mércores, 26 de febreiro de 2020

Presentación do nº 12 da revista Hume, de estudos locais, nas Pontes




É sempre un pracer asistir á presentación da revista Hume, coa que nos unen lazos fraternais e anceios comúns no estudo da historia e a cultural local. Quixo a casualidade que o primeiro presidente da asociación Hume fose D. Francisco Javier Martínez Prieto, hoxe párroco de Santa Marta de Ortigueira e directivo de Terras do Ortegal.
Nesta ocasión o acto tivo lugar o pasado 21 de febreiro na Casa Dopeso, un centro cultural municipal cun grande auditorio que deixa atrás os tempos en que a revista se presentaba na biblioteca municipal ou outros auditorios máis reducidos. Repleto de asistentes, ou case, adoptou a forma clásica: reunir na mesa a varias das persoas que presentan traballos neste Nº 12, nun acto conducido polo presidente de Hume, Manuel Souto.
Conta con 9 colaboracións, das que 6 están a cargo de homes, e só 3 teñen a unha muller como primeiro autor. Non hai espazo para reseñalas todas, se ben debemos salientar a de Manuel Souto, que non novo esforzo investigador documenta e describe con eficacia a evolución histórica da mina de lignito das Pontes desde o século XVIII ata a actualidade.
Das restantes, diremos algo das tres que dalgunha maneira están relacionadas co Ortegal, dos seguintes autores:
Parte da mesa de presentación, con José Manuel Yáñez,
Lela Castelo, María Belén Vázquez e Manuel Souto
Fonte: asociación Hume
a) Xavier Brisset é un investigador con experiencia, que presenta un estudo sobre a «Emigración infantil. Verdadeira bágoa de Galicia». Brisset, que non estivo no acto, ven dando a coñecer nos útimos meses traballos sobre o fenómeno da emigración ultramarina de finais do século XIX e principios do XX. De feito cita o traballo «Prófugos adolescentes. Lexislación entre o militarismo e a teima recaudatoria», publicado no nº 26 da revista Cátedra de Pontedeume, así como outro pendente de publicar -pero xa aceptado-na nosa revista Terras do Ortegal. Brisset describe o marco xeral desde fenómeno e presenta datos dos expedientes de quintas do concello das Pontes, nos que obtén unha media do 51% de quintos declarados prófugos entre 1901 e 1927, unha cifra impactante e reveladora.
Lela Castelo asinando exemplares da sua obra.
Fonte: concello de Ortigueira

b) Lela Castelo. Esta autora, natural da parroquia ortigueiresa de Loiba, reside actualmente no concello de Xermade, na parroquia de San Pedro Fiz de Roupar, ao que adica o estudo «Apuntes sobre Roupar». Lela, mestra e licenciada en filoloxía galego-portuguesa, ten algunha experiencia nestas tarefas divulgativas, pois a finais do ano 2018 presentou o libriño «Loiba na memoria», con lembranzas e recordos da súa parroquia natal. Algo similar presenta nesta ocasión -así o declarou no seu corto parlamento no acto- no que da pinceladas da historia da parroquia de Roupar, adentrándose na etnografía, na cultura, as lendas, os divertimentos, a toponimia ou a linguística. Trátase dun traballo de interese, pero con escasa profundidade e sobre todo, pouco organizado, que desmerece o esforzo que sen dúbida realizou.
c) Carlos Breixo. O Cronista Oficial de Ortigueira presenta neste número un amplo traballo -53 páxinas- sobre «Pedro Fernández Solloso, un poblador pontés en América a comezos do século XVIII». Foi un dos relatores aos que o público prestou máis atención, sen dúbida pola súa amena oratoria, na que rematou dando ánimos á vila das Pontes para superar a etapa difícil que está a vivir pola abrupta transición enerxética decretada polo goberno central.
Carlos Breixo na súa intervención. Á esquerda
Manuel Souto, presidente de Hume
(Foto: Xosé Mª Torres)
Relativo ao seu traballo, Breixo, a partir dun tal vez sinxelo documento sobre un emigrante ultramarino pontés do ano 1610, elabora un excelente estudo no que non se limita á simple transcrición do documento; ao contrario, aplicando a querencia súa polo labor pedagóxico dos seus artigos, describe, analiza e explica cuestións como os expedientes de limpeza de sangue, as abreviaturas empregadas no documento; describe como era o mundo nas Pontes a comezos do século XVII, así como as viaxes entre Galicia e Sevilla, porto do que partían en exclusiva as navegacións ao novo mundo. Pero tamén exprime a sua capacidade didáctica para tratar de minucias curiosas como o uso do signo @ (arroba), hoxe tan usado no mundo cibernético, ou para explicar a deturpación dos apelidos galegos polos escribáns de fala castelá desde o tempo dos Reis Católicos. Amenidade e compromiso.
Compre dicir que Breixo é tal vez o colaborador máis característico da revista Hume, pois leva colaborando con ela desde a sua fundación, con 11 traballos nos 12 números publicados.
Finalmente, indicar que a revista se distribúe de maneira gratuita entre as persoas interesadas, pois conta co patrocinio da deputación e do concello das Pontes.

-----------
Texto: Xosé María Torres

Ningún comentario:

Publicar un comentario