O autor e outros compinches, ataviados con roupa de domingo, aló polos anos 60. Véxanse os nomes ao final do texto. |
Sorrío ao atopar a imaxe que acompaña este texto, entre as láminas dun vello álbum, sobre o que se derramou inexorablemente o tempo.
A instantánea corresponde a un día do Patrón aló polos primeiros anos da década dos 60 do século pasado. Madía leva que perdera nitidez e que moitas desas vidas xa teñan caducado.
O 20 de xaneiro, día de San Sebastián, poucas veces amencía solleiro. En xaneiro o frío e as bategadas eran fieis compañeiras do noso patrón, que como bo mártir resiste case espido e co corpo atravesado de frechas o paso dos anos dende o outeiro privilexiado do altar da nosa igrexa. A verdade é que aos máis cativos da casa tampouco nos preocupaba a climatoloxía de día tan sinalado. A festa habíamos celebrar nos soportais do adro ou por fóra, pero aquela alegría non nola roubaba nin o frío nin a choiva.
A mañanciña xa viña acompañada polo estrondo das primeiras bombas de palenque que espertaban á veciñanza. Nos cuartos da moitas casas comezaban o trafego que supuña asearse e vestir as mellores roupas feitas ou compradas para o gran día. Cara o mediodía, o adro íase enchendo de mulleres e raparigas agardando polos toques da campaíña para entrar á misa solemne. Pola contra, a maioría dos homes íanse arrimando ás tabernas que se improvisaban aquel día para axudar coa súa recadación á axustar o orzamento dos ramistas.
A igrexa parroquial de San Sabastián dos Devesos |
As mulleres que podían -a meirande parte delas quedaba na casa preparando as larpeiradas para o xantar- saudaban á xente de fóra que pouco máis vían que nesta ocasión. Os cregos, convidados polo párroco, ían chegando coas súas mellores vestimentas para concelebrar a cerimonia. Tampouco faltaban algúns que outros mendigos e tolleitos que xamais foran vistos por aquel lugar.
Misa solemne
A misa, ao ser solemne e cantada, enchía de olor a incenso e música as húmidas paredes do templo. A banda de música agardaba na tribuna ao momento de alzar para tocar o himno nacional que servía de sinal ao fogueteiro para que mandase ao ceo unha bomba ben potente.
Á saída da misa retomábanse as conversas entre os asistentes mentres os máis cativos botaban a correr tralas variñas dos foguetes e os máis mocetes botaban as primeiras olladas pícaras ás raparigas de acó e de acolá. A banda ou a orquestra botaba uns pasodobres e valses que chamábamos as “pezas da misa” e animaban aos primeiros bailaríns e bailarinas a dar acompasados pasos perante a mirada atenta das máis vellas que criticaban ou adulaban os vestidos de estrea que flotaban no ar daquela improvisada pista de baile. Ao rematar as últimas pezas, a concorrencia ía revendo, mentres nas casas agardaban as potas cos mellores e máis saborosos manxares. Pero sen dúbida a paparotada máis completa e concorrida era a da casa reitoral, onde o párroco recibía aos colegas da bisbarra sempre listos para parolar, xogar á baralla e encher os seus campanudos bandullos.
O fermoso edificio da antiga escola da Devesana, ubicado no Igrexario, fronte á igrexa parroquial |
A medida que a noite ía cubrindo o ceo co seu manto mouro, os arredores da igrexa enchíanse de parellas que practicaban apaixonadas fregas só interrompidos pola cativería que corría na procura de variñas dos foguetes ou simplemente para ir aprendendo as habelencias amorosas para unha futura festa do Patrón. Tampouco faltaban as liortas entre aqueles que dedicaran máis tempo á beberacha que aos amores. Pasadas as dez da noite os músicos tomábanse un descanso que aproveitaba a máis da xente para repoñer forzas, ben nas casas próximas á festa ou no Salón que case sempre había nas parroquias. Alí, as aboas destapaban as súas cestas cheas de comestíbeis que sobrarán do xantar principal. Decontado se comía pola pouca fame que había e as moitas gañas de brincar.
Coa lúa sobre o ceo cincento daqueles xaneiros xeados a orquestra afinaba un variado popurrí co que xa entendíamos que a nosa festa tan agardada tocaba ao seu fin. Suorentos e esgotados, cadaquén buscaba as súas sabas para enxaugar bágoas de risa ou desamor e agochar os soños para outro Patrón.
En San Sebastián dos Devesos, no 20 de xaneiro, o día do Patrón.
Emilio Castro Fustes
Mestre e licenciado en Pedagoxía.
Foi director do Museo Pedagóxico de Galicia.
Autor de "O campón de Rodela. Moradía de voces familiares" (2016)
Persoas na foto: Manolo Cal, "Romay", José Díaz (Pepito do Zapateiro), “Cubano” (con visera, sobriño do señor maior, tamén de Cuba), Emilio Castro (Milucho), Manel Blanco e Antonio Castro Ferreiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario