xoves, 25 de xuño de 2020

Unha lembranza de Pepe el ferreiro, fundador do museo etnográfico de Grandas de Salime

Con boina e termando dun xugo, Pepe El Ferreiro,
nas Pontes (2013), con Narciso Luaces,
Xosé Mª López Ferro, do museo das Pontes,
e Felipe Senén, entre outros.





BREVE LEMBRANZA SOBRE JOSÉ MARÍA NAVEIRAS ESCANLAR (1942-2020)PEPE EL FERREIRO OU COMO A CULTURA ANCESTRAL DUN POBO PODE SERVIR DE RECURSO ENDÓXENO PARA XERAR RIQUEZA E FREAR O DESPOBOAMENTO. 

Quen isto escribe lembra que por 1984 era estudante de quinto curso de Xeografia e Planificación do Territorio da universidade de Oviedo. Na asignatura de Xeomorfoloxía realizábamos prácticas na costa occidental asturiana e oriental galega estudando o batolitode Boal e a rasa costeira que chega ata San Cibrao. Ó terceiro día, cunha nevada de medo, e dada a proximidade de Grandas de Salime, o catedrático Francisco Quirós Linares, que no Olimpo estea, decidiu achegarnos a esta vila para coñecer o recentemente inaugurado Museo etnográfico de Pepe El Ferreiro.

Entrada ao museo etnográfico de Grandas
Chegamos encantados polo que significaba de lecer diante dunha tarefa dura, pero delo lembro o intre no que se encontran Pepe e Quirós, apoteósico; unha aperta descomunal, das que rachan costas e a comprobación de que a ciencia e as inquietudes e amor pola terra poden ir da man. O cátedrofalounos do que significaba aquela institución; nada máis nin menos que da relación simbiótica do home co terruño, o respecto do primeiro polo segundo e dádivas que este nos doaba. O museo estaba daquela nos baixos do edifico municipal e constaba de moitas pezas artesanais, comezaba a andar, pero diante da miña sorpresa, e coido que da de todos, Pepe colleu unha gubia, enroscóuna sobre unhas poleas de coiro que se accionaban por un pedal, a modo de tupí moderna, un anaco de madeira de buxo, e en cinco minutos, movendo o pé dereito e as mans; fíxonos un prato de comer o caldo, pasados outros dez; unha cunca para beber viño, e tivemos que paralo porque de seguir faría unha vaixela.
Unha das salas do museo




Un labor de anos
Logo explicounos que levaba anos recollendo material resultante dos modos de vivencia que practicaban os veciños, facéndoos partícipes directos daquel experimento. E subliñou que chorar estaba ben para desafogar, pero que non daba de comer. Quería que o museo fora un polo de atracción de xentes que quixesen saber da forma de vida dunha zona montañosa nada amable, pero que tamén comprendésemos que esta podía darnos recursos que explotar para non ter que abandonala. Iso é o que lembro.
Aquel mesmo ano, o meu curso dividiuse en equipos que catalogaron os recursos materiais e inmateriais de Asturias a encargo do goberno do Principado; logo viría o Plan Oscos-Eo e a conversión de Taramundi e a súa bisbara nun dos máis afamados centros de turismo rural de España, con relevancia mundial (moitos dos meus alumnos estranxeiros da extensión universitaria da Uned pídenme información sobre a cuestión), logo o II Plan, etc.

Lembranza de Pepe El Ferreiro
Agora, recentemente falecido este pioneiro, vaian as miñas lembranzas para el, e para a súa obra. En definitiva, lembro a Pepe e a Quirós como adiantados, precursores, pero sobre todo, coido que lles debo a idea de que todo o que temos, sexa mar ou terra, aquelo que nos identifica, ten valor; que as pedras das casas, das cortes, dos muíños, os peiraos, as embarcacións varadas, os restos das salgadeiras ou conserveiras, por exemplo, non deben durmir. Quizais, debéramos ser máis conscientes de que o seu valor de uso no so tivo sentido no pasado, tamén o ten hoxe. 

O museo de Meixido
Sirva tamén esta ocasión para desexar un futuro digno para o museo etnográfico que Narciso Nuaces e a súa muller Herminia Covelo (), puxeron en marcha no lugar de Meixido, onde vivían, na parroquia ortigueiresa de San Paio dos Freires. Oxalá as administración públiucas poidan asegurar o seu futuro e que non se estrague unha obra de moitos anos. E que a veciñanza e os interesados da zona no mundo da cultura e o patrimonio saiban -e Terras do Ortegl-respostar ao desafío que este proxecto representa.

------------------

Texto: Chema Leal

Ningún comentario:

Publicar un comentario