Poucos datos hai sobre os inicios do ensino secundario en Ortigueira e no Ortegal a finais do XIX e primeiro terzo do XX. Hai que lembrar que nesa época o ensino obrigatorio só comprendía os 4 cursos da educación primaria, que nin siquera todos os nenos -e menos as nenas- conseguían cumprir. E non falemos da calidade dese ensino, habitualmente en escolas de aula única, con nenos de todas as idades mesturados en alegre confusión. Os que se podían permitir un segundo ensino tiñan a necesidade de facer un exame de Ingreso ao bacharelato, para cuxa preparación era habitual empregar ou dedicar un ano enteiro.
Para os que conseguían superar esa fase de instrución primaria, e desexaban continuar cos estudos de calquera educación académica, técnica, ou práctica, debían facelo fóra de Ortigueira e sufragada pola familia dos alumnos. O mesmo ocorría cos estudos universitarios, accesibles só a unhas familias adiñeiradas e ilustradas.
Para o ensino de secundaria, do bacharelato, había varias opcións:
a) Institutos, existentes só nas capitais de provincia e máis adiante nas cidades importantes. Así, na provincia da Coruña, só existían na Coruña, Santiago e Ferrol.
b) Seminarios diocesanos da igrexa católica.
c) Colexios privados, que na súa meirande parte eran tamén relixiosos, existentes só en cidades ou vilas importantes.
Había unha cuarta opción: os colexios, denominados tamén academias, sen recoñecemento oficial, e que por tanto non podían realizar os exames oficiais nin emitir títulos; estaban adscritos ao instituto da capitalidade provincial que é o que certificaba as notas.
Ortigueireses con estudos universitarios
Julio Dávila |
Sobre a ensinanza secundaria hai unha breve cita de Julio Dávila1:
«Por la creciente necesidad de que la Villa contase con un colegio para estudios secundarios hubo varios intentos: en 1889, por Gaspar Gómez de la Peña; en 1915 por don Vicente Romero Hernández, y pocos años después por don Joaquin Landrove. Fue en el año 1926 que el malogrado joven perito mercantil don Antonio Martínez inició la que hoy es la Academia Santa Marta, que está dando felices resultados.”
Partindo dela temos localizado a seguinte información sobre o Colexio Galileo, que estimamos foi o primeiro centro docente de Ortigueira, e incluso do Ortegal —se non se nos desminte— isto é, dos 4 concellos que compoñían daquela a comarca: Cedeira, Cerdido, Mañón e Ortigueira
Plano de alineación da rúa da Alameda de 1867. Na parcela nº 7, sinalada coa flecha, construiu Cándido Regueira a casa onde se instalou o Colexio Galileo. (Cortesía de Manel Bouzamayor) |
Colexio Galileo. 18892.
Este colexio, segundo indica Julio Dávila, estaba promovido por Gaspar Gómez de la Peña, Licenciado en Ciencias. O profesorado, según o BOP de 1889 no que se difunde a súa adscrición ao instituto provincial da Coruña, estaba formado por:
«- Latín y Castellano 1º y 2º curso, Retórica y Poética, Psicología, Lógica y Ética, D. Emilio Albiach Ripoll, licenciado en Filosofía y Letras.
- Geografía, Historia de España, Historia Universal, Francés 1º y 2º curso, D. Juan Guerrero.
- Aritmética y Álgebra, Geometría y Trigonometría, Física y Química, Historia Natural y Agricultura, don Gaspar Gómez de la Peña, licenciado en Ciencias.
Emilio Albiach en Madrid en 1903 na sede do ABC |
Non sabemos quen eran e que facían en Ortigueira as 3 persoas que compoñían o seu profesorado, que polos seus apelidos serían de orixe foránea, pero determinados formalismos amósanos unha singular iniciativa docente de peso: elección ou escolla de nome do colexio e solicitude formal perante a Administración. En todo caso, a existencia do colexio foi efémera, pois consta que Emilio Albiach e Gaspar Gómez estaban ao ano seguinte, 1990, en Montoro (Córdoba), onde poñerían en marcha un colexio de igual nome, Galileo. Albiach residía en 1903, casado e sen fillos en Alicante, cidade onde -ese mesmo ano- Gaspar Gómez era xefe de negociado do Goberno Civil. Curioso, ou extraño percorrido paralelo por toda a xeografía española.
---------------------
Texto: Xosé María Torres.
Agradecementos:
- A Carlos Breixo, Cronista oficial de Ortigueira, a cesión, hai xa tempo da colección de artigos de Julio Dávila que atesouraba Federico Maciñeira e Pardo de Lama.
- A Emilio Castro Fustes, ex-director do Museo pedagóxico de Galicia pola súas orientacións.
Notas:
1. Dávila, Julio (1949): “La Villa de Santa Marta desde el año 1600. Su desarrollo urbano y su vida económica y social”, La Voz Ortigueira (serie de artigos publicados no ano 1949).
2. Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, 28.11.1889
3. Torres Bouza, Xosé Mª (2018): "O colexio relixioso das Obreiras da Cruz en Ortigueira (1962-1966)". Terras do Ortegal nº 5.
4. Bouzamayor Riola, José Manuel. Ortigueira en el siglo XIX. Inédito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario