martes, 20 de decembro de 2016

Presentación do libro O SEGREDO DA RUNA, de Luli Dopico, primeiro libro de Terras do Ortegal

Foto: Álvaro F. Polo



A asociación Terras do Ortegal, editora da revista anual de igual nome, que xa vai polo Nº 3 (2016), inicia unha nova singradura coa publicación do libro "O segredo da runa", da coñecida escritora Obdulia Dopico.

O libro será presentado este venres, día 23 de decembro, ás sete da tarde, na sede da Fundación Ortegalia.
 “O Segredo da Runa”, a unha nova novela de Luli Dopico, está ambientada en Ortigueira, en lugares emblemáticos da nosa Vila durante un dos  primeiros Festivais do Mundo Celta; está adicada pola autora aos fundadores do Festival, á Voz de Ortigueira no seu Centenario e a todas as xentes de Ortigueira.
Ademáis do relato en si, a obra está enriquecida con varias  imaxes do experto  fotógrafo Álvaro Fernández Polo, que é autor asimesmo dun interesante prólogo.

No acto, que dará comezo á 7 da tarde,  intervirán Carmiña Loureiro, Charo Suárez, Xavier Martínez Prieto, persoas interesadas no mundo da cultura nos seus diversos aspectos, e propia autora, Luli Dopico. Durante a presentación proxectarase un vídeo con imaxes dos lugares por onde discorre o entramado do relato.
Foto: Álvaro F. Polo

Obdulia Dopico
Nace na parroquia de Landrove (Viveiro) no ano 1951. Estuda Maxisterio en Lugo e leva corenta anos vivindo en Ortigueira, onde imparte clases no Colexio Público “José María Lage”.
Ten escrito varios libros: o primeiro, titulado “A beira do Landro”, trátase duns contos que se publicaron na “Voz de Ortigueira” e que foron recollidos nunha separata por don David Fojo Salgueiro, no ano 1993. Con posterioridade publicou a triloxía “Zarcos”, tres libros que levan os títulos de: “Querida Azul” (esgotado), “Diario de Ana” e “Confesiones de S.”.
Foi  Presidenta da Asociación das “Amas de Casa” e Secretaria de “O Paporroibo”, Asociación Cultural dedicada ás letras do Ortegal. En 1996 gaña o premio “Curuxa do Humor” de Fene co relato “Setembro”. Tamén foi membro da Universidade Popular de Verán de Ortigueira e participou en obras de teatro con Luís Alonso Santiago e co grupo “Ultreia”.
Actualmente colabora cos dous Semanarios máis antigos de Galicia, centenarios xa: “El Heraldo de Vivero” e “La Voz de Ortigueira”. Neste último fixo una ardua tarefa de investigación, resumindo as “Crónicas” da vila dende o ano 1916 ata o 2000.
No 2014 quedou finalista do concurso “Novela por entregas do verán”, da Voz de Galicia, co relato “A pena das calandras”, ambientada en Viveiro. Este verán (2016) ven de quedar finalista por segunda vez no mesmo concurso cunha novela titulada “O segredo da runa”, ambientada nun dos primeiros festivais internacionais do Mundo Celta de Ortigueira, plasmando na trama a xeografía de lugares coñecidos por todos, e inspirada en  personaxes reais e ficticios da comarca. Esta vez a autora quere amosarlle ás xentes de Ortigueira a súa gratitude, intentando situar á vila ortigueiresa no mapa literario das letras galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario