xoves, 18 de febreiro de 2021

Entrevista a Xabier Garrote, por Luli Dopico






Moito nos marabillou o texto de Xabier Garrote Cobelo cando fala das lembranzas e da fascinación da nosa ría na baixamar, no peirao onde transcorre a súa infancia agardando que dera volta a marea.

Dinos que o mar do Ortegal ten a súa propia musicalidade, que xorde en Cal do Rego, un lugar de Senra onde o tío Paco exerceu a docencia musical durante cincuenta anos, formando alumnos entre o sacho e o clarinete.

Hoxe temos nas nosas mans un exemplar único, dunha infinita valía: A Banda Garrote: música e músicos en Ortigueira”, escrito por Garrote con toda rigorosidade, parte da historia da música da nosa bisbarra. Un libro que dedica aos seus pais, e que debe presidir as bibliotecas particulares dos ortigueireses.

O libro presenta unha profusión de fotografías, antigas e actuais, que completan esta xoia musical, unha sinfonía froito dunha ardua labor, que nos fascina e que agradecemos ao fundador e director da Escola de Gaitas de Ortigueira (1975-1982). Un mestre nacional, xubilado, afeccionado ao ciclismo, ás actividades náuticas e mergullador. Unha gran persoa, a quen tanto lle debemos as xentes do Ortegal.

Falamos con Garrote:

—Que é para ti a música?  

É unha parte moi importante da miña vida cultural. 

—Cales son as túas primeiras lembranzas musicais?

Na miña casa nos educamos rodeados de instrumentos musicais: (piano, frauta, frautín, clarinete, flute, ocarina…) e de moitos libros especializados: (composición, harmonía, historia, contrapunto, dicionarios…) ademais dos músicos que viñan a practicar ou aprender novos repertorios e tamén da asistencia aos ensaios da Banda que meu pai dirixía na casa Giz de Cuíña

—Cantos anos tiñas cando empezaches a tocar a gaita? 

Foi unha aprendizaxe tardía, aos 18 anos cando estudaba maxisterio en LugoOs inicios coa gaita foron co meu amigo e compañeiro de maxisterio, Hortensio de Fonsagrada.

—Quen foron os teus mestres, musicalmente falando? 

As bases musicais teóricas aséntanse en meu pai de quen tamén aprendín aspectos prácticos do clarinete, piano ca profesora armenia Anne Poghosyan e os de zanfona con Óscar Fernández. Mestres ilustres para un alumno pouco aventaxado. 

—Compuxeches algunha obra musical? 

A resposta é moi sinxela, son unha persoa que goza ca música pero nunca me considerei músico, esas son palabras maiores. 

—Por que te decidiches a escribir este libro? 

Nunca foi un proxecto que estivese nos meus obxectivos xa que cústame moito escribir para outros. O que xa tiña recollida era moita información da vida musical de meu pai e do meu avó e ademais traballado arreo no arquivo musical. Digamos que a decisión xurde a partir da obriga de contribuír  ca nosa memoria musical e o agradecemento a eses máis de sesenta músicos e familiares que deron sentido ao meu labor. 

—Custouche moito traballo? 

Se moito traballo significa horas de dedicación direi que si, pero si se trata de valorar o esforzo entendido como sacrificio, direi que non. Foi unha experiencia enriquecedora xa non tanto polo que aprendín, que foi moito, senón pola resposta positiva de tantas persoas cas que estiven en contacto. 

—Cantas persoas entrevistaches? 

Músicos ou familiares directos uns sesenta, aos que hai que engadir outros moitos contactos por todo o territorio español e fora del. 

—Durou moito o proceso de documentación? 

É dificilmente avaliable xa que como dixen arrinca de moitos anos atrás cando fun recollendo información facilitada por meus pais e documentación no arquivo musical. Diríamos que entre as consultas feitas  nas hemerotecas virtuais, bibliotecas, arquivos persoais e fundacións, uns cinco anos. 

—Que sentes ao ver o libro editado? 

Aquí hai unha certa contradición, por unha banda a ledicia de ver o traballo rematado e por outra, a tristura de que músicos entrevistados como Francisco Fernández Garrote, Prudencio Piñeiro ou Gerardo Sabio, non o puideran ver. Tamén está esa parte que imaxino lles ocorre a tódolos que escriben libros, ver que algunhas informacións que custaron tanto conseguir ou simplemente que a un lle parecen interesantes, por circunstancias, foron omitidas. 

—Se pechas os ollos e repasas o que supuxo o Festival do Mundo Celta para Ortigueira, que se podería mellorar? 

É unha pregunta moi difícil de contestar xa que son tempos radicalmente diferentes, sen embargo hai algo que os conecta pois o Festival foi e será un evento fundamentalmente cultural polo tanto, os continuadores sempre acertarán si se aproximan a esa idea á que tantas veces recorro, a esa frase que o mestre Pedro Petouto, entre outras, empregaba para ensinar a ler  aos seus alumnos: “A cultura é unha cousa que abre os ollos e si non os abre, non é cultura”. 

—Fálase moito do espírito daqueles primeiros festivais. Cal foi a maxia para que aínda resoen os ecos do éxito obtido?

Son moitas as circunstancias para que aínda repercutan. Supoño que unha moi importante é a súa continuidade que o fai lembrar cada ano. Naqueles tempos de inicio da democracia, entre uns que non querían ceder un milímetro de corda e outros que querían rachala xurde o festival para traer un aire novo, novas culturas que nos permitiron “abrilos ollos”, penso que ese é o espírito daqueles festivais.

—Que representa para un ortigueirés o día da Saída de Bandas

No que a min respecta e creo que para a maioría dos ortigueireses, é o momento máis emotivo das festas, pois nos conecta consciente ou non ca nosa memoria. 

—Volvendo ao libro, quedaron cousas por dicir? 

Si, quedaron moitas cousas pero son historias para outros libros, historias que non deben quedar minimizadas por apuntes dentro dun texto pois deben ter o seu propio protagonismo. 

—En cantas partes se divide?

O libro divídese en tres partes. A primeira consta de nove capítulos, fala da saga Garrote e as bandas de música en Ortigueira, dos orixes familiares e o apelido Garrote en Valladolid, dos inicios da carreira musical de José María Garrote e a fundación da banda, aló polo século XIX. Inclúe tamén a historia de Francisco Garrote, Tío Paco, e a súa labor educativa. A Banda de Andrés. As crises das bandas. O Arquivo Musical da Banda Garrote e o repertorio, así como a actividade musical naquelas datas.

A segunda e unha ampla recompilación dos 46 músicos das bandas, e os seis os profesores, vida e bibliografía dos mesmos, coas súas respectivas e curiosas anécdotas.

A terceira está dedicada aos novos horizontes de investigación. Datos xenealóxicos dos Garrote, a obra de Reveriano Soutullo no arquivo da banda de Garrote, e a historia do primeiro himno do Fútbol Club Barcelona.

—Haberá unha segunda entrega?

Non está dentro dos meus proxectos, aínda que iso non significa que deixe de investigar e recoller información. 

—Algo máis que engadir?

— Aproveito a oportunidade que me da La Voz de Ortigueira para animar a afondar na nosa memoria musical e poñer a disposición dos investigadores/as o meu arquivo persoal. Agradecer tamén a información recibida a todos os que fixeron posible esta edición.

Nos despedimos escoitando ao lonxe o rumor dun novo día, unha alborada que xurde en plena pandemia, alegre fe de vida que da paso a sementar ilusión entre os músicos, convidámolos a ler e gozar do libro tal como se estivéramos saudándonos unha vez máis ao son das gaitas, que nunca falte a música nas nosas vidas. Grazas, Xabier, polo traballo ben feito, unha homenaxe merecida aos nosos devanceiros!

------------- 

Artigo publicado no semanario La Voz de Ortigueira o 29.01.2021

Texto: Luli Dopico

Fotografía de Álvaro Fernández Polo: Xabier Garrote falando cun dos músicos que aparecen no libro



Ningún comentario:

Publicar un comentario