Durante a segunda semana de xullo conmemorouse na vila ortigueiresa o 40 aniversario do inicio do Festival Celta, que fixo o número 34 de edición, xa que non se celebrou durante seis anos.
A Asociación Galioart, en colaboración co Concello, organizou por terceiro ano consecutivo un taller de fotografía. Falamos cun membro responsable do mesmo, Suso Giz.
Cóntannos que once persoas cheas de paixón pola fotografía de distintos lugares de España (Ourense, Vigo, Cuenca, Guadalaxara) e incluso Portugal o ano anterior, se deron cita neste obradoiro que xa está consolidado como unha actividade do máis interesante dentro da organización do festival. O curso foi impartido polo fotógrafo Xulio Villarino, fotógrafo con ampla experiencia e capacidade didáctica, especialmente na disciplina documental e no traballo editorial. Os dous anos anteriores impartiu o curso Alberte Pereira.
—En qué consiste o asunto?
—O taller presenta unha parte teórica na que se ensina o concepto de fotografía documental, que nos da unha vision diferente da fotografía de prensa. Hai unha segunda parte práctica na que saímos captar o que consideramos interesante. Logo reunímonos para facer o visionado de imaxes e o último día cada un elixe as súas 15 fotografía favoritas, que o docente comenta. Pasados unhas semanas revisase esa selección e o editor terá que montar un vídeo de xeito harmónico e resultado coherente, elixindo 3 de cada participante, esta parte é a que se denomina edición, como a que fai un editor dun medio escrito. É unha parte moi complexa pero á vez interesante e que leva consigo que haxa que descartar imaxes que por si soas funcionen ben pero non no conxunto do vídeo.
Por poñer un exemplo, as 11 fotos que se mostran no blog corresponden á foto favorita de cada participante, pero a simple vista podemos decatarnos de que existen moitas imaxes de noite e quedan sen contar cousas importantes do festival, nunha edición conxunta iso debe tentar evitarse.
—Pasádelo ben?
—De marabilla. Os participantes disfrutaron a tope. Viñan cunhas ganas tremendas de mergullarse no espírito festivalero, desexaban pasalo ben, gozar do ambiente e tomar as mellores fotos. Este ano as sensacións foron incribles, bo tempo, suaves temperaturas e unha espectacular lúa nova brillando no ceo. Captamos unha sorprendente tranquilidade, diría «zen», un comportamento exquisito dos folkies. En Morouzos palpábase unha enerxía positiva que nos contaxiaba o bo rollo dos acampados. A verdade causounos impresión a paz que se respiraba.
—Cal é a finalidade do taller?
—A primeira finalidade para unha entidade sen ánimo de lucro é difundir a cultura e disfrutar organizando este tipo de actividades, pensamos que pode ser moi interesante acadar un documento gráfico interesante que perdure no tempo. Preparar unha exposición cando teñamos material dabondo e expandir o festival e a súa música a través de fotografías e vídeos por toda a xeografía, todo isto cunha visión plural dos participantes e docentes que vaian pasando por el. A curto prazo, a finais do verán ou comezos de outono mostraremos o vídeo da edición. Todo apunta a que faremos un vídeo fantástico. Os dos anos anteriores pódense ver na páxina web de Galioart, no apartado de actividades. https://galioart.wordpress.com/
—Xorden problemas á hora de facer fotos?
—A maioría das persoas non teñen inconvinte, aínda que hai xente que non lle gusta. Sempre comentamos no obradoiro que se alguén lle molesta que tomemos a foto, que a borremos na súa presenza, non ten sentido conservar unha foto de alguén que se poda sentir incomodo. Na foto de rúa moitas veces tratase de coller escenas espontáneas pero outras pedimos permiso e logo incluso lles enviamos a foto. Quedan encantados. Ata facemos amigos.
—Cómo colabora o Concello?
—Xenerosamente. Dannos os permisos que necesitamos para estar dentro do foso, fotografar os concertos, músicos e público en xeral. Tamén nos dan os pases para acceder en coche ao piñeiral, cousa que facilita o traballo para non ter que ir cargando coas mochilas cámaras e obxectivos.
—Sentídesvos respaldados para darlle continuidade?
—Calquera proxecto ambicioso require apoio e participación de moitas persoas. Concretamente neste taller sempre hai xente que posibilita e facilita as cousas, o que permite facer un obradoiro cada vez máis atractivo.
—Vamos cos agradecementos.
—Primeiro dar as grazas a todos e cada un dos participantes pola súa asistencia, está claro que sen eles non sería posible levar a cabo o taller. Grazas dobremente aos que repetiron por segundo o terceiro ano, algúns incluso viñeron acompañados de novos participantes aos que trasladaron a súa visión de convocatorias anteriores sobre o obradoiro, o que se di: «O boca a boca». A Ana, Clara, Daniel, Dori, Isabel, Iván, Luz, Pilar, Sergio e Yolanda, grazas pola boa predisposición. Tamén unha agarimosa lembranza para os participantes dos anos anteriores. A Elisardo de prensa pola súa axuda e facilidades na xestión dos pases e demais favores durante eses días. Ao Concello e á Dirección do Festival pola colaboración prestada.
A Ángel Lozano polas palabras de apoio o día da despedida. Mil grazas a don Francisco Xavier Martínez Prieto, párroco de Ortigueira, por cedernos o local da Casa Reitoral o primeiro día, pois tivemos un problema na sede da asociación que finalmente puideron arranxar, e por estar dispoñible sempre que se necesita algo. A Xulio Villarino, con el aprendemos moitísimo de fotografía e conseguiu contaxiarnos uns valores altamente positivos que van moito más aló diso e polo tanto, aí queda esa contribución a mellorar as cousas. Como nos dixo na despedida: «A cultura é tremendamente importante e merece que se lle trate mellor», se con iniciativas populares Galioart pode contribuír de algunha maneira, aquí deixamos o noso gran de area.
E todas as grazas do mundo a todos os compañeiros deGalioart, que limpan, ordenan, manteñen o local activo por amor ao arte. En especial a Diego Pérez Dopico, Presidente da Asociación e a Billy polo traballo antes, durante y despois do taller.
Gracias a ti, amigo Suso, polo empeño que pos sempre en que todo saia perfecto e a xente leve unha boa impresión de nosa amabilidade como pobo.
----------------
Texto: Luli Dopico
Pés de foto:
Grupo: Fotógrafos participantes co concelleiro de Ortigueira Anxo Lozano.
Sede: Na sede de Galioart (antigo matadeiro), co fotógrafo Xulio Villarino e Diego Pérez Dopico, presidente da Asociación.
Suso Giz, responsable do Obradoiro de Fotografía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario