xoves, 16 de xuño de 2016

Tertulia sobre Novos Museos do Mar en Cariño e Cedeira: o exemplo do museo Massó (Bueu)

.
A cuarta das tertulias que leva organizado a asociación TERRAS DO ORTEGAL, celebrada o venres 10 de xuño de 2016 no salón de actos da Fundación Ortegalia, tratou sobre os novos museos do mar que se están poñendo en marcha na comarca, en concreto en Cariño e Cedeira.
Contouse coa presenza de:

  • Covadonga López de Prado, Directora do Museo Massó
  • José Antonio Rodríguez Arribe, Secretario Asociación Mares de Cedeira (primeiro pola dereita na foto)
  • Emilio Ramil, arqueólogo, Cariño (primeiro pola esquerda).

O acto, que deu comenzo ás 20.00 h, foi presentado por José Manuel Bouzamaior (segundo pola esquerda na fotografía), vicepresidente de TERRAS DO ORTEGAL, que deu a palabra a José Antonio Rodríguez ("Jose de Vigo") que relatou cun entusiasmo extraordinario os pasos que levan dado desde hai anos para poñer en marcha este museo, que está previsto que abra as súas portas no próximo mes de xullo; con moi bon criterio, declarou que o obxectivo fundamental do museo é a comunidade da zona, en especial os nenos, moitos dos cales non sabes hoxe case nada do oficio que desempeñaron os seus pais e avós.


Emilio Ramil deu conta dos pasos da iniciativa -menos avanzada- que se deron nos últimos dous anos por un grupo de catro persoas da vida social de Cariño para difundir a necesidade de crear un museo que conserve a memoria da vila. Falou dos contactos e reunións coa anterior corporación municipal e  con Portos de Galicia para a cesión dunha nave onde instalar o museo, pero recoñeceu que co cambio de goberno derivado das elecións municipais do pasado ano hai un impasse na iniciativa, que debe ser asumidas agora pola nova corporación.

Pola súa parte, Covadonga López de Prado, directora do prestixioso museo Massó de Bueu (Pontevedra) e persoa experta de longo recorrido na museística, fixo a presentación máis extensa, falando por un lado do proceso de creación dun museo, do obxectivo que debe ter, das pezas que debe expoñer ou non, de como deben ser os pasos, focalizando na importancia do proxecto de museo, que personalice e identifique ao novo museo fronte a outros.
Nunha segunda parte falou do propio museo Massó, contando a sua historia, que fixo as delicias dos asistentes, relatando a importancia da conserveira Massó na primeira mitade do século XX, que a convertía na primeira empresa do sector en Europa, a participación dos Massó na pesca de baleas no século XX, hoxe lembrada nunha magnífica exposición temporal que acolle o museo de Bueu.

O coloquio final foi asimismo moi animado entre todos os relatores e o público. Covadonga comprometeu o seu apoio e asesoramento -lembrou que o museo desde mediados dos anos 90 está baixo a titularidade da Xunta de Galicia- aos dous proxectos.








Ningún comentario:

Publicar un comentario