co seu carácter espartano, austero e discreto, foron as chaves do su intenso e extenso traballo. A sua obra xeográfica ou mesmo os seus esforzos polo correcto uso do xentilicio ortigueirés son sinais da sua sana obstinación sistemática. Mesmo casi desde a sua tumba pódese observar tamén froitos tanxibles dos seus desvelos, como é o Malecón do porto de Ortigueira.
Os seus descendentes herdamos del a paixón por Ortigueira e sentímonos abraiados polo recoñecemento da sua Vila. Celebramos as iniciativas que agora comezan tanto do Concello como da asociación Terras do Ortegal para a divulgación da súa obra. E soñamos con que se cadra inspirados polo seu exemplo poidan xurdir moitos Dávilas novos que dediquen as suas forzas a defensa dos intereses da comarca e a conservación do patrimonio histórico e cultural.
Moitas grazas a todos
Álvaro Dávila García
-------------------------
Texto da reseña: Xosé María Torres
Fotografias: Marta Fraga (concello de Ortigueira)
Ningún comentario:
Publicar un comentario