Tomada da web https://sites.google.com/site/carvalhocalero/ |
Aínda que sempre me chamou a atención, desde moi neno, a placa que hai na fachada da casa onde naceu Ramón Armada Teixeiro, hoxe propiedade da nosa boa amiga Teté Suárez, o certo é que o meu interese pola figura do poeta ortegano nace coa lectura da Historia da Literatura Galega Contemporánea de don Ricardo Carvalho Calero.
É aí onde descubro a importancia de Ramón Armada Teixeiro e é ese tamén o momento no que comezo a reivindicar a súa figura e a investigar a súa vida e a súa obra, sempre co entusiasmo e a imprescindíbel colaboración de don David Fojo Salgueiro. Ese meu traballo está moi ben recollido, semana tras semana, nas páxinas de La Voz de Ortigueira dos anos oitenta.
Precisamente un deses meus artigos decidín dedicarllo e enviarllo ao profesor Carvalho Calero, a figura a quen este ano a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas. A xeito de lembranza e homenaxe a quen foi o primeiro catedrático de Lingua Galega na Universidade de Santiago e unha das grandes personalidades da cultura galega do século XX, reproducimos aquí a carta coa que don Ricardo nos agradece o noso traballo, escrita cunha xenerosidade e unha beleza literaria que aínda hoxe nos resulta admirábel. Hai que pensar que eu era un rapaz de San Claudio que escribía en La Voz de Ortigueira e nalgúns outros periódicos e el era un dos máis brillantes intelectuais que deu a cultura galega.
Texto: Manuel López Foxo
Artigo publicado en:
- Semanario La Voz de Ortigueira o 15.05.2020
- Blog "a nación que soñamos", do autor: http://anacionquesonhamos.blogspot.com/2020/05/unha-carta-de-don-ricardo-carvalho.html?m=0
Ningún comentario:
Publicar un comentario