O pasado sábado, 12 de setembro, tivo lugar no Barqueiro, no Salón de Actos da Casa do concello, a presentación do segundo número da revista TERRAS DO ORTEGAL.
A organización correu a cargo da asociación
NORDÉS, que ven organizando con regularidade diferentes eventos de carácter sociocultural
con notable éxito de participación. A presidenta deste colectivo, Leticia
Breijo, graduada en Historia pola USC, presentou aos participantes na mesa redonda: Bernardo
Penabade, membro de Nordés, profesor no IES Perdouro de Burela e activista
cultural da zona; Hixinio Puentes, escritor e investigador da historia de Mañón
e da comarca, e Xosé María Torres, farmacéutico e presidente da asociación TERRAS
DO ORTEGAL, editora da revista.
Bernardo fixo un
canto ao interese da revista, que ten
como tema central ao concello de Cariño, ao que se lle dedican 6 dos 16 artigos
cos que conta o número; todo iso sempre coas palabras afectuosas e de alento
que acostuma a pronunciar, salientando a sua satisfacción pola saída deste
segundo número, un chanzo máis para chegar aos 25 que considera que debe ter
como mínimo una revista deste tipo. Destacou que neste número colaboraban 4
autores das terras do Sor (Mañón e Vicedo), una boa fornada para uns concellos pequenos.
Pola sua parte,
Hixinio Puente, calificado por Penabade como Cronista de Mañón (non Cronista Oficial do Concello, que non o é, a pesares
da proposta en tal sentido presentada en febreiro deste ano 2015 no Concello mañonés, pendente de resolver) ponderou a importancia dunha revista deste tipo na
comarca, salientando que é a “curiosidade” a que move a moitos investigadores a
interesarse por un determinado tema - e que permite fixar por escrito sucesos,
persoaxes e outros datos que permiten rescatar do esquecemento a historia dunha
zona.
Hixinio revelou que está a traballar na historia de Mañón, que comezará
seguramente coa publicación dun traballo sobre a parroquia de Mogor, á que
pertence O Barqueiro, capitalidade municipal; relatou asimesmo varias anécdotas
en relación con Secundino Rivera, o pintor do Barqueiro falecido en 2013 e do
que era amigo, e sobre o que escribeu unha pequena biografía neste número da
revista, un artigo moi oportuno dada a homaxe que se lle tributou o pasado 29
de agosto en Mañón ao pintor.
Finalmente, Xosé María Torres, agradeceu a Nordés a
oportunidade para difundir a revista, e salientou que incluso sen subvención
oficiais e en época de crise é posible sacar adiante unha revista se hai colaboración
por parte dos autores e dos colectivos culturais da zona. Avanzou varios
proxectos da asociación TERRAS DO ORTEGAL
e informou que xa se está a traballar no número 3 da revista, a publicar
en xullo de 2016 e que terá como tema
central a Idade Media no Ortegal, ademáis de artigos de temática variada que
son un sinal de
identidade da revista.(Publicado en La Voz de Ortigueira, nº 5.176, do venres, 18 de setembro de 2015)
Ningún comentario:
Publicar un comentario