sábado, 10 de outubro de 2015

Gravación de programa cultural da TVG en Ortigueira



O programa cultural RELANZOS, da TVG, desprazou un equipo de gravación esta semana a Ortigueira, para efectuar diversas entrevistas.
RELANZOS, que difunde a actividade cultural que se realiza nas vilas galegas está a gravar por todo o norte de Galicia (Viveiro, Mondoñedo, Ortigueira...), centrando a súa atención en aspectos culturais de diverso tipo.
O programa ten un formato no que unha persoa da vila fai de conductora, que se reune e fala con outras persoas. En Ortigueira a persoa elexida para ese papel de presentadora foi a arqueóloga Vanesa Trevín, directiva da asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista de igual nome, e que na actualidade é concelleria de Patrimonio e Paisaxismo.
O programa entrevistou a varias persoas do mundo da cultura local:
- D. Xavier Martínez Prieto, parroco da vila, sobre os valores da igrexa do ex-convento de Dominicos.
- Narciso Luaces, sobre o seu meritorio Museo Etnográfico de Meixido.
- Mari Carmen Fojo, directora do semanario LA VOZ DE ORTIGUEIRA, próximo a cumprir o centenario.
- Bernardo Penabade, profesor de Galego en Burela, sobre diversos temas culturais
- Xosé María Torres, farmacéutico, sobre os usos terapéuticos e alimentarios das ortigas e do libro do seu pai, Alfredo Torres, "Las Ortigas", editado hai anos.
O programa será emitido seguramente a partir do mes de febreiro, xa no ano  2016.

xoves, 24 de setembro de 2015

Éxito da presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Mañón






O pasado sábado, 12 de setembro, tivo lugar no Barqueiro, no Salón de Actos da Casa do concello, a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.

 A organización correu a cargo da asociación NORDÉS, que ven organizando con regularidade  diferentes eventos de carácter sociocultural con notable éxito de participación. A presidenta deste colectivo, Leticia Breijo, graduada en Historia pola USC, presentou aos  participantes na mesa redonda: Bernardo Penabade, membro de Nordés, profesor no IES Perdouro de Burela e activista cultural da zona; Hixinio Puentes, escritor e investigador da historia de Mañón e da comarca, e Xosé María Torres, farmacéutico e presidente da asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista.
Bernardo fixo un canto ao interese da revista,  que ten como tema central ao concello de Cariño, ao que se lle dedican 6 dos 16 artigos cos que conta o número; todo iso sempre coas palabras afectuosas e de alento que acostuma a pronunciar, salientando a sua satisfacción pola saída deste segundo número, un chanzo máis para chegar aos 25 que considera que debe ter como mínimo una revista deste tipo. Destacou que neste número colaboraban 4 autores das terras do Sor (Mañón e Vicedo), una boa fornada para uns concellos pequenos.
Pola sua parte, Hixinio Puente, calificado por Penabade como Cronista de Mañón (non Cronista Oficial do Concello, que non o é, a pesares da proposta en tal sentido presentada en febreiro deste ano 2015 no Concello mañonés, pendente de resolver) ponderou a importancia dunha revista deste tipo na comarca, salientando que é a “curiosidade” a que move a moitos investigadores a interesarse por un determinado tema - e que permite fixar por escrito sucesos, persoaxes e outros datos que permiten rescatar do esquecemento a historia dunha zona.
Hixinio revelou que está a traballar na historia de Mañón, que comezará seguramente coa publicación dun traballo sobre a parroquia de Mogor, á que pertence O Barqueiro, capitalidade municipal; relatou asimesmo varias anécdotas en relación con Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro falecido en 2013 e do que era amigo, e sobre o que escribeu unha pequena biografía neste número da revista, un artigo moi oportuno dada a homaxe que se lle tributou o pasado 29 de agosto en Mañón ao pintor.
Finalmente, Xosé María Torres, agradeceu a Nordés a oportunidade para difundir a revista, e salientou que incluso sen subvención oficiais e en época de crise é posible sacar adiante unha revista se hai colaboración por parte dos autores e dos colectivos culturais da zona. Avanzou varios proxectos da asociación TERRAS DO ORTEGAL  e informou que xa se está a traballar no número 3 da revista, a publicar en xullo de 2016 e que terá  como tema central a Idade Media no Ortegal, ademáis de artigos de temática variada que son un sinal de identidade da revista.

(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.176, do venres, 18 de setembro de 2015)

mércores, 9 de setembro de 2015

Presentación en Mañón da revista TERRAS DO ORTEGAL



Opróximo sábado, 12 de setembro ás 18.30 h,  terá lugar no Barqueiro (Mañón) a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.

O evento terá lugar no Salón de Actos da casa do Concello, na planta baixa do mesmo

A organización corre a cargo da asociación NORDÉS, a quen agradecemos unha vez máis a sua colaboración.
A revista iniciou o seu camiñar co número 1, en 2014, e este segundo número de 2015, que representa a continuidade do proxecto ten as seguintes características:
- 16 artigos e 205 páxinas, o que supera ao primeiro número, que acadaba 14 artigos e 180 páxinas
- Un dossier central, con 6 artigos, adicado ao concello de Cariño, que leva xa 27 anos de existencia.
- Un nivel de calidade alto, que é recoñecido por especialista na materia

O carácter semimonográfico preténdese manter para os seguintes número; o dossier poderá ser territorial, ou ben temático (a pesca no Ortegal, as construccións populares, a arquitectura relixiosa, etc.), pero sempre cunha mirada comarcal, refrendando o que indica o título da revista.

O prezo deste número é de 12 €. 



mércores, 19 de agosto de 2015

Convocatoria de Asemblea Xeral da asociación TERRAS DO ORTEGAL






Por medio desta entrada, facemos un chamamento de convocatoria para a Asemblea Xeral 2015 da Asociación TERRAS DO ORTEGAL, editora da revista de igual nome, que se desenvolverá no día, hora e lugar seguintes:
- Día: 11 de setembro, venres
- Hora: 19.00 (sete da tarde)
- Lugar: Cafetería do Centro de Visitantes. Malecón de Ortigueira, s/n.

A asemblea terá a seguinte orde do día:
1. Información da directiva
2. Aprobación, se procede, da liquidación do orzamento de ingresos e gastos 2014.
3. Plan de actuación para 2015
4. Aprobación, se procede, do orzamento de ingresos e gastos 2015.
5. Rogos e preguntas

Na reunión daráse conta das actividades realizadas, a saída do nº 2 da revista, que se entregará aosás socios/as que non a teñan recibido, etc.
En Ortigueira, a 19 de agosto de 2015.

NB: calquer asuunto ou proposta para incluir na orde do día pode facerse chegar a calquer mnembro da directiva


Asinado: Xosé Mª Torres Bouza, presidente da Asociación TERRAS DO ORTEGAL




martes, 11 de agosto de 2015

Saída do Nº 2º da revista Terras do Ortegal





Xa está na rúa o número 2 da revista TERRAS DO ORTEGAL, que se presentará nestes días:

- Cariño: martes, 11 agosto, ás 20.30 h, na sala da planta baixa do Concello de Cariño.
- Ortigueira: xoves, 13 agosto, ás 20.30 h, no salón de actos da Fundación Ortegalia de Ortigueira.

Agora en 2015, escollemos un tema central para a revista, que é o concello de Cariño, do que tratan 6 dos 16 artigos que compoñen este número.
Ademáis dunha chamativa portada, obra do fotógrafo Álvaro F. Polo, a revista conta con colaboracións do artista gráfico Siro sobre Laureano Álvarez, de Diego Cerdán sobre a linaxe dos Fajardo, de Narciso Luaces sobre A Devesana, de Manel Bouzamaior sobre o cemiterio de Santa Marta, de Carlos López-Keller sobre o deslinde Ortigueira-Cedeira.
Tamén colabora Francisco Calvín sobre o uso dos Fondos Europeos na comarca do Ortegal, Hixinio Puentes sobre o pintor Secundino Rivera, o párroco Javier Martínez Prieto transcribindo dous inventarios da sua nova parroquia de Santa Marta.
Manel Bouzamaior dobla a sua participación na revista, cunha reseña sobre Ortigueira Luiteraria Dixital, e Belén Pérez fala do proxecto de creación de Parque Xeolóxico do Ortegal.
Xa no tema central da revista, José Luis Armada, primeiro alcalde de Cariño, fala do proceso de segregación do concello, Eliseo Fernández do sindicalismo obreiro nese porto; Xosé Luis González diserta sobre a toponimia do concello, mentras que Vanesa Trevin con dous colegas fai algun has calas sobre os restos roamanos do actual territorio do concello cariñés.
Finalmente Lois Armada apunta novos datos sobre un dos tesouros arqueolóxicos da comarca, o machado da praia da Basteira, e Xosé Mª Torres escribe sobre Fermín Zelada Varela, cariñés de nacemento e alcalde de Ferrol e de Santiago (accidental).
Todo cunha revisión lingüística desinteresada a cargo de Bernardo Penabade.

