luns, 1 de abril de 2019

Como eran as escolas de indianos?. De San Adrián e Mera ás escolas da Pila Ancha en Cerdido.


De esq. a dereita: Manel Bouzamayor,
Bernardo Penabade, Benigno Galego (Alcalde
de Cerdido) e Santiago Rodríguez

Intervención de Manel Bouzamayor na inauguración da exposición Luces de alén mar:

Boas tardes a todos, veño a participar neste parladoiro que sirve de apertura á esta magnífica exposición que responde ó clarificador nome de “Luces do alén mar”, coma representante da asociación Terras do Ortegal, e a verdade é que estamos a falar dun tema que non é precisamente moi coñecido por min, máis alá do abraio, ou pasmo, que pode xerar o feito de botar unha ollada a moitas das singulares edificacións espalladas por Galicia adiante (arredor das 400), unha boa parte delas nesta zona norte da provincia, edificios que reflicten, sen dúbida, o esforzo dos nosos emigrantes para que, dun xeito altruísta, e en moitos casos, aforrando o que non tiñan, as xeracións que lles ían suceder tiveran un futuro máis doado co que eles tiveron, abraiados, por riba de todo, ó se atopar cunha diferencia brutal , coma unha fenda que semellaba insuperable, entre o que atopaban no novo mundo e o que deixaban aquí, un rural galego máis preto da idade media que do século XX.

Mais tamén teño unha pequena conexión con este mundo da ensinanza, e con Cerdido coma feliz consecuencia, que me deu pulos para achegarme até aquí, e estar con todos vós nesta agradable compaña. O certo é que unha das Sociedades de Instrución senlleiras foi a de San Adrián de Veiga, de onde eu son. Creada no ano 1905 por un grupo de emigrantes da parroquia na Habana e cuxo presidente foi o filántropo veciño Jose Cornide Crego, coma tal Sociedade de Instrución precisaba dun edificio que fora o buque insignia e o refuxio dos seus benfeitores investimentos, e así foi que no ano 1914 erixiron o edificio que hoxe todos coñecemos, aínda que tristemente abandonado. Na construción deste inmoble participou o meu bisavó, o mestre de obras Victorio Riola, que chegara a casar coa primeira mestra de nenas que tivo San Adrián no ano 1892, a miña bisavoa Irene Palmeiro, e o seu único fillo, o que sería o meu avó José María Riola, non dubidou en seguir a carreira da súa nai e conseguiu o seu título no ano 1918 exercendo noutra escola tamén agradecida ós emigrantes, a de Santa María de Mera, Mera de Riba; este home, despois do servizo militar, e aquí ven a miña relación, se así se lle pode chamar, con este concello, abandonou a ensinanza alá polos anos 20 para dedicarse plenamente, e até a súa xubilación, alá polos anos 60, a levar a xestión deste Concello dende o seu posto de secretario Municipal, posto dende o que cultivou unha morea de amizades dos que sempre tiña bos recordos.

Cinguíndonos logo ó edificio de San Adrián, semellante e representativo de moitos dos que se fixeron naquela época, podo dicir que ó pasar por diante del, o que fago a miúdo, certo abraio fai que me teña que parar diante del, botarlle unha ollada e, de cando en vez, facer unha pequena incursión por entre aquelas paredes, hoxe muros espidos, incursión, por certo, ben audaz e perigosa polo total deterioro dos materiais empregados no seu día para construílo. O que alí hai son testemuñas de tempos mellores, osamentas de pedra cheos de ocos que agochan historias do noso, recordos imposibles de revivir, e soños, as máis das veces, coma fume na man, imposible de coller. 

Palabras de orgullo na inauguración de 1914 fican hoxe trocadas en testemuñas de abandono; alegrías de 1914 e mágoas de hoxe, un século despois, porque aínda que algunhas administracións optan por lle dar outros usos a este emblemáticos edificios, referencia, sen dúbida, de moitas parroquias, por riba de todo reconverténdoos en centros sociais, mais ou menos afortunados, pero uso ó fin e ó cabo, hai outras, por desgraza, que escollen condenalos ó esquecemento. Mágoa, porque estes edificios, amais da singularidade arquitectónica, arredor da cal se ten escrito e falado moito, teñen tras de si un inxente esforzo, e aquí non hai que falar tan só de poñer cartos, que tamén, pois non tódolos os emigrantes conseguiron a riqueza da que outros podían presumir, e sen embargo tamén quixeron axudar con parte dos seus aforros, senón tamén da loita por convencer acotío ós pais dos rapaces que, naquela época, vían máis práctico e proveitoso o traballo dos seus fillos nas leiras que o folgar nas aulas de ensinanza, e xa non digamos as cativas, das que entendían coma única ensinanza proveitosa todo o que tivera que ver có traballo no fogar.

Hoxe 8 de marzo, por certo, é o Día da Muller e, dende logo, aproveito para dicir que estas Escolas, con cartos, e ideas novas dos emigrantes forman parte dos primeiros pasos dados para a emancipación da muller galega, penso que non estaría de máis un recoñecemento neste senso. E mágoa tamén porque nestes edificios, que alguén alcumou coma “templos do saber”, levaron consigo tamén a introdución de cambios no ensino, con plans de educación máis prácticos, cunha metodoloxía didáctica de novo cuño que rachase cunha ensinanza que semellaba pertencer aínda ó antigo réxime, cando tiñamos o século XX en cernes.

Coma exemplo, estas son as normas, do ano 1912, para o colexio da Sociedade de Instrución Ponte de Mera:
«La enseñanza será gratuita para todo aquel que la necesite y se les facilitarán libros, tinta, papel y todo el material que se estime necesario y conveniente. Para ingresar en este colegio, sólo es necesario tener 6 años de edad y solicitarlo el padre, tutor o el mismo interesado por escrito a la Junta de Mera, nombrada al efecto. Se prohíbe en absoluto que el profesor admita, ni aun a título de gratificación, dinero o cosa que lo valga de los padres, tutores o discípulos. También guardará una igualdad estricta entre los alumnos sin diferencia de clases. No habrá más que dos meses, digo, un mes de vacación que será desde 15 de julio a 15 de agosto. La enseñanza ha de ser de carácter objetivo y práctico; muchos ejemplos y sin obstrucciones. Las horas de clase se fijan desde el 1º de abril a 15 de julio y desde 15 de agosto a 31 de octubre, de 8 a 11 de la mañana y de 1 a 4 de la tarde. En los otros meses, que es el invierno, o sea desde el 1º de noviembre a 31 de marzo, será de 7 a 12 de la mañana y de 1 a 5 de la tarde.
El profesor ha de ser titulado. Todo alumno que sin causa justificada, tales como enfermedad, ausencia, atenciones perentorias en el seno de la familia, mal tiempo, caminos intransitables o accidentes imprevistos, dejase de concurrir 7 días consecutivos a clase se notificará tal ausencia a sus padres o tutores y de reincidir será dado de baja. Todos los socios que no sean de Mera, podrán enviar a este colegio sus hijos, hermanos y personas que se hallen a su abrigo y amparo, que necesiten instrucción. El sueldo del profesor se fija en ptas. 1.200,00 al año. En las paredes del colegio sólo podrán colocarse mapas, diplomas, pizarras, títulos, retratos de monarcas o jefes de la nación, de benefactores de nuestra Sociedad, de miembros de la Junta Directiva y de grandes intelectuales, tales como Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Ramón del Valle Inclán, etc., etc. El profesor hará enseñanza imparcial sin defender ni combatir dogma, religión ni política de ninguna clase. El profesor que contraviniere estos artículos quedará incurso en la multa de CIEN PESETAS por la vez primera y de reincidir será, de una vez para siempre, suspendido de empleo y sueldo. Todos los años en julio habrá exámenes que se celebrarán de acuerdo con la Junta de Mera. El plan de enseñanza comprenderá las asignaturas siguientes: Lectura general, Escritura carácter inglés, Aritmética elemental, Geografía de España, Geografía Universal, Gramática española, Urbanidad, Higiene, Geometría, Dibujo lineal y Nociones de Agrimensura».

Isto, por certo, levou consigo o peche dalgunhas destas Sociedades de Instrución, coma lle aconteceu precisamente á de San Adrián no ano 1923, na ditadura de Primo de Rivera, ensinanzas que apostaban polo laico e que, coma ben sabemos, sufriu un novo atraso a raíz da Guerra Civil. Exemplo disto pode ser o que dicía o deputado Leandro Pita Romero, no ano 1933, dentro dunha interpelación para recoñecer a gratitude ás Sociedades de Instrución:

«La mayor parte de esas escuelas eran laicas o neutras; respondían al deseo de crear un instrumento de cultura en las parroquias, en los lugares donde no los había, y de redimir a los jóvenes, a las generaciones nuevas, del calvario que tuvieron que sufrir las generaciones anteriores, fundadoras y sostenedoras de dichas escuelas, en la lucha por la vida en la emigración. Yo recuerdo que cada vez que había que inaugurar una de aquellas escuelas, era preciso recorrer el vía crucis que suponía remover todos los obstáculos que, desde el ministerio de Instrucción Pública al Gobierno Civil, sembraba la influencia clerical, que había convertido en cuestión de amor propio no dejar abierta ninguna de aquellas escuelas por el hecho de tener, respetuosas con todas las creencias, planes laicos de estudios. Se han hecho las campañas más viles contra la generosidad y el altruismo de aquellas gentes, que nada pedían a cambio de darlo todo y de dotar a sus sitios nativos de medios de instrucción. Son numerosas las escuelas que, después de vencer todos estos obstáculos, se han levantado en Galicia.»

En fin, agardo que exposicións coma esta sirvan para alumear as sombras que agochan as pedras destes escolares e xeren brisas que varran as mestas arañeiras que as engaiolan. Seguro que alí temos unha boa parte de nós, os nosos pais, avós, bisavós, os devanceiros aínda están a tempo de nos contar, de primeira man, parte da nosa historia.

-------------
Texto: Manel Bouzamayor, vicepresidente de Terras do Ortegal
Foto: Cándido Prieto

Ningún comentario:

Publicar un comentario