mércores, 9 de marzo de 2022

Éxito en FITUR 2022 dos sanandreses de Teixido


Sergio Muíño e Jorge Bellón traballan por poñer en alza as tradicións e o gran patrimonio que ofrece San Andrés

Jorge Bellón, artesán galego


O pasado doce de febreiro, o Club de Lectura de Ortigueira contou coa presenza de Sergio Muíño, fundador de Eufundevivo.com e doutorando en Turismo. Aproveitamos o momento para facerlle unha entrevista. 

Cando nace “Eufundevivo”?

O proxecto nace a finais do ano 2019, a través da creación das redes sociais e a publicación dunha foto miña no santuario coa lenda: «Eu fun de vivo a San Andrés de Teixido». A raíz de aquí, xorde a idea de poñer en valor o sentimento que moitos de nós temos cara este lugar ao que debemos ir en vida ou de mortos. Ademais, tendo en conta a realidade turística de San Andrés, esta iniciativa vai acompañada dunha proposta de desenvolvemento turístico sostible e local, dende o propio destino. 

Que facedes e cantos sodes? 

Sanandresiño
(Foto: Álvaro F. Polo)
«Eufundevivo» é un proxecto da xente, polo tanto é difícil saber cantos somos. Son moitas as persoas que colaboran con nós enviando fotografías e historias, escribindo vivencias e relatos, axudando e cedendo material para as nosas investigacións ou mesmo berrando a viva voz que foron de vivas ao santuario… Por outra parte, non me quero esquecer da xente de San Andrés que me acolleron dende o primeiro día. Sen eles o proxecto non tería ningún sentido! Para min é moi importante que estean a gusto co que facemos, son eles quen viven no lugar e o que non é bo para a poboación local non pode ser bo para o visitante! 



Que iniciativas foron xurdindo? 

Entre as nosas iniciativas atópase por un lado #TeixidoFavorito, que recompila historias, anécdotas e vivencias reais daquelas persoas que visitaron o santuario. E por outra banda, o ano pasado fixemos o 1º Certame de Relatos Curtos EUFUNDEVIVO cun premio composto dunha visita guiada, un lote de produtos da artesanía local, un diploma acreditativo e a publicación do mesmo nas nosas plataformas dixitais. Quen queira pode ler o relato: “Siempre hacia el oeste”, ou enviar a súa anécdota a través da nosa páxina web (www.eufundevivo.com). Este ano faremos a 2º edición do Certame. 

FITUR 2022


Sergio Muíño co ramo
de romeiro a San Andrés

Cada ano, en Madrid (FITUR) hai un stand de Galicia no que se atopa representado todo o territorio. Este ano, Santo André de Teixido tivo un gran protagonismo xa que a artesanía que levou a Axencia de Turismo de Galicia foron os sanandreses, da man do seu artesán Jorge Bellón.  

Que acollida tiveron?  

Foi moi boa, cada día miles de persoas se achegaron ao posto a saber máis deles. Moita xente xa os coñecía e a que non, quedaba sorprendida moi positivamente. Ata os reis levaron uns sanandresiños! Tamén fixemos varios obradoiros amosando como se fan e incluso no equipo de Galicia levábamos un como parte do noso uniforme.  

Que son? Qué representan? Cómo se fan? 

Os sanandreses son unha artesanía centenaria e típica de Santo André de Teixido, amuletos feitos con miga de pan sen fermentar e cocidos, algúns deles durante horas, que logo se pintan para darlles as cores características que coñecemos. 

Existen diferentes formas, cada unha co seu significado: a flor para o amor, a barca para as viaxes, o santo para a saúde, o peixe para o alimento, a escada para o traballo, a man para os estudos, a coroa para a protección e a pomba para a paz. Estes son os máis habituais, aínda que hai algún máis como o pé ou o trevo que están en proceso de recuperación! 


Sanandresiños en FITUR 2022

SANTO ANDRÉ DE TEIXIDO

— Que significa para a comarca? 

Santo André de Teixido é un referente histórico, o segundo punto de peregrinación máis visitado despois de Santiago de Compostela e, posiblemente, o máis antigo de Galicia. Para entender o que representa para a comarca é preciso poñer a vista no Camiño, xa que é un recurso que ofrece actualmente oportunidade real de desenvolvemento turístico dun xeito respectuoso e sostible. 

Baixo o meu punto de vista, as accións que se están a levar a cabo vinculadas a Teixido non abondan se queremos conservar a esencia deste lugar milenario. É certo e teño constancia de que se está a traballar neste tema dende o meu concello de Cedeira e dende outros polos que pasa o Camiño, pero o turismo avanza a gran velocidade e requírese unha labor de xestión e planificación real e conxunta, articulada por tres eixos principais: concellos e organismos, empresas privadas e a poboación local que habita o destino. Nós seguiremos achegando o noso grao de area e, como ata o momento, colaborando e traballando con aquelas persoas e entidades que aposten pola prosperidade e sostibilidade de Santo André de Teixido.

Pois moitas grazas, iniciativas así son de aplaudir e poñen en valor o grande patrimonio que temos con San Andrés de Teixido, ao que hai que ir de vivo.

---------------------------------------------

Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o 4.03.2022

Texto: Luli Dopico

Fotos: Sergio Muíño

Ningún comentario:

Publicar un comentario