venres, 19 de xuño de 2015

La Voz de Ortigueira cumpre 99 anos







La Voz de Ortigueira, a popular "berza", ven de cumprir o pasado 4 de xuño, 99 anos desde a súa aparición no xa lonxano ano 1916, 

Eran aqueles tempos de esplendor -e de emigración americana- en Ortigueira e coas fábricas de Cariño traballando sen descanso para os exércitos europeos inmersos na chamada "Gran Guerra".
Naquel tempo contaba Ortigueira cun taller de imprenta que xa levaba máis de 20 anos de funcionamento, e nese momento propiedade do empresario Jesús Fojo Díaz.
Xa saíran varias publicacións daquel taller, pero en 1916 decidiu sacar o seu propio periódico semanal, que titulou "La Voz de Ortigueira".
En 1965 colleu o relevo como director o seu fillo, David Fojo -a quen vemos na imaxe- aínda que xa levaba tempo traballando no semanario e posiblemente sendo o director na sombra, dada a idade avanzada do seu pai.



En 1995 collería o relevo como directora  María del Carmen Fojo Bouza, filla de David, nun ciclo que este ano -pasiño a pasiño- cumpre 20 anos.
Como citaba ao principio, neste 99 aniversario hai que mirar para o futuro,non para o pasado, e pensar no que pode dar a Ortigueira e a sua comarca un medio semanal impreso. Hai quen o considerará un medio obsoleto, impropio dos tempos modernos, outros simplemente o desprezarán por razóns diferentes, pero hai moita xente que considera que pode ter algún valor neste mundo dixital de principios do século XXI, se é quen de cumprir o obxectivo principal dun periódico: servir de información e de comunicación para os seus lectores.
Queda un ano para chegar ao Centenario. Sería bó que aquelas persoas dispostas, con ideas e capacidade, se puxeran á obra para organizar un evento que de lustre a toda a historia que ten detrás La Voz de Ortigueira e que ao tempo ilumine o camiño para o futuro que -agardamos- terá a popular "berza".


mércores, 27 de maio de 2015

Presentación de TERRAS DO ORTEGAL no Ateneo de Ferrol




O pasado mércores, 20 de maio, realizouse no Ateneo de Ferrol unha mesa redonda de presentación de varias revistas locais; entre elas, Columba, editada pola asociación de igual nome de Covas, unha parroquia ferrolá, Hume, editada pola asociación que leva igual nome, de As Pontes de García Rodríguez, e a nosa revista, Terras do Ortegal.

A xornada de encontro destas revistas, todas de formato libro e frecuencia anual, foi proposta polo director do Ateneo, Eliseo Fernández, como continuación da xornada que tivera lugar en marzo, na que se presentaron outras revistas culturais: Murguía, de ámbito galego, Cátedra, de Pontedeume, e a Revista de Neda.
No acto en sí, como pode verse na fotografía que acompañamos, estiveron presentes -dedereita a esquerda- José López Hermida, de Columba, Antonio Castro, de Hume, Eliseo Fernández, e Xosé María Torres, de Terras do Ortegal, se ben estaba tamén presente Manel Bouzamaior, vicepresidente da nosa asociación.
Ademáis de presentar as respectivas revistas, de como xurdiron, os temas que tratan (en xeral do ámbito sociocultural-histórico, pero sempre nun sentido amplo), e a regularidade da sua aparicion, o acto serviu de intercambio sobre as respectivas experiencias.
Columba, a máis veterana, leva xa 15 anos, Hume, leva xa 7 números e Terras doOrtegal vai sacar proximamente o seu número 2.

Para rematar esta entrada, dicir que o número 2 de Teras do Ortegal está actualmente en preparación, agardando que se poda presentar a primeiros do mes de xullo. O exemplar deste ano conta cun bon feixe de artigos que agardamos sexan de interese para os hbaitantes da comarca, pero salientamos que o tema central da revista, con 5-6 artigos específicos, estará adicado ao Concello de Cariño, que cumprirá proximamente 27 anos de existencia.