Pena Faladora no Camiño dos Arrieiros (foto: Ana Durán) |
Segundo o historiador e escritor romántico Benito Vicetto, a serra Faladoira (que vai desde Bares ata o monte Caxado) débelle o seu nome á raíña sueva Hildefrida, que ao serlle infiel ao seu home, o rei Remismundo, é condenada a ser enterrada viva entre as penas nalgún lugar do norte da Galiza. Segundo o citado autor, os lamentos da raíña perduran no tempo, e por iso a serra onde foi enterrada, chamouse así. A terrible historia da raíña foi incluída na súa obra Los Reyes Suevos de Galicia, publicada no ano 1860, na Coruña.
De onde sacou Vicetto esta tremenda lenda? A corrente literaria na que se desenvolveu, o romanticismo, adoitaba observar o folclore e a historia como elementos de inspiración, pero cun rigor histórico bastante cuestionado. Ás lendas locais era moi habitual que se engadiran, suprimiran ou modificaran algúns elementos, para pulir a narrativa popular. É moi pouco probable que semellante feito ocorrera, sen embargo, a inspiración do relato é real. No folclore local das terras altas do Ortegal, os veciños non teñen constancia de ningunha raíña enterrada por un home ciumento. Porén, sí falan dunha pena onde parecera que unha muller contesta con eco nun lugar chamado a Pena Faladora.
Na Pena Faladora do Ortegal, algúns todavía rin nervosos recordando que os vellos falaban de que no mencer de san Xoán se aparecía unha muller fermosa, cunha tenda onde poñía obxectos ao sol. Tamén se recolle a lenda do baile do sol, e que nun dolmen próximo (o Forno dos Mouros) se aparecía na mesma data unha galiña cos seus pitos de ouro. Todos estes elementos fan deducir que os veciños probablemente crían que no lugar vivía unha moura (aínda que xa non se lle chame así a esa muller lendaria que vivía no imaxinario colectivo da xente da serra).
Forno dos Mouros no Camiño dos Arrieiros (Foto: Ana Durán) |
As mouras, moi frecuentes no folclore galego, son mulleres moi fermosas, con poderes sobrenaturais, que adoitan vivir en penas, ríos, pozas, restos prehistóricos ou noutros lugares de singular feitura. Segundo Vicente Risco, son reminiscencias de cultos precristiáns anteriores, semellantes ás fadas (faeries célticas).
Que se aparezan sobre todo no día de san Xoan ten que ver co culto ao solsticio solar propio dos pobos antigos da Prehistoria (a Pena Faladora está no Camiño dos Arrieiros, de orixe moi probablemente neolítica, no que abondan túmulos funerarios, menhires e outros monumentos megalíticos). As mouras -tamén chamadas “donas” ou “señoras”- están amplamente documentadas nos estudos etnográficos na Galiza, nunha variedade inxente de lendas por todo o noso territorio. Coa chegada do cristianismo, algunhas mouras mudaron a ser Virxes, e era moi frecuente que onde se aparecían houbera unha cruz para cristianizar o lugar. Na serra da Faladoira, a cruz de lousa chamada Cruz de Alvar González parece xustificar a súa existencia pola crenza popular dunha muller encantada que aparecía na Serra Faladoira.
A súa existencia na colectividade xa só existe na mente dos nonaxenarios e nalgúns dos seus descendentes, que consideran que son contos de vellos, e vai camiño do esquecemento.
----------------------------
Para saber máis:
- DURÁN PENABAD, A. M. As Virxes Irmás da Serra Faladoira. In: Achegas ao Patrimonio Inmaterial Galego. Sociedade Antropolóxica Galega. Pontevedra, 2018.
- MACIÑEIRA Y PARDO DE LAMA, F. Bares, puerto hispánico de la primitiva navegación occidental. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Santiago de Compostela, 1947.
- QUINTÍA PEREIRA, R. Análise estrutural e simbólica do mito da Moura. Urco Edicións, 2015.
- RISCO, V. Obras completas. Tomo 3. Etnografía. Editorial Xerais. Vigo, 1994.
- VICETTO, B. Los reyes suevos de Galicia. A Coruña, 1860.
------------------
Texto e fotos: Ana Durán Penabad
Ningún comentario:
Publicar un comentario