sábado, 21 de abril de 2018

Os trincados: unha fermosa páxina do transporte marítimo

.




Os trincados, barcos de cabotaxe menor, ían de porto a porto costeando, percorrendo a contorna para abastecer a poboación. A súa orixe debe ser ben antiga; temos constancia de que, polo menos ao longo da primeira metade do século XX, foron esenciais para o transporte de mercadorías entre as nosas rías. 
Esta denominación provén do sistema de construción en calime, que xa era utilizada nos drakkars viquingos: as táboas do casco sobrepúñanse unhas nas outras (trincábanse). 
Primeiro móntase a quilla cos codastes de popa e proa (roda), despois aséntanse as táboas (banzos), que determinan a forma do barco, e logo fanse as cadernas (como se fosen as costelas), adaptándoas. 
Nas naves de casco liso (construción a tope) aséntanse antes as cadernas e logo fórrase toda a estrutura coas táboas.

En Cedeira, contra o peirao, o "Villa" que un día se esfumou indo para a Coruña cunha carga de leña, aló polo ano 1946. 
Os tripulantes nunca apareceran, tampouco o barco... tampouco a madeira que cargaba. Ao lado o "Melón", que se afundiu camiño de Sismundi (Cariño), a onde ía para ser reparado nos estaleiros. Aínda ben que desta non houbo vítimas!

Na vella praia de Cariño, o “San Luís” descargando viño nas pipas, maínzo en sacos, maquinaria en caixas... Na viaxe de volta levaría os tabais de sardiña que as conserveiras locais enchían arreo.
Ao fondo, o promontorio de “O Castro”, dique de abrigo natural que protexía unha vila e un porto emerxentes.
Á esquerda, un carro de rodas cambas, xa cargado (outro asoma á dereita, tras os tabais). Alén da moita xente que a carga e a descarga ocupan de seu, o impacto social da chegada a porto dun trincado faise evidente pola concorrencia de cativos, ociosos e gallofeiros que, malia estaren descalciños, sempre andaban cheos de ledicias e ilusións.


Autoría: texto de Antom Labranha, socio colaborador do museo "Mares de Cedeira"; fotografías do facebook de Lisardo; debuxo de Pepín.


Ningún comentario:

Publicar un comentario