martes, 4 de outubro de 2016

Presentación de TERRAS DO ORTEGAL en Cerdido e Asemblea Xeral da asociación en Ortigueira

.

Esta semana teremos dous actos promovidos pola asociación Terras do Ortegal. En primeiro lugar, o próximo venres, 7  outubro terá lugar a presentación do número 3 da revista en Cerdido, grazas á colaboración do concello de Cerdido, e en concreto de Cándido Prieto, concelleiro nesa localidade.
A presentación é xa a cuarta que se realizada deste número da revista; antes, presentouse no Barqueiro, Cariño e Ortigueira. Todo isto conforme aos plans da asociación e da revista de difundir traballos de autores ou temas que pertenzan á comarca do Ortegal.

Neste número 3 hai só un artigo adicado directamente ao concello de Cerdido; trátase de "Percorrido pola toponimia de Cerdido", elaborado polo especialista Xosé Luis González, no que vai describindo e interpretando topónimos da freguesía da Barqueira, da de Cerdido, e da dos Casás. Así, no artigo van aparecendo nomes como Malados, As Barbelas, Rioforcado, Viladóniga... ou o propio Cerdido, dos que se da a orixe máis acaída, sempre -segundo o autor- coa intención de poñer en valor a riqueza toponímica de Galiza
O acto de presentación terá lugar na Casa da Cultura ás 8 da tarde.
----

Por outro lado, aproveitamos para informar de que pasado mañá xoves, 6 de outubro, terá lugar a Asemblea Xeral 2016 da asociación Terras do Ortegal, como xa foi convenientemente comunicado a todos os socios/as. Terá lugar ás 8 da tarde do xoves na cafetería do Centro de Visitantes, no Malecón de Ortigueira.
Na mesma darase conta das actividades realizadas pola entidade e das próximas a celebrar, que inclúen a edición dunha obra premiada nun Concurso literario para o mes de Nadal.


Ningún comentario:

Publicar un comentario