xoves, 12 de maio de 2016

Acto sobre Manuel María no Teatro de Beneficencia

.




O poeta chairego Manuel María é o elexido este ano 2016 para celebrar o Día das Letras Galegas. 
O acto que organiza o Concello de Ortigueira terá lugar no Teatro de Beneficencia o próximo venres, 13 de maio, ás 20.00 h.

O acto contará inicialmente cunha disertación sobre a poesía Manuel María a cargo de Manuel López Foxo,  ortigueirés de San Claudio, divulgador cultural como gusta chamars,e e especialista na obra do autor homenaxeado, co que fixo amizade.
A continuación haberá outra charla de Carlos Diéguez Beltrán, director da Escola de Música de Ortigueira titulada "Lembranzas de Manuel María".
Como moitos saben, Carlos Diéguez, ata hai pouco tamén Director da Banda Municipal de Ortigueira, é natural de Monforte, onde traballaba e vivía  o poeta, polo que terá tamén vivencias moi cercanas.
O acto finalizará coa intervención de tres agrupacións vogais:
- Coro infantil da Escola de Música de Ortigueira
- Coro de Adultos da Escola de Música de Ortigueira
- Coro do IES de Ortigueira.
Unha celebración completa, coa unión da música e a poesía, que agardamos sexa todo un éxito e que esté acompañado dunha asistencia importante do pobo de Ortigueira.


Manuel López Foxo.
Comezou a colaborar na prensa aos dezasete anos, cultivando 
preferentemente  o xornalismo cultural. As súas primeiras colaboracións foron nos anos setenta en “La Voz de Ortigueira” e nas páxinas culturais de “El Ideal Gallego” e  “A Nosa Terra”. Por esa mesma época  impulsou a creación da Asociación Cultural Ramón Cabanillas e a recuperación de figuras como Ramón Armada Teixeiro ou Federico Maciñeira.  Foi, asimesmo, cofundador de Edicións O Paporroibo e coordinador xeral da Universidade Popular de Ortigueira, pola que pasaron as principais personalidades da cultura galega e figuras como José Luís Sampedro. Entre os seus traballos cómpre destacar “Ortigueira na cultura galega”, “O país de nós”, “Os vellos. A memoria da vida e unha cultura que se perde”  e “Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995)”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario