O pasado 11 de xuño, venres, pola tarde, presentouse na auditorio da Casa Dopeso das Pontes o novo número da revista anual HUME, dedicado aos estudos históricos e sociais da localidade das Pontes e de toda a sua comarca.
Atendendo á situación de pandemia polo coronavirus, o acto foi organizado con estrictas medidas de seguridade: uso obrigatorio de máscara facial e xel desinfectante, toma de temperatura na entrada, rexistro do nome e do número de teléfono persoal, indicación a cada persoa do seu asento na sala -restrinxida a menos do 50% de capacidade-, que se ben retrasou un pouquiño a entrada, deu sensación de seguridade ás case 100 persoas que acudiron a esta cita anual.
O acto foi presentado por Marisol Souto, do equipo da revista, e contou coa participación de varios dos autores dos artigos, así como dos galardonados no Certame de Investigación que desde hai 5 anos convoca a asociación HUME.
Visión xeral do escenario e dos participantes no acto, todos cubertos con máscaras faciais. |
A revista é de edición non venal, distribúese de forma gratuita a todas as persoas interesadas, grazas ao patrocinio da deputación da Coruña e do concello das Pontes. De feito, Antonio Alonso, concelleiro de Urbanismo e primeiro tenente de alcalde, estaba presente no acto, apoiando a marcha da revista, xunto cos membros da Comité de Redacción, como Fina Blanco e Manuel Souto.
Coa inexcusable máscara facial (cando poderemos librarnos delas??), autores como Xavier Barcón e Miriam Fdez. Otero foron presentando -con máis ou menos experiencia e soltura no escenario- os seus artigos. Para nos o maior interese foi a intervención de Carlos Breixo, Cronista Oficial do Concello de Ortigueira, que expuso o contido dun artigo, titulado "O Castro da Uz, A Seara e Bidueiros; lugares no Camiño Francés ou seu paso polas Pontes de García Rodríguez citados no testamento de Alonso de Bouza, que foi outorgado no ano 1605; un pouco de historia e de etnografía aplicada", un longo título, que como el mesmo recoñeceu é casi un resumo do seu contido. Unha vez máis, a producción historiográfica de Breixo versa sobre o paso do Camiño de Santiago, do Camiño Francés, como se encargou de salientar, polas Pontes, tarefa na que leva investigando varios lustros tras os comezos dos anteriores mestres investigadores que formaron aos máis novos.Carlos Breixo, Cronista Oficial de Ortigueira, nun momento da sua intervención. |
É o caso de mestres como Rafael Usero, Cronista Oficial de Cedeira, que xa na edición primeira da sua obra El Santuario de San Andrés de Teixido, editada en 1972, falaba do paso do camiño xacobeo polas nosas terras. Por certo, que Breixo revelou un pequeno problema de saúde de Usero, que deu lugar a unha intervención cirúrxica recente, facendo votos polo restablecemente deste mestre investigación, desexo ao que nos unimos.
O acto, que se prolongou durante case dúas horas, rematou coa exposición dos premiados no V Certame de Investigación HUME, que presentaron un resume dos seus traballos, que aparecerán xa no número 14 da revista.
Por último, cabe felicitar ao equipo da revista: Manuel Souto, Marisol Souto, Nieves Seijo, Fina Blanco, Antón Carballo e Antonio Castro polo seu esforzo e traballo calado e desinteresado. Que o seu labor siga dando froitos como este número 13 -meigas fóra!- que hoxe temos nas máns. Os nosos parabéns!
--------------
Fotografías: Asociación HUME
Texto: Xosé María Torres
Ningún comentario:
Publicar un comentario