De esq. a dta.: Xosé Lois Armada, José Miguel Alonso, Martín Alemparte e Vanesa Trevín. |
Foi un dos actos máis destacados dos que ten organizado Terras do Ortegal nos seus 8 anos de existencia: nutrida asistencia (máis de 50 persoas), interese vivo, debate sen cortapisas, louvanzas e críticas, e duración eterna (case 3 horas!!)
A mesa redonda, coordinada por Vanesa Trevín, arqueóloga e Secretaría da asociación, reuniu a José Miguel Alonso Pumar, alcalde de Cariño e presidente en 2022 da asociación promotora do Xeoparque (formada exclusivamente por concellos), a Xosé-Lois Armada, científico titular do CSIC e bo coñecedor de todo o proceso, e Martín Alemparte, xerente do GDR Courel-Ribeira Sacra, e coordinador do Xeoparque Montañas do Courel, o único que hai aprobado en Galicia.
Paula Vázquez na presentación en Fitur 2022 (Foto: La Voz de Galicia) |
Tras un video promocional do proxecto interveu José Miguel Alonso nunha exposición atinada na que fixo unha boa descrición do mesmo, presentado recentemente en Fitur (onde contou, por certo, co apoio da modelo e presentadora Paula Vázquez, nova embaixadora da candidatura). Alonso Pumar asumiu fallos e déficits no recorrido levado a cabo, e sinalou as oportunidades e desafíos que conlevan as achegas de 200.000 € concedidos pola deputación coruñesae os 1,5 M€ concedidos dentro dos fondos Next Generation postpandémicos, ao ser un proxecto seleccionado polo Goberno Central-Xunta. Indicou o próximo nomeamento dun Comité Científico e a apertura de dúas mesas de participación social.
Lois Armada, coa súa boa capacidade analítica, característica dun bó académico, apuntou varios datos pouco coñecidos -ou pouco difundidos- dos inicios da proposta, que datan de 2006, cunha noticia de prensa (“Las rocas del cabo Ortegal son las más antiguas de la Península”), as xornadas celebradas en Cariño no verán de 2007, a publicación por este mesmo concello no lonxano 2010 dunha Guía de campo do complexo de cabo Ortegal (ver foto), a proposta de promover unha candidatura a Xeoparque dende o ámbito político (programa do PSdeG-PSOE cariñé00s para as eleccións municipais de maio de 2011)..., moitas delas anteriores ou non incluídas na Memoria da candidatura, algo inoportuno. Poden verse ampliados estes datos no artigo “El Geoparque de cabo Ortegal a debate: balance y perpectivas” que o profesor da UCM Ricardo Arenas e Lois Armada publicaron no nº 4 (2017) de Terras do Ortegal (páx. 79-95). Lois apuntou varias críticas, como a falta de participación social na proposta e o escaso coñecemento que ten a cidadanía, necesarios para levar a bon fin a proposta, e defendeu a transparencia nas contratacións que se poidan levar a cabo e na execución desesz fondos, reclamando unha participación real nesas decisións.
O exemplo do Xeoparque Montañas do Courel
A intervención de Martín Alemparte, que afondou na necesidade de participación social, foi tal vez a máis sorprendente, polos datos que achegou:
Intervención de Martín Alemparte falando do Xeoparque Montañas do Courel |
a) o orzamento anual do Xeoparque montañas do Courel é so de 45.000 €, a razón de 15.000 € por cada un dos 3 concellos: Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, máis algunha subvención da deputación de Lugo; b) o xeoparque non ten persoal propio: o Coordinador é el mesmo, que está empregado no GDR (Grupo de Desenvolvemento Rural) Courel-Ribeira Sacra; e c) Desde o seu punto de vista o máis importante do xeoparque non é a xeoloxía, senón a posibilidade de crecemento social e económico da comarca que proporciona, pois baixo a marca “xeoparque” poden integrarse industrias, establecementos de hostelería e restauración, adegas de viño, artesáns... e incluso canteiras de lousa, datos dos que ofreceu exemplos concretos. E debemos lembrar que este é o obxectivo que defende a propia UNESCO! Falamos dunha idea moi certera e que tal vez deberíamos asumir tamén aquí: ver a riqueza xeolóxica da zona como unha excusa, ou mellor como unha panca para mitigar a despoboación e a falta de industrias, e de impulso dun crecemento harmónico, sustentable.
Unha parte dos asistentes no Teatro de Beneficencia ortigueirés |
Debate vivo: aparecen os macroeólicos
Xa no debate, varias persoas do público preguntaron e reflexionaron sobre a ameaza que representan os megaparques eólicos no proxecto de xeoparque e na vida e economía dos veciños en xeral, que amosaron grande inquedanza. O debate prolongouse durante case 90 minutos, exemplo da preocupación que se podía palpar entre os asistentes. Outros temas como a exclusión do concello de Mañón na candidatura ou a riqueza botánica da Capelada sairon e foron adecuadamente respondidos polos relatores nun debate vivo e cheo de interese.
A visión de Terras do Ortegal
Dende Terras do Ortegal entendemos a etiqueta Xeoparque que ofrece a UNESCO, como una oportunidade máis para levar adiante un desenvolvemento económico, social e cultural para a nosa comarca por varias razóns:
a) Obríganos a ter unha visión comarcal dos nosos asuntos, abandonando os localismos. Grazas ao proxecto Xeoparque, ata 7 concellos (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) comezaron a facer reunións periódicas dende o ano 2015, compartindo experiencias, iniciando colaboracións para dar servizos aos cidadáns, e iniciando o trazado dunhas directrices comúns, acompañadas de financiación, de cara ao futuro.
b) Comezamos a ver con outros ollos os nosos recursos -a xeoloxía, a historia, a arqueoloxía, a paisaxe, o mar, a biodiversidade-, pero tamén o sector primario, a gastronomía, os servizos turísticos, e todas as posibilidades de transformaciónin situque teñen....
c) Este proceso danos unha moi boa oportunidade para significarnos como comarca, ordenar o territorio e decidir todas e todos xuntos, dende Mañón ata San Sadurniño, cara onde irá a comarca do Ortegal e a súa contorna nos próximos anos.
d) Para que os puntos anteriores vaian adiante é necesaria unha boa información e un mellor entendemento con outras institucións, asociacións e estamentos sociais coma quedou claro neste debate esclarecedor.
.
Fotografías: equipo de Terras do Ortegal
Bibliografía citada por Xosé Lois Armada:
- Martínez Catalán et al. (2010): Geología del Complejo de Cabo Ortegal y de las unidades relacionadas del basamento de Galicia. Guía de campo. Cariño: Concello de Cariño.
- Arenas, R., et al. (2019): El Complejo de Cabo Ortegal: los terrenos alóctonos del NW de Iberia y los episodios iniciales del ensamblado de Pangea. Guía de campo. Cariño: Concello de Cariño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario