Álvaro Cunqueiro e Carmucha Casariego de paseo polo malecón do peirao de Ortigueira a finais de 1936
Dentro da nómina de escritores foráneos ligados dalgunha maneira a Ortigueira (Elena Quiroga, José Luis Sampedro, Victoriano Taibo, Enrique Chao Espina...), o nome de Álvaro Cunqueiro Mora debe figurar de forma obrigada. En canto aos nosos lares, porque aqui viveu o autor de Merlín e familia durante máis de medio ano, porque aquí tivo amizades, porque aquí tivo alumnos e alumnas que -pasados 85 anos- aínda o recordan e porque ás paisaxes do Ortegal dedicou algúns -non moitos, é verdade- artigos.
Cabeceira do expediente de Cunqueiro na universidade de Santiago |
En canto a Cunqueiro, que chegou a Ortigueira no mes de outubro de 1936 desde o seu Mondoñedo natal, tres meses despois de iniciada a sublevación militar franquista, porque aquí obtivo a a paz e a tranquilidade que desexaba. Foi grazas á intermediación do presbítero Daniel Pernas Nieto, capelán do asilo municipal ortigueirés (véxase o artigo de Carlos López-Keller Álvarez en Terras do Ortegal nº 7 (2020), e a divulgación feita do mesmo en Cunqueiro, desde Ortigueira a Vigo) polo que foi acollido como profesor na academia Santa Marta que dirixía o presbítero Jesús Márquez Cortiñas. Alí trabou amizade cun dos profesores, Feliciano Crespo Bello, xefe comarcal da Falanxe, que se erixiu no seu salvoconduto ante calquer risco.
O mindoniense chegara á capital do Ortegal con 24 anos (nacera o 22 de decembro de 1911) coa sona de licenciado en Filosofía e Letras, cando en realidade só aprobara 7 materias desa carreira (véxase un resume do seu expediente universitario más abaixo), o que debía supoñer un terzo do total, a pesar de que estivera matriculado 6 cursos na Universidade, dun total de 9 que se
Poema publicado no semanario Era Azul (3.12.1936) |
cumprían no 35-36 desde que iniciara os estudos. Pero non foi por falta de capacidade intelectual (un recente libro de José Besteiro, Un hombre que se parecía a Cunqueiro, fala del como “superdotado”), o que se comproba co sobresaínte con matrícula de honra que obtivo na materia de Lingua e Literatura Española, senón polo diletantismo e a vida mol que levaban algúns estudantes universitarios, mentes brillantes pero inadaptadas ás rixideces académicas.
Na academia ortigueiresa o poeta Cunqueiro -esa era a categoría literaria que cultivara ata o momento- impartiría clases de Xeografía e de Francés aos alumnos e alumnas (o ensino era mixto na Academia Santa Marta) de 1º de Bacharelato. Unha das alumnas era Uxa Prieto (filla do industrial ferretero e político Gonzalo Prieto) a quen lle dedicaría unha fermosa poesía -en castelán- publicada no semanario falanxista local Era Azul. Uxa, unha nena de 10 anos, era á que lle encargaba o escritor entregar mensaxes á súa noiva, Carmucha Casariego, filla dun acaudalado propietario, D. Manuel Casariego, presidente da Banca Sandomingo local.
O escritor vivía no hotel Cuba, sito no edificio que preside a praza das Tres Farolas (pero non enriba de onde hai un comercio de alimentación, senón no lateral, hacia a rúa do Salgueiro); alí compartía aloxamento co presbítero Pernas Nieto, do que falamos antes, que tamén era escritor.
De igual maneira que Elena Quiroga conta hoxe cunha placa no chalé da avenida Escola de Gaitas onde residiu uns meses e escribiu a premiada Viento del norte, tal vez non sería mala idea lembrar esta efeméride dos 85 anos da chegada de Cunqueiro cunha placa a colocar no edificio onde morou o ilustre escritor. Dito queda.
--------------
Texto: Xosé Mª Torres
Anexo: reproducimos o expediente académico de Álvaro Cunqueiro Mora. Arquivo Universitario da Universidade de Santiago (AHUS).
Ningún comentario:
Publicar un comentario