martes, 18 de xaneiro de 2022

HIXINIO PUENTES NOVO, PRIMEIRO CRONISTA OFICIAL DE MAÑÓN

Hixinio Puentes durante a súa intervención
(foto: Xosé María Torres)


Na tarde do venres, 7 de xaneiro de 2022, fíxose xustiza. O salón de actos do Centro Socio-comunitario de Mañón ateigouse de seareiros da cultura polo feito histórico que alí ía acontecer. Por primeira vez na súa historia o Concello de Mañón goza dun Cronista Oficial, sendo elixido para este cargo honorífico, e por unanimidade, o noso amigo Hixinio Puentes Novo.

Despois das certeiras palabras do alcalde, Alfredo Dovale, home que non perde ningún acto no que a cultura do seu concello sexa un feito a reivindicar, tomou a quenda o profesor Bernardo Penabade, e a importancia do acto fica reflectida no feito de que Bernardo, en contra do seu costume, levara o faladoiro preparado; non quería, xa que logo, que algún trasno rebuldeiro fixera das súas ou que algunha meiga conseguira enfeitizalo para ir na procura doutros camiños non desexados.

O profesor Penabade, sempre dinámico e omnipresente en calquera acto a prol da nosa bisbarra, coa súa inconfundible e feiticeira dicción ateigou de emotividade a sala sen posibilidade de deixar algún recuncho baleiro. Alí contounos que Hixinio leva, dende hai máis de trinta anos, facendo o traballo axeitado co que acadar o título que nese acto se ía impoñer, a única diferencia é que agora pasaba a ser un traballo “oficial” e niso constaba a implicación do cronista pois este cargo leva implícito a proxección de futuro nos moitos e diversos ámbitos. Lembrounos tamén a faceta literaria de Hixinio e, se ben é certo que todas e cada unha das súas obras foron presentadas no seu momento e no lugar indicado para facelo, avogou por facer unhas xornadas de estudo arredor da súa narrativa así como dos premios conseguidos.

O novo Cronista recibindo o título
do alcalde de Mañón, Alfredo Dovale
(foto: David Rguez. Morado)
A resposta de Hixinio ás palabras de Penabade, despois do agradecemento a todas aquelas persoas e institucións que avogaron pola consecución deste título, foron pola mesma vía pois ata as pausas tiñan algo que contarnos. Segundo as súa propias palabras, «O motor xerador desta xeira onde me metín foi a parroquia de Mogor, a miña, mais dende alí foron chamando as outras parroquias ata rematar por desentrañar a historia do Concello, abeirando a produción literaria», «foi un traballo que fun dando a coñecer en publicacións varias como é o caso da revista Terras do Ortegal,

e foi a maneira de que a xente soubera o que estaba facendo», «agora, co respaldo do Concello, atoparemos a canle de comunicación axeitada para dar a coñecer a nosa historia», pois «a historia dun pobo non ten sentido sen un relato, é máis, é preciso este relato que é o que sitúa a historia dun pobo onde se merece», «o traballo de divulgación é tan importante como o de documentación e investigación». Agora Hixinio faise eco do seu nomeamento, o cal implica «estudiar o pasado e preparar o futuro», remexendo xa “oficialmente” nos seus eidos de traballo: a tradición oral, as hemerotecas, as diferentes publicacións, e os arquivos (municipais, diocesanos, navegación, provinciais, rexionais e nacionais), facendo énfase nos arquivo de Santa Marta de Ortigueira como punto de partida para os estudos locais. Acabou facéndose cargo do nomeamento sabedor de que «son consciente da rigorosidade e compromiso con Mañón, coa súa cultura, historia e patrimonio».

Hixinio Puentes acompañado
de Carlos Nuevo, Cronista
de Viveiro, e de Carlos Breixo,
Cronista de Ortigueira
(foto: David Rguez. Morado)
E Hixinio non se despediu sen antes ter unhas palabras, non preparadas, para Bernardo Penabade, e que foron quen de erguer una mesta brétema onde a realidade chegou a fuxir por un intre. Este instante foi aproveitado por Hixi0nio para lembrar o inxente traballo realizado por Penabade a prol do noso ata o punto de considerar que el tiña que ser o verdadeiro destinatario deste honor.

O momento físico da entrega do título foi acompañado dunha ovación sen fin que tan só estaba a reflectir o que viña de acontecer e a subliñar que os alí presentes apoiamos sen fisuras este nomeamento e tamén, como non, que íamos acompañar e axudar a Hixinio Puentes nesta nova andaina.

Rematado o acto, xa podemos estar seguros de que Hixinio vai seguir a traballar polo seu pobo porque para el vén sendo un xeito de vivir e agora aínda máis co pulo que lle dá o saber que non vai estar só, que o Concello vai contar con el dun xeito “oficial” e que todos imos gañar con esa simbiose necesaria e sempre frutífera entre un concello e os seu Cronista Oficial.

Parabéns para Hixinio Puentes Novo, pois el mesmo xa forma parte da historia que está a estudar. Parabéns para o concello de Mañón quen non dubidou en ter a este home ó seu servizo, por unanimidade. E parabéns para todos nós por ter, grazas a xente coma esta, un futuro un pouco máis prometedor.

----------------  

Texto: Manel Bouzamayor




Ningún comentario:

Publicar un comentario