Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta narciso. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta narciso. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

sábado, 7 de novembro de 2026

Presentación do libro “DEVESOS. A nosa terra e a nosa xente”, de Suso Permui

Suso Permui escoitando a intervención
de Pepe Riola




O pasado venres 6 de novembro tivo lugar en Devesos, no emblemático edificio da SIR A Devesana, a presentación do libro DEVESOS. A nosa terra, a nosa xente, cuxo autor é Xoán Xesús Permui Saavedra, Suso da Veiga, no que constitúe a súa ópera prima no mundo literario.

O evento contou cunha asistencia numerosa, propia das grandes ocasións, con veciños de Devesos, pero tamén do resto de Ortigueira e concellos próximos, amigos do autor ou interesados na historia de Devesos, que ateigaban a sala. 

Actuou de mestra de cerimonias a escritora Luli Dopico, autora dunha reseña do libro publicada no semanario La Voz de Ortigueira e despois nesta propia web de Terras do Ortegal, que presentou aos outros catro intervintes que acompañaban na mesa ao autor.

Pepe Riola, da parroquia cariñesa de Landoi e estudoso ha historia e tradicións do Ortegal, desde a seu saber popular e de investigador dixo que acompañou a Suso ao arquivo de Mondoñedo para inicialo na difícil tarefa de extraer datos de libros antigos, e que lle revelou claves de utilidade para o seu ensaio. Incidiu no rigor con que está feito o libro tras levar xa dúas lecturas do mesmo. Suxeriu que nunha futura segunda edición que se inclúa un mapa detallado da parroquia onde se localicen algúns dos topónimos que estuda o autor.

O mestre César Martínez Yáñez, devesano do Cabradoiro, que cedeu a Suso a fermosa e descritiva fotografía que conforma a portada do libro, así como un mapa-croquis da parroquia feita por seu pai, tamén incluído no libro, tivo unha intervención breve na que contou un par de anécdotas da vida social da parroquia como exemplo do sentir popular, materia na que é un verdadeiro especialista.

O profesor Bernardo Penabade, que colaborou amplamente na corrección do orixinal, orientando con consellos a preparación do manuscrito, tivo a intervención máis longa e analítica. Reflexionou sobre a escritura de libros en galego no Ortegal, marcando o ano 1980 como comezo desta andaina. Puntualizou que máis alá dos libros de edicións O Paporroibo, e dos editados na propia Santa Marta ou na imprenta Fojo, nas outras parroquias do Ortegal foron xurdindo tamén libros en galego.

Citou así a autores como César Martínez Yáñez (1980) e Narciso Luaces Pardo (O carreiro. Memorias do tío Santos, 2000); e no século XXI:  Cristian F. Caruncho (2010); Jesús Pardo Novás, Cefucho (As Grañas do Sor. O esplendor dunha parroquia rural, 2013), Emilio Castro Fustes (O campón de Rodela. Moradía de voces familiares, 2016) e Carmen Penín Fernández (Enfiando sentimentos, 2023). Todos eles supoñen un ecosistema ao que o novo libro de Suso non pode ser alleo.

Dixo que o libro tiña unha estrutura (historia, toponimia, patrimonio, etnografía, persoas destacads etc.) que pode considerarse un modelo a seguir por calquera outra persoa para elaborar un estudo sobre unha parroquia concreta. Sinalou, ademais, que este libro sobre Devesos en nada ten que envidiar a algún que hoxe está considerado como modelo de estudo, como é Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega (1984), do antropólogo ourensán Marcial Mandianes.


De seguido, o boticario e vicepresidente de Terras do Ortegal  Xosé María Torres apelou en primeiro lugar ás súas raíces devesanas, pois o seu bisavó Ramón Bouza Fernández, emigrante a Cuba con apenas 13-14 anos, nacera en Sevil de Baixo, trasladándose a Santa Marta ao seu retorno da illa caribeña. Informou da súa limitada colaboración na edición do libro, revisando a tipografía e algún outro aspecto do orixinal, destacando que Devesos é xa unha parroquia onde o número de escritores ten certa importancia, citando a César Martínez, presente na mesa e autor de varios libros de texto (o primeiro,xa en 1981 co colectivo Avantar, titulado O noso galego: os camiños da comunicación), a Alberto Vera Meizoso, autor de dous libros sobre navegación e naves (Naves Celtas, 2008, e Leyenda del Galatea, 2010), a Emilio Castro Fustes, autor dunha historia familiar (O campón de Rodela. Moradía de voces familiares, 2016), ao que se suma agora Suso Permui. Catro autores nunha parroquia, algo destacado!

Do libro salientou dúas características: a) por un lado que está feito con agarimo, con amor á parroquia, pero tamén con rigor, pois cada dato está documentados en libros, arquivos ou páxinas web. b) que contén a xenealoxía de Federico Maciñeira e Pardo de Lama, o historiador nacido en Mañón, criado en Ladrido e veciño de Ortigueira na súa madurez, pero cuxo avó paterno e ancestros anteriores eran de Devesos.

Pechou a presentación o autor, recentemente elixido presidente da sociedade A Devesana —dando o relevo a Emilio Castro que desempeñou con acerto o posto nos últimos anos—, que revelou as claves, os motivos que o levaron a escribir este libro. Reivindicou a figura da parroquia, en crise na actualidade segundo alguns, e puxo como exemplo a unidade dos emigrantes en Cuba, que xa antes de poñer en marcha a escola laica de La Devesana en 1912, puxéranse de acordo para construir un novo cemiterio en Devesos en 1883 pola insuficiencia e malas condicions do situado no adro da ingrexa. Describiu, con marcada emoción, os sete capítulos que conforman a obra e agradeceu a todos a asistencia ao acto.

Completouse o acto coa sinatura e dedicatoria de  exemplares da obra a varias persoas que llo solicitaron.

------

O libro pode adquirirse, ao prezo de 20 euros, nas librarías de Ortigueira, en Cerdido (contactar con Diego Rguez. Piñón), e máis adiante noutros lugares da bisbarra.

------

Texto: Xosé María Torres

Fotografías: Lucia Sierra

mércores, 14 de outubro de 2026

DEVESOS. A NOSA TERRA E A NOSA XENTE. Libro de Xoán Xesús Permui Saavedra

  


Suso da Veiga (1966) 

Articulista ocasional de traballos realizados ca Natureza e firme defensor dos valores ligados ás sociedades rurais, promoveu xunto a un grupo de veciños a recuperación da histórica “Sociedade de Instrución e Recreo A Devesana” (1992), desenvolvendo a súa vida profesional no rural, concretamente na parroquia de San Sebastián de Devesos, á que lle dedica o libro que hoxe temos á nosa disposición e que nos emociona particularmente por coñecer ao autor e porque con persoas coma Suso nunca deixaremos de amar “A NOSA TERRA”, este recunchiño que pisamos á cotío e que nos fai soñar con tanta beleza e tradicións.

Grazas á lectura deste singular libro sabemos un pouco máis de onde vimos e coñecermos mellor o Camiño dos Arrieiros, a arqueoloxía, o patrimonio relixioso, Portas, a toponimia local e ás persoas e familias de Devesos, como don Rafael Fernández Casas ou os descendentes do Tío Santos, do que tanto escribira Narciso Luaces, entre outros persoeiros de interés.

Suso Permui,
o autor do libro




O título, amplamente xustificado, define o contido da obra. Os montes, os ríos e regatos, a etnografía tan importante e tan esquecida, as actividades agrícolas, gandeiras, forestais e mineiras dunha aldea que no seu día foi Concello. A veciñanza, xente nobre e servizal, un  recordo agarimoso para aqueles que xa non están e un agradecemento para os que compartiron co autor momentos e vivencias.

Son 237 páxinas, cas súas fotografías, as que nos devolven a memoria viva dunha comunidade que habitou estas terras ortigueiresas; non só se recollen datos e datas, que tamén dan fe das andanzas das súas xentes que co seu esforzo diario e cas súas herdanzas combaten o olvido, porque un autor como Suso lles deu voz.

A miúdo as grandes enciclopedias esquecen as pequenas historias cotiáns: A preparación das festas patronais, o saúdo diario entre os veciños, as mans unidas para axudar a quen nos necesita, as reunións comunitarias onde se decide o rumbo do noso entorno, os enterros que cada vez son máis e os bautizos que xa non abondan. Son precisamente eses detalles diarios os que este libro quere atesourar.

A traveso de testemuñas, lembranzas compartidas e fotografías que vencen o paso do tempo, esta obra rende homenaxe a Devesos como o gran punto de encontro, o espazo onde as diferenzas se esvaen como a néboa para dar paso á fraternidade e ao sentido de pertenza.

Agradecemos profundamente ao autor o seu esforzo e traballo, visitando arquivos e preguntando a todos para facer posible a edición. Ao ler estas páxinas os lectores atoparanse con nomes coñecidos, rostros familiares e coa súa propia historia.

Desexamos gocen coa súa lectura. Que este libro sexa un espello onde mirarnos con orgullo de pobo e un recordatorio de que xuntos formamos unha comunidade extraordinaria. 

Abogando por un Suso en cada aldea galega, parabéns, rapaz!, e que este outono sexa ventureiro para todos. 

                                                                                                    Luli Dopico


 

martes, 21 de xullo de 2026

40 anos do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes: un caderno para lembrar a efeméride

Mesa presidencial do acto, con Elena López,
Valentín Glez. Formoso, José Mª López Ferro
e Secundino Garcia

 





O pasado venres, 10 de xullo de 2026, tivo lugar a presentación do novo caderno anual do Museo Etnográfico que existe nas Pontes. É xa un rito anual a presentación dun novo caderno do museo por parte do seu director, José María López Ferro, que é, ao tempo, e desde 2022, Cronista Oficial do Concello. O caderno deste ano, que fai o nº 8 da colección, titúlase 40 anos do MEMC: memoria, patrimonio e comunidade.

Secundino García, director
do Museo Etnográfico da Capela


Na presentación participaron Secundino García Mera, director do Museo Etnográfico da Capela, Elena López, concelleira de Turismo de As Pontes e o propio alcalde da localidade, Valentín González Formoso, que como todo o mundo sabe é tamén presidente da deputación provincial da Coruña, e José María López Ferro, director do Museo, que pechou o acto.

Interveu en primeiro lugar Secundino García, mestre e fundador do museo etnográfico da Capela, actualmente ubicado na parroquia de San Boulo de Caaveiro, que relatou como o museo naceu, ao igual que o das Pontes, nun colexio de infantil e primaria, o CEIP Mosteiro de Caaveiro, froito dunha experiencia sociopedagóxica desenvolvida desde o ano 1981. Con certas doses de humor contou detalles de como foron recollendo pezas, implicando aos alumnos e ás familias.

Pola súa parte, Elena López, na súa breve intervención, felicitou ao museo polo 40 aniversario, e expuxo que o museo pontés é xa un recurso turístico máis do concello, con visitas organizadas que se ofrecen a grupos de visitantes de toda Galicia e incluso de fóra. A seguir, nunha intervención máis extensa, o alcalde pontés Valentín González Formoso felicitou ao seu director polos 40 anos do museo; destacou que nas Pontes entre as entidades culturais que reciben apoio do concello e da deputación están a asociación Hume (que presentara a súa revista nº 18 (2026) uns días antes) e o propio Museo Etnográfico, e que as publicacións de ambas son editadas con axuda da deputación, polo que a súa distribución é gratuita.

Logotipo
do museo etnografico

Unha visión xeral da praza da Igrexa das Pontes,
onde tivo lugar o acto


O caderno número 8

Na que foi a intervención final, José María López Ferro agradeceu as intervencións anteriores, deu conta de que fora mestre durante un breve periodo no colexio da Capela, e que alí recolleu a idea que foi agromando xa no que sería o seu destino definitivo ata a súa xubilación, o Colexio Monte Caxado (pechado en 2017), onde naceu o museo no ano 1986. Leu unhas acertadas palabras que o seu fillo, o escritor e xestor cultural Xosé María Ferro Fermoso publicara o día anterior nunha entrada da rede social Facebook. Nós escollemos estas:

Dende a óptica da xestión do patrimonio cultural, o primeiro gran valor do Museo Etnográfico Monte Caxado reside no seu carácter anticipatorio. Antes de que a protección do patrimonio etnográfico e inmaterial

acadase a relevancia conceptual e normativa que hoxe ten, este proxecto xa actuaba na práctica como un dispositivo de salvagarda. Recolleu pezas cando aínda eran consideradas refugallos; documentou procedencias e doantes cando esa información podía perderse para sempre; e integrou no espazo educativo materiais, técnicas e expresións da cultura tradicional que estaban deixando de formar parte da experiencia vital das novas xeracións. É dicir, non se limitou a acumular obxectos, senón que xerou contexto, memoria e significado.


José María deu conta, asimesmo, da participación na Rede de Museos de Ferrolterra, que agrupa na actualidade a 13 museos das comarcas de FerrolTerra, Eume e Ortegal, e que trata de levar a cabo accións conxuntas. Nese momento fóisenos a mente ao pechado Museo Etnográfico de Meixido (Freires-Ortigueira), posto en marcha en 1999 por Narciso Luaces e a súa esposa Herminia Covelo, xa falecidos, e que a desidia das administracións encargadas de velar polo patrimonio cultural ten feito desaparecer, non sabemos se de forma definitiva.

En canto ao propio caderno, que se repartiu gratuitamente aos asistentes á presentación, da conta da historia do museo e das actividades e publicacións realizadas, con numerosas fotografias que testemuñan todo ese historial exitoso.

Non queda, para finalizar, máis que dar os parabéns a José María polo labor altruísta realizado nestes 40 anos, e á súa familia pola axuda e comprensión das horas roubadas á convivencia familiar para levar adiante esta obra, así como ás institucións polo apoio exemplar concedido.


-------------------------------


Texto: Xosé María Torres

Fotos: Páxina de Facebook de Mundito Carballo Durán

 

xoves, 19 de xuño de 2025

Carlos Breixo, 10 anos de Cronista Oficial de Ortigueira





 O 4 de abril de 2015 o historiador Carlos Breixo Rodriguez tomaba posesión do cargo de Cronista Oficial do Moi Nobre Concello de Ortigueira.

O expediente iniciárase o 27 de febreiro dese ano por unha providencia da alcaldía, desempeñada por Rafael Girón Martínez (alcalde entre 2007 e 2015), en aplicación do Regulamento de Honras e Distincións vixente do concello.

Como resultado da proposta, o nomeamento fora acordado, por unanimidade, polo pleno da corporación ortigueiresa en sesión celebrada o 11 de marzo de 2015, que aprobaba o ditame da Comisión Informativa de Asuntos Xerais do concello no que propoñían designar a Xosé Carlos Breixo Rodríguez para tal posto en base aos seus méritos. Nese acordo indicábase que “deberá aceptar expresamente, ante a Alcaldía, nun acto público e nun prazo máximo de 15 días o devandito nomeamento, do que levantará a correspondente acta…”

Carlos Breixo con Rafael Girón,
no despacho da Alcaldia
asinando a aceptación do posto


Finalmente, o 4 de abril de 2015, sábado, ás 12.00 h asina no despacho da alcaldía a acta na que acepta o nomeamento, e pouco despois celebrábase no teatro de Beneficencia, o que foi designado como “Acto oficial de entrega do nomeamento de Cronista Oficial do concello de Ortigueira a Xosé Carlos Breixo Rodríguez”.



O acto contou, como é habitual nestes eventos protocolarios, coa participación dun encargado de louvar os méritos, neste caso do profesor Vicente Peña Saavedra, amigo persoal do novo Cronista, e natural como él da parroquia de San Claudio. O profesor Peña leu con brillante elocuencia unha extensa laudatio salientando detalles persoais do homenaxeado, así como os traballos que o novo Cronista publicara. Na súa resposta, Carlos Breixo describiu as características do posto de Cronista Oficial, lembrando aos seus predecesores no cargo, Federico Maciñeira e Pardo de Lama, Julio Dávila Díaz e Laureano Álvarez Martínez.

Carlos Breixo lucindo xa a medalla de Cronista Oficial,
entre o profesor Vicente Peña e o alcalde Rafael Girón,
no acto celebrado no teatro de Beneficencia

Entre o público que ateigaba a sala estaban os cronistas oficiais de Cedeira, Rafael Usero, e o de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, así como outras persoas destacadas da cultura de Ortigueira como Narciso Luaces Pardo, fundador —coa súa muller Herminia Covelo— do Mueso Etnográfico de Meixido.

Características do posto de Cronista

O posto de Cronista Oficial presenta, entre outras, varias características:

- Será desempeñado a título gratuito, isto é,  o designado non recibe remuneracion algunha do Concello.

- Conleva a obriga de emitir os informes que se lle requiran desde o Concello en relación coa Cultura, Patrimonio e a Historia do noso territorio.

- Conleva, asimismo, a obriga de tomar nota dos acontecementos culturais que se desenvolvan ao longo do tempo na zona para elaborar, se procede, unha memoria desas actividades.

O Cronista Oficial ten á sua disposicion un despacho habilitado nos locais da Biblioteca e Arquivo Municipal de Ortigueira.

Traballos publicados

Cumpridos 10 anos desde aquelas datas,  Carlos Breixo segue contribuíndo ao coñecemento e estudo da Cultura e Patrimonio do concello, participando en charlas e conferencias relativas a diferentes ámbitos temáticos, e publicando traballos en revistas. Neste caso, cabe citar a súa participación na revista Terras do Ortegal, onde ten publicado varios traballos que reseñamos:

-       Nº 1 (2014): “Don Federico Maciñeira e don Julio Dávila. Unha relación de amizade exemplar”. Páxs. 115- 158.

-       Nº 3 (2016): “A xénese da vila de Santa Marta de Ortigueira e outros asuntos”. Páxs. 163-204.

-       Nº 5 (2018): “Orixes da asistencia hospitalaria en Ortigueira. Peregrinos a San Andrés e Compostela”. Páxs. 51-78.

-       Nº 7 (2020): “A presenza do apelido Rebollar nas terras de Ortigueira”. Páxs. 187-217.

Tamén colaborou no libro “Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra”, publicado por Terras do Ortegal en 2018 co capítulo titulado “Narciso Luaces Pardo, o home do seu tempo” (páxs. 53-89).

Ademáis diso ten participado en varios actos promovidos por Terras do Ortegal (como os de reivindación do paso do Camiño de Santiago polas nosas terras), así como en varios de presentación de diversos números da nosa revista en diferentes concellos da bisbarra.

Carlos Breixo co pergamiño de nomeamento,
entre o notario Federico Maciñeira Teijeiro
e Rafael Usero, Cronista Oficial de Cedeira 

Por outro lado ten colaborado na revista Hume, de As Pontes, da que é o colaborador máis asiduo, con traballos sobre a historia desa localidade, pero nos que as referencias a Ortigueira e o Ortegal son constantes.

Como exemplo, referenciamos os trabalhos incluídos nas últimas dúas revistas:

  • Revista Hume 17 (2025), en prensa:

"O partido xudicial de Santa Marta de Ortigueira e o concello das Pontes. Unha selección de apuntamentos históricos variados".

 

  • Revista Hume 16 (2024):

"Documentando o Camiño Francés ao seu paso polos lugares de Cheiván e San Antonio da Pena Eiriz, pertencentes á parroquia de Santa María de Vilavella, na antiga xurisdición da Vila das Pontes de García Rodríguez, e a súa relación coa Graña de Goente, e coa de San Miguel de Mera en San Xoán de Ínsua".


Os restantes traballos de Breixo en Hume, Cátedra e Estudios Mindonienses, 16 en total, poden consultarse aquí.

 

Web do concello de Ortigueira

Na web do concello de Ortigueira, no apartado “A Nosa Historia” hai unha sección titulada “Cronista Oficial”, na que se enumeran algúns traballos, aos que se pode acceder de forma completa.


Por último, felicitamos a Carlos por este décimo aniversario do seu nomeamento como Cronista Oficial de Ortigueira, animándoo a seguir traballando pola Cultura, o Patrimonio e a Historia da nosa comarca.


--------------------- 




mércores, 1 de marzo de 2023

Presentación de "O carreiro", de Narciso Luaces, na SIR La Devesana

 


Terras do Ortegal ven de realizar a última homenaxe ó inesquecible Narciso Luaces, mais non a derradeira pois o inxente traballo deste home a prol de recuperar, gardar e compartir con todos os que quixeran acudir a el a nosa memoria histórica está reflectido nunha morea de libros, artigos, faladoiros e, coma non, no propio Museo Etnográfico de Meixido, peza visible e tanxible do seu traballo que implica que o seu estudo polo miúdo dea lugar a moitos máis recoñecementos.

Nesta quenda lembramos a Narciso pola reedición da súa publicación O carreiro. Memorias so Tío Santos despois de facelo tamén nas pasadas semanas en Ortigueira, As Pontes e Mañón. Nela temos un resumo inigualable dunha época por el vivida ó través das pegadas que os contos do Tío Santos, amigo da súa familia, deixaba nun neno coma Narciso, cos ollos ben abertos e cunha curiosidade abraiante e receptiva a todo o que vía e escoitaba, un neno que xa daquela ventaba que o pasado é o alicerce do que agora somos, ou coma dicía Ortega: estamos feitos de Historia. Nesta ocasión, amais, o libro presentouse nun lugar ben relacionado coa publicación pois o seu autor, Narciso sempre levaba presente este lugar, a Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana, e da cal amais o protagonista, o Tío Santos, chegou a ser un dos socios fundadores.

E na mesa tamén uns participantes de luxo coma é o caso do propio fillo de Narciso, Luis Luaces, alma vivinte e protectora do legado do seu pai, e sabedor de que Narciso segue entre nós, que o único xeito dun adeus definitivo é a perda do tesouro que foi amoreando ó longo da súa vida, e Emilio Castro, presidente da sociedade acolledora do evento e tamén dalgún xeito protagonista do libro pois polas súa veas corre o sangue do protagonista por ser neto do mesmo Tío Santos.



Luis Luaces, amais de agradecer a aqueles que fixeron que esta nova edición saíra do prelo, non dubidou en afirmar que o libro axuda tanto coma o museo de Meixido a manter os recordos de todo aquilo que seu pai foi amoreando nos seus últimos anos. Emilio Castro, na súa intervención, votou man da súa profesión de mestre e pedagogo para facer unha análise do libro e nos dicir que nel temos un resumo exemplar de todos os temas que se poidan tocar coma é o relacionado coa emigración, os mestres, as familias, os oficios varios, a nosa historia, as feiras, a Santa Compaña, os léxicos xa desaparecidos e esquecidos, e ata o submarino que visitou O Barqueiro durante a Segunda Guerra Mundial; non dubidou en afirmar que Narciso atopou na figura do seu avó Santos, labrego, carreiro e construtor, un home que lle deu moito xogo para tocar todos estes temas que rebulían na súa prodixiosa mente.

Narciso, que sabía de moitas cousas, tamén era sabedor da fraxilidade da nosa memoria, por iso non dubidou en deixarnos moitos escritos e moitas reflexións que no caso do noso amigo, verdadeiro e inesquecible amigo é aínda máis de agradecer polo esforzo que supuxo ó vir dun home autodidacta. E neste libro O carreiro. Memorias do tío Santos fala diso cando no seu limiar di, ás claras, que «soamente pretendo narrar feitos que aconteceron ó longo da vida dun home que viviu entre os anos 1870 e 1951, sendo consciente de que dentro de poucos anos ninguén os poderá contar».

Desde Terras do Ortegal agardamos que estas homenaxes a Narciso, necesarias e sempre insuficientes, poidan servir para espertar a conciencia daqueles que teñen nas súas mans a continuidade da xoia que representa o traballo de Narciso; estamos a falar de xente que sabemos se move tan só polos réditos a corto prazo, mais teñen que saber que non loitar para que o noso pasado permaneza é perder a nosa esencia da que eles, queiran ou non, tamén forman parte. Se se pon o peche a un edificio pódese facer outro, incluso á súa imaxe e semellanza, mais a nosa historia non se pode pechar, nin tan só ignorar, pois é varrernos do mapa xa que a historia é única e non se pode repetir, nin os réditos acadados sairían a relucir.

----------------------

Texto: Manel Bouzamayor

Fotos: SIR La Devesana


sábado, 29 de outubro de 2022

Ortigueira acolle con agarimo a reedición de «O carreiro. Memorias do Tío Santos» de Narciso Luaces Pardo

 

De esq. a dereita: Felipe Senén López, Luis Luaces,
Emilio Castro e Xosé Mª Torres (no atril)



O pasado 28 de outubro de 2022, venres, tivo lugar no Teatro de Beneficencia de Ortigueira a presentación da nova edición do primeiro libro de Narciso Luaces Pardo, creador e impulsor do Museo Etnográfico de Meixido (Freires).

A anterior edición do libro —esgotada desde hai anos— fora publicada por Galaxia no ano 2000, e reimprimida en 2002; agora, a mesma editorial reedítaa na súa colección Literaria, cambiando a portada e cun formato de maior tamaño, pero moi manexable. 

A iniciativa partiu de Luis, fillo de Narciso quen, como declarou na presentación, propuxo a Galaxia a reedición pola frecuencia coa que a xente lle preguntaba onde podería adquirir algún exemplar deste fermoso libro.

No acto do Teatro participaron Emilio Castro, Felipe Senén López e Luis Luaces, amais do vicepresidente de Terras do Ortegal, Xosé María Torres, quen fixo unha intervención breve para encetar o evento, e na que explicou que este tiña unha especial relevancia para a asociación xa que Narciso fora un dos seus membros máis destacados —publicando varios artigos na revista anual— e polo agarimo que se lle tiña dado seu labor cultural, lembrando o seu falecemento hai dous anos, en xullo de 2020.

Deu paso ao verdadeiro mantedor do acto, Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia, socio así mesmo de Terras do Ortegal e, dende hai pouco tempo, presidente da sociedade de instrución e recreo A Devesana. Emilio, por certo, neto de Santos Castro, o Tío Santos evocado no relato, describiu o valor da obra, unha narración biográfica do que fora un carpinteiro especializado na construción de carros do país, pero que tamén tivera outros oficios como obreiro na construción da ponte do Barqueiro, pois o Tío Santos viviu no último terzo do séc. XIX ata a metade do séc. XX, un período de grandes transformacións sociais na bisbarra.

Libro homenaxe a Narciso,
editado en 2018
por Terras do Ortegal

Louvou a riqueza lingüística que atesoura o texto, espello do mundo rural que coñecía de primeira man, como non podía ser doutra maneira, Narciso, o seu autor. Emilio, que xa coordinara en 2018 o libro Homenaxe a Narciso Luaces Pardo. O infatigable compromiso coa terra, editado por Terras do Ortegal e que o propio Narciso puido disfrutar en vida, relatou a importancia que lle daba o biografado aos libros e á educación, e tamén ao progreso social, algo cortado de raíz pola sublevación militar, e posterior ditadura, do xeneral Franco. 

Rematou a súa intervención apelando a quen corresponda a conservar a colección etnográfica que con tanto amor e dedicación xuntaron Narciso e Herminia Cobelo no seu propio casal de Meixido; unha colección formada por 4.000 pezas, como testemuña o Catálogo do Museo recentemente editado.

Catálogo do Museo de Meixido, editado
neste mesmo ano de 2022
pola Deputación da Coruña

Se a fluidez oratoria é unha das virtudes que adorna ao mantedor do acto, non menor é a elocuencia que distingue a Felipe Senén López, arqueólogo, exdirector do Museo Arqueolóxico de San Antón da Coruña, e promotor de moi diversas iniciativas culturais en Galicia ao longo da súa vida. Felipe Senén fixo un canto ao labor desempeñado por Narciso recollendo pezas que describen ese mundo rural que está a piques de perderse.


O investigador gabou a riqueza cultural que cada instrumento evoca, signo dunha Galicia que se vai:«Somos a última xeración que coñeceu o cultivo da terra, o uso dos muíños, os magostos, as tradicións...». Apelou a conservar estas últimas, como a da Santa Compaña, signo dunha riqueza de identidade moi presente, por exemplo, neste tempo de Defuntos, que con tanta forza se vive no noso país, ocasión que aproveitou para rexeitar tradicións alleas como a do Halloween, importada pola televisión e os filmes estadounidenses. Rematou a súa intervención lembrando a súa relación con Ortigueira, onde tan a gusto se sente, o propio Teatro de Beneficencia, marabilla arquitectónica que instou a conservar, e lembrou o seu vencello con persoas de aquí como o propio Narciso e o seu Museo, ou co farmacéutico Alfredo Torres Pajón, con quen o unía unha estreita relación tras a publicación do libro «Las ortigas. Una revisión interesada»editado por edicións O Paporroibo en 1994 e para o que fixo un fermoso prólogo.


A última das intervencións, xa máis breve, correu a cargo de
Xosé Mª López Ferro fai entrega a Narciso
dun obsequio o día da presentación
do libro-homenaxe en Meixido
(agosto de 2018)
Luis Luaces, quen lembrou como el fora testemuña das conversas entre seu pai e a súa avoa —amais de madriña— rememorando a vida e vivencias do Tío Santos, e lembrando a amizade que unía ás dúas familias, amizade que segue a conservarse hoxe en día entre Emilio, neto do Tío Santos, e el mesmo.

O acto contou coa presenza no público do concelleiro de Cultura de Ortigueira, Juan Cao, e dalgún outro membro da corporación municipal, do director do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes, Xosé María López Ferro, bo amigo de Narciso e Herminia, e que anunciou que o libro será presentado dentro de poucas semanas nas Pontes nas instalacións do seu Museo. Estiveron tamén presentes membros da directiva da asociación Nordés, e outros amigos e coñecedores da obra de Narciso chegados de Cariño, Cedeira e outros puntos do Ortegal. O acto finalizou coa sinatura e dedicatoria, por parte de Luis Luaces, de exemplares do libro a algunhas das persoas asistentes.

Por parte da asociación Terras do Ortegal non resta máis que agradecer ao equipo técnico do departamento de Cultura do concello, a axuda e colaboración na organización do evento.

Con esta actividade entrañable deron comezo as previstas pola asociación para o presente curso e que seguirán desenvolvéndose nos vindeiros meses, entre as que destacan, no mes de novembro, a presentación dun novo libro da colección Guías da que se informará proximamente.


----------------------


Texto: Xosé María Torres.

Fotos: Marta Fraga, técnica do dpto. de Cultura do Concello de Ortigueira e equipo de Terras do Ortegal.