domingo, 29 de abril de 2018

Vibrante disertación sobre Elena Quiroga, a novela Viento del Norte e Ortigueira

Foto: María José Vilasánchez



O pasado venres  27 a Biblioteca Municipal de Ortigueira acolleu unha charla sobre a escritora Elena Quiroga impartida por Alfredo Torres Bouza, profesor de Língua e Literatura. O acto, organizado en colaboración coa asociación Terras do Ortegal, trata de poñer en valor a estancia da escritora na nosa vila en 1949 –van alá 69 anos- durante a cal redactou a novela Viento del Norte, gañadora do prestixioso Premio Nadal 1950.

Foto: David Rguez. Morado
A sesión literaria comezou cunhas palabras de Vanesa Trevín, concelleira de Cultura de Ortigueira, que enmarcou o acto nas celebracións do Día do Libro 2018, que tiveron como epicentro a Biblioteca Municipal, con charlas e concursos no colexio público José María Lage, así como entregas de libros nas diferentes parroquias do concello e na propia biblioteca por parte de María José Vilasánchez e Mónica Pérez Armada, directora e axudante da biblioteca.
Dando paso á charla en si mesma, o relator foi presentado pola escritora Obdulia Dopico, que repasou brevemente o curriculum e vida persoal de Alfredo Torres, revelando, entre outras cousas que colabora coa revista Terras do Ortegal como corrector lingüístico,  e que tal vez teña que aprender chino, dada a estancia naquel país asiático dunha filla sua.

Torres apoiou a sua disertación con imaxes da obra e a vida de Elena Quiroga, de quen destacou que foi a terceira muller elexida como membro da Real Academia Española. Dividiu a charla en tres partes:
Chalet que foi de Segunda Calvo
Foto: XMª Torres
a) Elena Quiroga entre os escritores da sua época
b) A obra literaria de Elena Quiroga
c) A novela Viento del Norte e a súa relación con Ortigueira.
Torres foi debullando con extensión e erudición –obxectivismo, realismo, crítica social…- a vida e obra de Elena Quiroga (1921-1995), nunha especie de lección magistral, como declarou ao final Luli Dopico.

A vida de Elena Quiroga transcorre por Santander, onde nace, a Casa Grande de Viloira (O Barco de Valdeorras), onde pasa unha feliz infancia,  Bilbao, Roma, A Coruña, Madrid –onde vive co seu esposo, o historiador e xenealoxista Dalmiro de la Válgoma, Secretario perpetuo da Real Academia da Historia- e Nigrán. Na cidade da Coruña vivía con seu pai, José Quiroga Velarde, conde de San Martín de Quiroga; nesta mesma cidade vivía tamén o ortegano Dámaso Calvo, irmao de Segunda Calvo, e amigo do pai de Elena Quiroga; Dámaso invitaría á escritora a pasar unha temporada en Ortigueira e escribir na casa de Segunda, unha señora, xa viuva, que vivía a mitade do ano nun amplo chalet modernista na nosa vila, e a outra mitade en Madrid.

Pazo de Brandaliz
Elena Quiroga aproveita a estancia, como ten revelado o xornalista Ramón Barro, para visitar as casas nobles da comarca, como o pazo do Souto, en Mera, solar da familia Pita, ou Torre de Lama, en Ribeiras do Sor, solar da familia Pardo de Lama, e sobre todo o pazo de Brandaliz, en Luama. Neste fermoso e antigo pazo, antigo solar dos Ponce de León, e propiedade hoxe da familia Teijeiro, situaría a escritora a acción de Viento del Norte. Torres presentou documentos procedentes do arquivo familiar de José Antonio Calvo que atestiguan o nacemento en Ortigueira da novela premiada co Nadal.

Torres finalizou agradecendo a atención con que foi seguida a charla, que se prolongou algo máis do previsto pola paixón do orador, que desde un principio acolleu con entusiasmo a proposta de divulgar e poñer en valor a obra da escritora Elena Quiroga, ligada para sempre, a traveso da novela Viento del Norte, á vila de Ortigueira, algo que tal vez debería ser obxecto dalgunha expresión conmemorativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario