Carlos Breixo, Aline Riola, Lois Armada, Luli Dopico Xosé Mª Torres e Francisco Javier Martínez (foto: Socorro Rey) |
Crónica dedicada á memoria do farmacéutico don Alfredo Torres Pajón, que das ortigas fixo arte, e da Natureza, paixón.
Liquidámbar |
Nogueira |
Oliveira |
A oliveira. Aline Riola, educadora social, neta e filla de emigrantes, foi a primeira invitada a falar da súa aportación escrita para este número, que leva un dossier sobre a Educación no Ortegal. O seu artigo titúlase: «Educando de Norte a Sur e viceversa». Aline relatou as súas experiencias no eido do voluntariado educativo, en países como Marrocos, Senegal e India. Nesta crónica de verán ocorréuseme que ben podía comparar a esta xenerosa moza coa oliveira de Xacobe, que vai medrando na Atalaia, con forza e vigor, como símbolo de Paz e bendicións, porque así é ela, xoven comprometida, altruísta e humanitaria.
Maciñeira |
Castiñeiro |
Magnolio |
Francisco Xavier Martínez Prieto, que remexeu en antigos documentos para nos informar da vella igrexa parroquial de Santa Marta de Ortigueira do Ponto, que atopa un final feliz no outeiro onde ficaba a vella Igrexa de Santo Adrián de Veiga.
Por qué un magnolio? Porque esta flor se asocia á perseveranza, nobreza e dignidade. Así é o noso cura, traballador incansable a prol da cultura, eminente, bondadoso e dinámico.
Paulonia |
A Xosé María Torres outórgolle unha árbore que me encanta, a paulonia. Conta a tradición que na China, cando nace unha nena, plantan unha árbore sorprendente de follas enormes e crecemento rápido, que vai medrando ao tempo que a rapaza, ata que esta se casa, a paulonia. Daquela córtana para facer os mobles do fogar da recén casada. Xosé María é o celme de Terras do Ortegal, o noso Presidente, inquedo, activo e preocupado por todo o concernente ao seu traballo e a Terras. O seu artigo, moi ben documentado na Revista: «O colexio relixioso das Obreiras da Cruz», debulla a historia do colexio das relixiosas en Ortigueira, unha iniciativa educativa dos anos 60, asentado no que hoxe é a casa reitoral, que non tivo continuidade. Como non hai problema de voda na Asociación, a árbore non se talará, e medrará e medrará ata encher de libros as nosas casas. Gracias farmacéutico por cada momento que nos dedicas. Indico que cando naceu o meu neto Manuel, vai agora en agosto para seis anos, tamén plantamos unha paulonia, e está que da xenio vela.
O Cronista Carlos Breixo foi cedendo o posto aos relatores, para el quedaba a sabedoría da voz final, da persoa que ten as ideas claras, a palabra feita teixo, unha árbore que non debe faltar en ningún xardín galego. Fala o profesor Carlos dende a investigación auténtica e veraz, informándose a conciencia sobre calquera tema que se lle propón. Neste caso sobre: «Orixes da asistencia hospitalaria en Ortigueira. Peregrinos a San Andrés e Compostela». No inicio da súa intervención tivo un cariñoso recordo para Federico Maciñeira, recentemente falecido, a quen tanto lle debe el e todo o pobo de Ortigueira —dixo. Todo un luxo contar coa presenza do Cronista.
O acto finalizou cun animado coloquio, no que se tratou o asunto do futuro que pode ter o Museo de Meixido e do patrimonio que se garda na Fundación Ortegalia.
Para finalizar quero agradecer en nome de Terras a asistencia de público que enchía o local, dende onde ollamos a nosa preciosa Ría ao atardecer. Para todas as persoas que nos acompañaron e nos brindan sempre o seu apoio, vaia para elas como agasallo final un fermoso souto de castiñeiros, nunha espléndida tarde de verán. E como teño dúas árbores
máis para adxudicar, a Tomás Caula, excelente pintor, autor da contraportada da Revista, non dubido en concederlle o finísimo pradairo (arce), que destaca polo seu colorido. Para Sonia Fernández, autora da portada que presenta a Escola de San Adrián, vaia o eucalipto ornamental. Para o resto dos autores que compoñen a Revista, ofrézolles unha mata de hortensias a escoller cor.
Eucalipto ornamental |
Hortensias |
-----------
Texto: Luli Dopico
Fotos: Luli Dopico (árbores) e Socorro Rey (mesa presentación)
Fotos: Luli Dopico (árbores) e Socorro Rey (mesa presentación)
Ningún comentario:
Publicar un comentario