A actual crise do coronavirus, da pandemia polo coronavirus, que tanto está afectando a España, lévanos a lembrar outras epidemias xa pasadas. Antiguamente era habitual referirse ás enfermidades epidémicas como plagas ou pestes: as plagas de Exipto, as pestes medievais, etc., pero hoxe son denominacións pouco usadas pola carga negativa, estigmatizante, que comportan.
Para ter claros os conceptos, podemos definir epidemia como o incremento do número de casos habitual dunha enfermidade nunha zona, ben sexa un país ou unha rexión; este termo, epidemia, normalmente está reservado para referirnos ás enfermidades infecciosas ou contaxiosas, como a gripe, a tuberculose, a sida, etc. Cando a epidemia afecta a todo o planeta, falamos de pandemia.
Restrinxindo o periodo histórico aos últimos 170 anos, imos empezar nesta primera entrega polo ocorrido no ano 1854.
Epidemia de cólera de 1854 en Cariño
Durante os séculos XVIII e XIX foron varios os episodios de cólera que se deron en España, en especial polo retorno de soldados que chegaban de Cuba ou Filipinas. Pero houbo sobre todo 4 brotes importantes, como relata Anxo M. Rosende no artigo «A epidemia de cólera no porto de Cariño en 1854», publicado no nº 5 (2018) da revista Terras do Ortegal, ao que nos remitimos e invitamos a consultar para máis detalle.
Nº 5 da revista Terras do Ortegal que contén o artigo de Rosende |
No ano 1852 prodúcese unha pandemia mundial de cólera, con orixe na India, e que chega desde Asia ata Inglaterra, e daí a outros países europeos, entre eles España. En Galicia entra a finais de 1853 nun barco de guerra que chegou a Vigo, a pesares da cuarentena obrigada na illa de San Simón. A primeiros do novembro de 1854 chega a Cariño, e as autoridades decretan enseguida o illamento do porto.
Débese lembrar que naquela época non se coñecían as bacterias nin os virus, e pensábase que as enfermidades contaxiosas se transmitían polo aire a traveso dunhas misteriosas miasmas, uns corpúsculos non definidos, e tampouco existían tratamentos eficaces. A Microbioloxía nace no último terzo do século XIX (con forte resistencia dalgúns científicos) grazas aos traballos do francés Louis Pasteur, e ao alemán Robert Koch, que descubriría o bacilo do cólera en 1884.
Os cirurxiáns
En Ortigueira o subdelegado de Medicina era Juan Armada, único profesor (licenciado) de Medicina. O profesional sanitario máis cercano ao porto era Vicente Carballés, cirurxián residente na parroquia de San Adrián de Veiga. Os cirurxiáns eran uns profesionais sanitarios
que poderíamos hoxe situar entre os enfermeiros e os médicos: podían tratar feridas, aplicar enemas, facer sangrados, correxir traumatismos, drenar forúnculos e en xeral tratar enfermidades que afectaban ao exterior do corpo, pero non ás do interior (hoxe os cirurxiáns están xunguidos cos médicos, que se titulan graduados en Medicina e Cirurxía, un atavismo doutros tempos). Tampouco había farmacia en cariño (a primeira farmacia sería instalada no Porto en 1931 polo vallisoletano José Marín na praza da Pulida), o que dificultaba a atención sanitaria, pois as medicinas debían prepararse e enviarse desde a botica que Andrés Pita (nacido Andrés Rodríguez Díaz) tiña na Vila, na rúa Ancha -o actual Cantón-, e que exerceu cando menos entre 1837 e 1862).
Encomendado polo concello de Ortigueira, Carballés chega a Cariño 13 días despois do comezo da epidemia, cando xa morreran 12 persoas. Carballés ía de casa en casa, acompañado de 2 axudantes: un membro da Comisión Auxiliadora, Francisco Armada que o guiaba pola rúas do Porto, e un mozo que portaba o maletín.
O impacto da epidemia
A epidemia dura 46 días, desde primeiros de novembro ata mediados de decembro. Cada día morrían 3-4 persoas, e nalgunha casa morreron todos os habitantes, e quedaron moitos nenos orfos.
Rosende estima no artigo referido que máis de 250 persoas resultaron contaxiadas, delas unhas 100 falecidas, sobre todo mulleres, que chegraon ao 60% dos óbitos. Os datos son parciais e incluso contradictorios (como sucede tamén hoxe en 2020 coas cifras da infección por coronavirus) como revela Carballés nos informes que fai ao Concello, e nos que trata de preservar a súa actuación profesional.
A epidemia dura 46 días, desde primeiros de novembro ata mediados de decembro. Cada día morrían 3-4 persoas, e nalgunha casa morreron todos os habitantes, e quedaron moitos nenos orfos.
Rosende estima no artigo referido que máis de 250 persoas resultaron contaxiadas, delas unhas 100 falecidas, sobre todo mulleres, que chegraon ao 60% dos óbitos. Os datos son parciais e incluso contradictorios (como sucede tamén hoxe en 2020 coas cifras da infección por coronavirus) como revela Carballés nos informes que fai ao Concello, e nos que trata de preservar a súa actuación profesional.
Cariño tiña daquela pouco máis de 700 habitantes, polo que os afectados foron unha terceira parte, e morrería un 14%, algo superior ao de outras localidades galegas que sofriron a pandemia. Afortunadamente a epidemia non se estendeu pola bisbarra: houbo 2 casos no porto do Barqueiro, pero ningún máis. En España causou unhas 235.000 mortes.
O medo era libre. De feito, un mensaxeiro de Carballés que levaba informes da epidemia e peticións a Ortigueira non puido chegar, pois o barqueiro de Sismundi non quixo transportalo.
Medidas contra a enfermidade
Rosende apunta que a Xunta Municipal de Sanidade dictou varias medidas preventivas, que non difiren moito das que temos vistos estes días coa epidemia de COVID-19, coa salvedade de que os tratamentos farmacéuticos actuais son moito máis específicos e eficaces:
- Hixiene: Limpeza de casas e rúas, airear os edificios e evitar comer alimentos insalubres
- Medidas anticontaxio: peche das fábricas e cordóns sanitarios (había vixiantes en San Claudio e tal vez noutros lugares)
- Tratamentos medicinais: a cargo do cirurxián Carballés, con medicinas preparadas polo boticario Pita de Ortigueira.
Ata aquí o relato dun episodio tráxico da historia da medicina no Ortegal.
---------
Texto: Xosé Mª Torres
---------
Texto: Xosé Mª Torres
Ningún comentario:
Publicar un comentario