martes, 2 de xuño de 2020

Próxima saída do nº 7 da revista Terras do Ortegal, cun dossier adicado a Cerdido





Ola! Desde a Directiva de Terras do Ortegal queremos informar sobre como a epidemia de COVID-19 está afectando ás actividades da nosa asociación.

Desde xa antes do Estado de Alarma (declarado a mediados de marzo), e cun ánimo de prevención, decidimos suspender as charlas previstas para abril, maio e xuño, dentro das 3ª Xornadas de Terras do Ortegal, adicadas este ano á Natureza do Ortegal.
Pero despois, a medida que se agravaba a situación decidimos suspender todas as actividades presenciais.

Pasada a época de maior incidencia da epidemia, a Directiva reuniuse o pasado luns, 1 de xuño, e decidiu o seguinte:

  1. Continuar coa suspensión de actividades presenciais ata (como mínimo) o 31 de xullo
  2. Preparar algunha charla por videoconferencia, en concreto a concertada co profesor Bernardo Penabade sobre Ricardo Carballo Calero, ao que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas 2020
  3. Programar a publicación do Nº 7 da revista Terras do Ortegal para mediados de xullo,

Revista Nº 7. Ano 2020

A revista, como sabedes, soe aparecer no verán, pero o encargo e preparación dos artigos faise ao longo do ano, con moita antelación, co que esta situación de alerta sanitaria apenas interrompeu a edición do número deste ano, do cal temos a previsión de que saia a mediados do mes de xullo.
Tras o número 6, do ano pasado 2019, adicado ao concello de Cedeira, este ano decidimos que o dossier fose dedicado ao concello de Cerdido, un dos dos concellos do Ortegal menos poboados, pero non por iso con menor Historia e interese cultural.

Como todos os anos, procuramos que a panoplia de autores da revista vaia variando, e alén de autores xa coñecidos para os nosos leitores, hai outros que colaboran na revista por primeira vez. Sen adiantar nin descubrir ningún secreto, dos 17 artigos que conforman este número, 10 están a cargo de investigadores que colaboran en TdO por primeira vez, mentras que os restantes artigos son obra de persoas que teñen colaborado en números anteriores.

O proceso de edición conleva varios pasos: entrega dos orixinais, revisión lingüística, maquetación, revisión das probas polos autores e finalmente impresión, que como xa adiantamos, agardamos que conclúa a mediados do próximo mes de xullo, para que a revista estea nas librarías da comarca a disposición de quen a queira adquirir; pola súa parte as persoas asociadas a Terras do Ortetal recibirán gratuitanente a revista, coa máxima celeridade posible.

---------









Ningún comentario:

Publicar un comentario